//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias tecnologia
Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso sobre esta tecnoloxía en Santiago entre o 18 e o 21 de xuño no marco do consorcio europeo Ibero+, unha iniciativa liderada desde a UVigo e que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable. O obxectivo do curso, organizado neste caso pola USC e a Universidad Carlos III de Madrid, é dar a coñecer as diferentes técnicas da bioimpresión e as súas aplicacións biomédicas entre públicos moi diversos.
O Polo Aeroespacial de Galicia participou esta semana en Xponential 2024, un dos eventos internacionais de referencia na industria dos vehículos e sistemas aéreos non tripulados que se celebrou no San Diego Convention Center, en San Diego, California, onde presentou os avances en I+D+i aplicada ás tecnoloxías dron desenvolvidos no marco da iniciativa. Galicia contou con espazo propio no pavillón de España, que compartiu co Consorcio Aeronáutico Galego, así como con empresas e centros de coñecemento do ecosistema como Avincis, Telespazio Ibérica, Centum Research & Technology, Sense Aeronautics (spin off de Gradiant), Lagos Experience & Solutions e ITG Drone Solutions, do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.
O sector tecnolóxico galego xerou nos últimos cinco anos preto de 4.000 postos de traballo e pechou o 2023 con cerca de 23.000 empregos directos na Comunidade. O número de empresas tamén mantén un ritmo de crecemento constante nos últimos anos e suma 3.140, o que mantén á Comunidade no quinto posto da clasificación estatal. Son datos recollidos no informe do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), 'O Sector TIC en Galicia 2023', publicado hoxe. O documento do Osimga, entidade adscrita á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, sinala que o volume de facturación do sector TIC galego creceu no 2022 preto dun 14%, o que supón 450 millóns de euros máis e un total de 3.697 millóns de euros facturados.
A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.
Galicia vén de recibir o ofrecemento para formar parte dunha rede europea de rexións destacadas pola implantación temperá da intelixencia artificial. A nosa comunidade presentou na capital comunitaria os avances da lei galega de intelixencia artificial, así como as principais actuacións que se están levando a cabo para a promoción desta tecnoloxía. No marco do eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030 que promove a especialización da nosa comunidade en tecnoloxías de alto impacto, a delegación galega reafirmou ante os representantes europeos a súa vocación de consolidarse como unha rexión de referencia en intelixencia artificial.
O Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina, CINBIO, da Universidade de Vigo é unha das nove entidades seleccionadas para participar no consorcio europeo Adaptation, financiado con 3,6 millóns de euros de axudas Pathfinder da Unión Europea e que ten como principal obxectivo a creación dos novos dispositivos que marcarán o futuro da enerxía solar. Farano inspirándose nos procesos naturais de xestión enerxética máis eficientes da Terra: a fotosíntese e o arrefriamento radiativo terrestre. O proxecto arrancou este mes e nel a participación viguesa chega da man Grupo de NanoBioMateriais Funcionais, FunNanoBio, dirixido pola catedrática Isabel Pastoriza Santos, quen explica que o seu grupo de investigación achegará a este proxecto toda a súa experiencia en Química Coloidal e Materiais.
O pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, unha rede de colaboración entre a Administración, os centros tecnolóxicos e de investigación, as universidades e o sector empresarial para sumar esforzos e avanzar no liderado de Galicia en tecnoloxías cuánticas, reuniuse en Santiago para definir o seu plan de actuación para os próximos meses. A Rede integra á Xunta de Galicia; ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG); ao Cesga; ao Clúster TIC, aos Hubs de Innovación Dixital DIHGIGAL e DATAlife; ao centro tecnolóxico Gradiant; ao Fujitsu International Quantum Center e ao Centro de Tecnoloxías Fotónicas (Aephos).
Un total de 42 proxectos empresariais incubáronse, aceleráronse ou consolidáronse nas cinco edicións da Business Factory Aero, desde o seu inicio ata a actualidade. En concreto, 15 en itinerario de incubación, 21 en aceleración e 6 en consolidación, ás que se sumarán as tres que se seleccionarán nesta nova convocatoria que hoxe se lanza. Os proxectos das cinco primeiras edicións da BFAero, que ten a súa sede central en Lugo, xeraron 182 empregos; mobilizaron un investimento de 2,78 M (propio, de XesGalicia e de investidores externos); e rexistraron unha facturación conxunta de 6,54 M desde o inicio do programa en 2019.
A Comisión de Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da Intelixencia Artificial en Galicia celebrou hoxe a súa segunda reunión en Santiago de Compostela, para avanzar no debate sobre os contidos do proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, que se atopa actualmente en elaboración. En concreto, neste segundo encontro buscouse coñecer a opinión dos expertos sobre as posibles alternativas para a xestión e seguimento da implantación desta tecnoloxía na Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia.
A Universidade de Vigo, a través do Centro de Investigación Mariña (CIM) e o grupo de investigación ETEA, e a Autoridade Portuaria de Vigo (APV) forman parte do consorcio Allwaters, seleccionado polo European Institute of Innovation and Technology (EIT) para liderar EIT Water, a nova Comunidade Europea de Coñecemento e Innovación (Knowledge and Innovation Community). Este KIC estará dedicado a impulsar solucións fronte aos retos hídricos, mariños e marítimos de Europa.
Nun momento no que a IA promete optimizar desde redes enerxéticas ata sistemas agrícolas, esa mesma tecnoloxía impón un dilema: Como reconciliar o seu avance coa urxencia climática? A nova onda de 'IA verde' non só busca ser intelixente, senón tamén sostible. Con esta premisa como punto de partida, comezou hoxe na Coruña o I Simposio en Intelixencia Artificial Verde, unha iniciativa impulsada pola Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, que se celebra este martes e mércores, 25 e 26 de novembro de 2025, no CITIC da Universidade da Coruña.
Unha nova investigación no xacemento de Valdavara 1 (Becerreá, Lugo) sobre a estratexias de subsistencia dos cazadores-recolectores que hai uns 17.000 anos, durante o final do Paleolítico superior, ocuparon a Serra dos Ancares revela a importancia do rebezo na dieta tanto dos nosos antepasados como na dos carnívoros da zona. O traballo inclúe a análise de máis de 2.000 restos fáunicos recuperados ao longo da secuencia paleolítica do xacemento.
Desde hai 24 anos, profesorado da Facultade de Ciencias da USC xunto co Instituto Multidisciplinario de Publicacións Dixitais (MDPI, polas súas siglas en inglés) organiza a Conferencia Electrónica Internacional sobre Química Orgánica Sintética (ECSOC), un evento virtual científico que se está a desenvolver durante este mes de novembro cun programa no que se presentan 167 comunicacións completas de varios países.
Allariz acolle a primeira asemblea xeral presencial do proxecto europeo Storcito. Liderado pola UVigo e con case 4,9 millóns de euros de orzamento, a iniciativa reúne a once socios de cinco países co obxectivo de fomentar a innovación multidisciplinar en ámbitos chave das zonas rurais europeas: a xestión sostible dos recursos e prevención de incendios forestais, a transición a sistemas enerxéticos sostibles e a consecución dunha mobilidade sostible, inclusiva e climaticamente neutra.
A Comisión Europea acaba de facer pública a concesión do primeiro Centro Europeo de Excelencia Cuántica en Europa no que participará Galicia a través de USC, UDC e do Centro de Supercomputación de Galicia. Este centro, financiado pola Empresa Común de Computación de Altas Prestacións Europea, está impulsado por un consorcio de once socios de cinco países e ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas e garantir o liderado europeo en computación cuántica.
O centro de investigación atlanTTic da UVigo participa no proxecto europeo DistriMuSe (Distributed Multisensorial Systems), unha iniciativa destinada a mellorar a saúde e a seguridade das persoas mediante o uso de sistemas multisensor, procesamento distribuído e técnicas avanzadas de aprendizaxe automática. No proxecto, coordinado polo Centro de Investigación Técnica VTT de Finlandia, colaboran máis de 50 socios.
Vigo converterase durante tres días no epicentro da ciencia, a transferencia e a innovación universitaria española. Do 18 ao 20 de novembro, a UVigo acolle as XXXI Jornadas de Investigación de las Universidades Españolas da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, un lugar de encontro no que preto de 700 responsables da política científica e xestión de I+D+i daranse cita para intercambiar experiencias e formular novas estratexias.
Neste 2025 está a celebrarse o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas, coincidindo co centenario da publicación, en 1925, dalgúns dos artigos que sentaron as bases da mecánica cuántica, coa conseguinte revolución da nosa comprensión do mundo natural. Co gallo desta efeméride, a Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, achégase desde perspectivas moi diversas a esta disciplina, esencial para o desenvolvemento da física moderna.
A aparición de mutacións fármaco resistentes constitúe un grave problema na loita contra os microorganismos patóxenos. Os métodos actuais, baseados na análise de resistencia xenotípica, non permiten predicir os cambios evolutivos, provocando a ineficacia dos tratamentos. Facer fronte á fármaco resistencia é o obxectivo do proxecto Preres, Predicting protein evolutionary trajectories toward resistance against antiretroviral treatments.