//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias tecnologia
Galicia e Portugal colaborarán ata 2026 na mellora da selección e tratamento de residuos de envases mediante o uso da intelixencia artificial a través do proxecto europeo Gresint. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de preto de 800.000 euros, contribuirá a modernizar as infraestruturas existentes de xestión de residuos e optimizar os seus resultados. Os traballos incluirán a instalación de novos sensores en cintas e motores das plantas de tratamento de Cerceda e Porto, co obxectivo de separar mellor os residuos; o uso de dispositivos para detectar de xeito áxil os materiais que non poden recuperarse; e o emprego de intelixencia artificial e de robots para axilizar todo o procedemento.
Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.
Comeza o procedemento de elaboración e aprobación do plan director, no que, como primeiro fito, se levará a cabo unha consulta pública a través do portal de transparencia e goberno aberto para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas. Ademais, na elaboración do plan participarán as consellerías con competencias nesta materia, así como o sector privado, representantes dos traballadores e resto de axentes implicados, como é o caso do Clúster TIC Galicia.
O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal consolidouse en 2023 como espazo de referencia para o ecosistema galego da seguridade de información, coa incorporación de 10 grandes empresas e a realización ou participación en todo tipo de iniciativas de concienciación, promoción do talento e do coñecemento e prestación de servizos. Na actualidade, son xa máis de 50 as administracións, universidades, empresas e institucións que forman parte deste modelo de colaboración creado en 2020. Os responsables de CIBER.gal presentaron recentemente, ante a Asemblea do Nodo, a Memoria correspondente a súa actividade no 2023.
O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, participou no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no acto de lanzamento do proxecto Innov4life, o novo programa no que Galicia e Portugal colaborarán na procura de novas solucións dixitais para abordar as demencias e a dexeneración cognitiva. Así, mediante unha dotación económica de 1,5 millóns de euros (a través do Programa Interreg POCTEP) e unha duración de tres anos, o proxecto establecerá un LivingLab que contará con instalacións na cidade de Vigo e na Santa Casa dá Misericórdia de Riba de Ave (Portugal).
Investigadores do campus de Ourense, ligados á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, realizaron un estudo de viabilidade dunha misión ao planeta Marte usando propulsión solar eléctrica, en contraposición coa propulsión química, que é o método empregado tradicionalmente no espazo. Nel demostran a súa superioridade e presentan un deseño preliminar completo dun satélite con este sistema eléctrico. O traballo foi publicado recentemente na revista Acta Astronautica nun artigo titulado Feasibility study of a solar electric propulsion mission to Mars e está asinado por Marco Casanova, Fermín Navarro e Daniele Tommasini (egresado e profesores respectivamente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo).
Cinco anos despois do seu lanzamento a bordo dunha nave Soyuz dende a base espacial rusa de Vostochny, en Siberia, o Lume-1 reentrou este mércores na atmosfera. Neste tempo, o satélite da Universidade de VIgo completou máis de 28.700 órbitas arredor da Terra, percorrendo unha distancia aproximada de 1300 millóns de quilómetros. A mensaxe de reentrada na atmosfera recibiuse ás 04.04 horas desta madrugada e a última transmisión na estación de Vigo tivo lugar onte martes. Aínda que a vida útil destes nanosatélites é reducida, entre 6 meses e 1 ano, o Lume superou non moito estas expectativas e fíxoo con todos os seus compoñentes en perfecto estado, o que é pouco común despois de tanto tempo exposto ao ambiente espacial.
A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, clausurou esta tarde o acto de presentación das conclusións das Consultas Preliminares ao Mercado do novo Plan de innovación PRECISAÚDE, un evento no que anunciou que o Sergas recibiu un total de 83 propostas innovadoras na súa fase preliminar. Durante o acto, que se desenvolveu na sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o xerente da ACIS, Antonio Fernández-Campa, destacou a alta participación de empresas e centros de I+D+i, o que demostra o interese espertado por PRECISAÚDE.
O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia celébrase anualmente en torno ao 11 de febreiro en recoñecemento ao papel que desempeñan as mulleres na comunidade científica e tecnolóxica. As liñas de actuación para incrementar a presenza de nenas nas carreiras STEM pasan por atraer ás nenas cara á ciencia e a tecnoloxía e romper os estereotipos de xénero, achegándolles referentes femininos ou fomentando a elección non sesgada dos estudos. A Axencia Galega de Innovación desenvolve programas de Fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, coma os espectáculos no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol centrados na importancia das mulleres científicas e tecnólogas na historia.
O principal obxectivo do programa Fly The Future é espertar no estudantado de educación secundaria a vocación polas carreiras universitarias STEM para potenciar a súa empregabilidade no futuro, en centros de investigación e empresas como as que atoparán no Polo Aeroespacial de Galicia. Avincis, cunha importante presenza na comunidade, é un dos socios tecnolóxicos e industriais no Polo Aeroespacial de Galicia, onde está a desenvolver un programa de I+D en colaboración coa compañía Telespazio centrado en dar resposta a retos relacionados coa biodiversidade a través de tecnoloxías de sistemas non tripulados.
Un equipo de investigación da USC e do CISPAC documentou os petróglifos do Parque Arqueolóxico da arte rupestre de Campo Lameiro empregando técnicas de fotogrametría terrestre e aérea (con dron) para xerar modelos tridimensionais de alta resolución, co obxectivo de garantir a conservación, o estudo e a difusión deste patrimonio.
A astrofísica viguesa Begoña Vila, enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA, é desde este mércores a 31ª doutora honoris causa da Universidade de Vigo. Ela recibiu este mércores o máis alto galardón académico en recoñecemento a un traballo que 'permitirá que a sociedade enteira poida coñecer con ollos novos o marabilloso que é o noso Universo'.
'O iTERRA nace cunha convicción clara: a saúde das persoas, a saúde dos animais e a saúde do planeta están profundamente interconectadas'. Con estas verbas definiu Marta López Alonso, directora comisaria do Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible, o que será o alicerce deste novo instituto que desenvolveu este martes no edificio Cactus do Campus de Lugo, a reunión constitutiva da Xunta de Goberno.
Este xoves arrancou na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense a celebración do XVII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, organizado polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo e a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (Sgapeio). A cita reúne a arredor de 130 profesionais co obxectivo de contribuír á divulgación dos avances na teoría, nas aplicacións e na didáctica destas disciplinas das matemáticas.
A Universidade de Vigo, a empresa Ganadería Autóctona SL e a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne están a desenvolver o proxecto Galdrón, centrado no emprego de drons para implementar un sistema de gandaría de precisión para vacúns e equinos criados en extensivo. O seu obxectivo é contribuír a modernizar a gandaría galega mediante o uso de tecnoloxías avanzadas e incrementar a súa eficiencia e sostibilidade.
Do 23 ao 25 de outubro, o campus de Ourense acollerá a celebración do XVII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, organizado polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo e a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (Sgapeio). O seu obxectivo é contribuír á divulgación dos avances na teoría, nas aplicacións e na didáctica destas disciplinas das matemáticas.
MetBioCat, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC, acaba de ser recoñecido na categoría de grupos de investigación no marco dos IX Premios GCiencia Galicia Spin-Off . Os galardóns recoñecen tamén dúas empresas de base tecnolóxica emerxidas da USC, trátase de AMS-Lab na categoría de Selo de Calidade, saída do Campus de Lugo, e Ventilatio Lab na de Idea Emerxente, nacida no campus compostelán.
O Centro de Investigación Mariña da UVigo organiza o martes e o mércores no edificio Redeiras un encontro no que participan 18 expertos en peixes migratorios procedentes de institucións de EEUU, Reino Unido, Austria, Países Baixos, Hungría, Portugal e España. O Barrier Passability Expert Workshop, coordinado polo investigador Carlos García de Leaniz, ten como obxectivo avanzar no desenvolvemento de novas metodoloxías baseadas na IA.
Baixo a coordinación do grupo HydroForest, da Escola de Enxeñaría Forestal, investigadoras e investigadores de seis países traballan no desenvolvemento dunha plataforma dixital que combine datos multidimensionais e multiescala con ferramentas de intelixencia artificial e de análise xeoespacial co propósito, sinalan, de 'revolucionar as metodoloxías de xestión dos recursos hídricos'.
Os traballos premiados abranguen diversos temas dentro da enxeñaría informática e das tecnoloxías emerxentes, incluíndo investigacións en ciberseguridade, co desenvolvemento de ferramentas para analizar vulnerabilidades en Internet das Cousas, e en realidade virtual aplicada á inclusión, mediante contornos inmersivos que axudan a persoas con lesións medulares a adaptarse ao uso da cadeira de rodas ou a visualizar reformas de vivendas.