Noticias

Galicia convida ás entidades europeas de seguridade aérea a cooperar para acelerar o desenvolvemento das operacións con vehículos aéreos non tripulados

A Xunta de Galicia convida ás entidades europeas responsables da seguridade da navegación aérea a establecer colaboracións para acelerar o desenvolvemento tecnolóxico e regulamentario das operacións con vehículos aéreos non tripulados e así potenciar o desenvolvemento da industria europea no mercado mundial. Representantes institucionais e técnicos de Eurocontrol (organización europea para a seguridade da navegación aérea), da Axencia Europea de Seguridade Aérea (European Union Aviation Safety Agency, EASA), e da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) participaron hoxe nunha demostración de casos de uso dos simuladores U-Space do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), unha infraestrutura única na contorna europea.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou que os dous simuladores desenvolvidos por Boeing e Indra permiten situar a Galicia e a España na vangarda do desenvolvemento da tecnoloxía e das operacións seguras con vehículos non tripulados e puxo en valor que é o momento de que estas infraestruturas se teñan como referencia a nivel europeo para facer probas complexas e así incentivar o avance do sector e xerar novos mercados para as operacións seguras dos drons.

Os dous simuladores U-Space do CIAR foron desenvolvidos por Boeing e Indra, coa colaboración de 13 empresas, centros tecnolóxicos e entidades, no marco dun contrato de Compra Pública de Innovación financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), e fondos europeos Feder do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020; permiten mellorar a eficacia e seguridade das probas con tecnoloxías de aeronaves non tripuladas, minimizando os riscos na súa implementación e simulando unha ampla variedade de escenarios antes de proceder a realizar as actividades de voos de forma física.

Encontro con empresas da BFAero

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, reuniuse hoxe coas 11 startups que participan na cuarta edición da Business Factory Aero (BFAero) no marco dunha xornada de traballo que se celebrou na Fundación CEL Iniciativas por Lugo baixo o título Innovando para o futuro.

Cabe sinalar que a Fundación CEL vén de ser recoñecida como o mellor viveiro de empresas de España no último estudo da Fundación Cajas de Ahorro (Funcas) e a Fundación Rey Juan Carlos sobre os servizos que prestan os viveiros e aceleradoras de empresas en España 2023-2024; e que a Business Factory Aero se sitúa entre os dez mellores programas nacionais de servizos avanzados para startups.

Ademais, visitou a empresa Kreios Space que forma parte do itinerario de incubación da 4ª edición da BFAero, de orixe catalán pero que xa despregou boa parte do seu equipo en Galicia e que resultou seleccionada entre as 7 empresas finalistas do Spacetech Startup Competition do South Summit. O seu proxecto empresarial está centrado no desenvolvemento de sistemas de propulsión eléctrica autónoma para satélites que operan en órbitas terrestres moi baixas (VLEO) co obxectivo de reducir custos e aumentar a resolución de imaxes ata 16 veces.

Desde o 26 de maio e ata o 19 de xullo está aberto o prazo de presentación de propostas para a quinta edición da BFAero, co que a Xunta busca captar 11 novos proxectos de alto impacto do sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados. Os proxectos seleccionados beneficiaranse dun completo programa de apoio que contempla a mentoría por empresas e profesionais do sector, formación especializada, acceso a infraestruturas, incorporación ao ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, espazo para desenvolver a súa actividade, acceso a investidores e apoio económico.

R., 2023-05-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES