
As literaturas potencias son un procedemento literario baseado no uso de homónimos e xogos de palabras, literaturas que resultaron claves en autores posteriores como o grupo Oulipo, un grupo de experimentación literaria fundado en 1960 polo escritor Raymond Queneau e o matemático François Le Lionnais.
De todo isto, e moito máis, fálase este xoves e venres en Vigo, e faise da man dun selecto grupo de especialistas chegados de todo o mundo, desde Canadá ata Xapón, pasando por Francia, Bélxica, Noruega, Chipre, Italia ou Holanda.
Partindo da reflexión de Georges Perec sobre o infraordinario, o congreso expón como as regras de escritura poden renovar a ollada sobre a vida corrente e xerar novas formas de escritura. Nesta liña os seus responsables explicaron como o Oulipo buscou fusionar matemáticas e literatura mediante trabas, o que lle valeu críticas pola súa aparente distancia do mundo real. Porén, analizamos se estas prácticas permiten unha aproximación crítica e creativa ao cotián, explicou Salceda, ao tempo que puxo enriba da mesa exemplos como os paseos alfabéticos de Roubaud, os poemas no metro de Jouet ou o proxecto Lugares de Perec.
Coorganizado entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle
A apertura do encontro, celebrada a primeira hora da mañá, contou coa participación da vicerreitora de Relacións Internacionais, Maribel del Pozo; o director do instituto iLingua da Universidade de Vigo, Javier Pérez Guerra, e a secretaria do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, Ana Bringas, xunto cos codirectores do encontro, Hermes Salceda e Alain Schaffner.
Maribel del Pozo agradeceu aos organizadores o excelente traballo levado a cabo na organización do congreso, así como a todos cantos contribuíron a facelo realidade. Para min, como vicerreitora de Internacionalización, é unha gran satisfacción asistir a un congreso que exemplifica claramente o espírito internacional desta universidade, indicou a vicerreitora, quen, como lingüística e tradutora, resaltou a ledicia que lle supón asistir a un encontro no que se evidencia a importancia das linguas para conectar comunidades e derribar fronteiras.
Pola súa banda, a profesora Ana Bringas agradeceu aos organizadores a celebración dun encontro que é froito de anos de estreita colaboración entre universidades e países, neste caso a Universidade de Vigo e a Sorbonne Nouvelle, un exemplo claro do diálogo internacional no que se unen academia e sociedade. Pola súa banda, o director do instituto iLingua, Javier Pérez Guerra, convidou aos asistentes a visitar o campus e, máis concretamente, a Facultade de Filoloxía e Tradución, sede do iLIngua , paraugas que acolle a investigación sobre linguas que se realiza na UVigo. Para min é un auténtico pracer estar rodeado de compañeiros e, se ben non son especialista nas cuestións que aquí se van tratar, agardo que o encontro sexa moi frutífero para todos vós e que lle sacades moito proveito a todas as actividades que se van levar a cabo.
Alain Schaffner, en representación da Université Sorbonne Nouvelle, agradeceu a participación de todos os poñentes e participantes chegados desde diferentes partes do mundo. Benvidos a todos, arrancamos unha xuntanza cun programa impresionante, explicou o docente francés, quen remarcou que a colaboración entre a UVigo e a Sorbonne Nouvelle remóntase a hai máis de 20 anos, participando neste tempo de maneira conxunta en diferentes proxectos internacionais.
Tamén Hermes Salceda, director local do congreso, remarcou o feito de que encontro que se inscribe nunha longa colaboración que empezou hai anos con distintos proxectos, e seguramente haberá máis. Nesta liña, centrándose xa na cita desta semana, salientou que un dos grandes obxectivos do encontro é vincular máis a sociedade en todo este proceso, para o que se organizaron diferentes eventos, tanto no museo MARCO como a inauguración onte xoves na Galería Sirvent dunha exposición de Isaac Pérez Vicente sobre Raymond Roussel.
Da base teórica ás aplicacións máis experimentais das literaturas potenciais
Tras a apertura arrancou un programa que combina intervencións de carácter máis teórico centradas na análise das literaturas potenciais e na herdanza de Raymond Roussel con estudos de caso e aproximacións prácticas que amosan como estas técnicas poden aplicarse á creación contemporánea. Neste sentido, as sesións abordan cuestións como o uso de restricións formais na escritura, a relación entre literatura e matemáticas ou a capacidade destas prácticas para reinterpretar o cotián desde unha perspectiva crítica.
Ademais das sesións académicas, o encontro, tal e como lembrou Salceda, incluíu actividades complementarias que amplían o seu alcance máis alá do ámbito universitario, propostas expositivas e accións culturais na cidade, reforzando a idea de que as literaturas potenciais non son só un obxecto de estudo, senón tamén unha práctica viva e aberta á sociedade.
Neste contexto, o congreso consolídase como un foro plural no que se exploran as múltiples dimensións das chamadas literaturas potenciais, desde a súa base teórica ata as súas aplicacións máis experimentais. Durante dous días, Vigo convértese así nun espazo de reflexión compartida onde o ordinario e o infraordinario se reinterpretan a través da escritura, abrindo novas vías para pensar a relación entre literatura e realidade.
O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.