Notas de prensa

Investigadores do CIM estudan o papel do plancto mariño no almacenamento de CO₂ nos océanos

O investigador do Centro de Investigación Mariña da UVigo Pablo Serret está a desenvolver un estudo que permitirá analizar o papel das comunidades planctónicas no almacenamento de dióxido de carbono nos océanos. O proxecto PRO2MS, que conta cun financiamento de 56.250 euros do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación, abordará unha das principais incógnitas da oceanografía.

Trátase de como varía a respiración do plancto mariño e como condiciona a capacidade do océano para actuar como sumidoiro de carbono, un proceso clave na loita contra o cambio climático.

A chamada bomba biolóxica de carbono (BBC) é o mecanismo que permite trasladar carbono desde a superficie do océano ata as súas profundidades, contribuíndo a reducir a concentración atmosférica de CO₂. Este proceso causa arredor do 90% do gradiente vertical de CO2 no océano e, na súa ausencia, estímase que a concentración atmosférica de CO2 sería o dobre da actual.

Os modelos climáticos actuais aínda non incorporan de forma precisa a variabilidade deste proceso, debido á escaseza de datos sobre a respiración do plancto. O proxecto PRO2MS busca cubrir esa lagoa de coñecemento mediante a combinación de observacións en campo, experimentación en mesocosmos e modelización preditiva. Concretamente, a través dunha serie semanal de medidas ao longo de tres anos na ría de Vigo, Serret recollerá datos que poderían representar ata o 50% da base de datos global existente a día de hoxe sobre respiración oceánica. Igualmente, estes datos permitirán desenvolver novos modelos preditivos que melloren a capacidade para proxectar os posibles cambios futuros na bomba biolóxica de carbono.

Esta serie temporal realizarase nas instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), en colaboración co Sistema de Observación Costeira Radial Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC). Pablo Serret especificou que “nós medimos o metabolismo planctónico, o que é central para o proxecto (respiración e fotosíntese), a partir dos cambios na concentración de O2 na auga en incubacións de mostras naturais que se realizan nas instalacións do mesocosmos da Ecimat do CIM”.

Un proceso esencial do que apenas hai datos

“O océano funciona como un pulmón do planeta grazas á actividade do plancto”, explica Serret. “A fotosíntese do fitoplancto retira CO₂ da auga, pero a respiración dos organismos planctónicos devolve parte dese carbono. Comprender mellor ese balance é esencial para estimar canto CO₂ poden almacenar os océanos no futuro”, engade. O investigador do CIM recalca que “coñecemos relativamente ben o control da fotosíntese no océano, ata o punto de que existen modelos capaces de predicir a súa resposta ante distintos escenarios ambientais, pero existe unha importante fenda no coñecemento da magnitude, variación e control da respiración, o que xera unha grande incerteza na estimación da BBC e do almacenamento de CO2 nos océanos”.

A base de datos xerada como resultado do proxecto estará dispoñible en repositorios públicos e realizaranse actividades de ciencia cidadá en centros educativos da contorna para difundir entre a sociedade o traballo realizado. Ademais, as ferramentas e modelos desenvolvidos integraranse nos servizos de avaliación de risco climático que o CIM está a promover no marco do proxecto de Horizonte Europa IRISCC (Iniciativa de Servicios de Infraestructura de Investigación Integrada para Riesgos del Cambio Climático).

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-08-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES