
A obra de Louise Ward Morris, froito deste diálogo arte-ciencia, céntrase nunha investigación escultórica sobre a materialidade da imaxe dixital. A mostra cuestiona o pensamento de que as imaxes dixitais son inmateriais. Segundo a artista, as pantallas actúan igual ca un espellismo, onde os cristais líquidos interaccionan coa luz e a electricidade para conformar as imaxes. Mediante o proceso de construción nos laboratorios e no Fab Lab, Morris busca facer visible un medio tecnolóxico que foi deseñado precisamente para ser invisible aos nosos ollos.
Ao longo da súa residencia, a artista contou coa colaboración directa dos grupos de investigación científicos LISTE e UDCSOLIDS, así como do FabLab ETSAC, que facilitou os espazos e recursos necesarios.
O acto de inauguración contou cunha representación institucional destacada. Así, xunto co director do CICA, Carlos Platas, acudiron Jesús Carrillo, Subdirector Xeral de Artes Visuais e Creación Contemporánea do Ministerio de Cultura do Goberno de España; Cristina Naya, Vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte; e Jerónimo Puertas Agudo, Vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC.
O director do CICA, Carlos Platas, subliñou no acto que esta conexión entre o coñecemento científico e a expresión artística é unha responsabilidade que asumen como centro de investigación para pór a ciencia ao servizo da sociedade. Baixo o enfoque One Health co que se traballa no centro, a interdisciplinariedade resulta fundamental para afrontar os grandes retos actuais.
Pola súa banda, Jesús Carrillo, subdirector xeral de Artes Visuais e Creación Contemporánea do Ministerio de Cultura, sinalou que as preocupacións entre artistas da xeración de Louise e os científicos son similares e amosou o seu desexo de que a colaboración entre Ministerio e CICA continúe e siga dando froitos.
Así mesmo, o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas, engadiu que a implicación coa cultura dende a universidade é unha materia troncal. Na mesma liña, a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, Cristina Naya, declarou que a mostra de Ward Morris simplifica moi ben a idea que se ten dende a universidade cando se atopan e dialogan a ciencia e a arte.
Ao remate do acto, o público puido gozar dun percorrido guiado pola exposición a cargo da propia artista.
O programa de residencias artísticas Tabacalera está impulsado polo Ministerio de Cultura do Goberno de España e por Next Generation UE.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas e que, actualmente, conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Pograma Galicia FEDER 20212027 e forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación no sistema universitario galego.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.
O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.