Notas de prensa

atlanTTic impulsa o acceso aberto ao patrimonio cultural europeo co proxecto 3DBigDataSpace

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo, atlanTTic, está a participar no proxecto europeo 3DBigDataSpace, liderado pola empresa australiana Time Machine Organisation, a principal organización internacional de cooperación en tecnoloxía, ciencia e patrimonio cultural, e que busca potenciar o acceso, visualización e contextualización de contidos 3D e 4D sobre o patrimonio cultural europeo.

O proxecto pretende crear unha infraestrutura europea aberta para o almacenamento e uso de contido patrimonial, agregando máis de 50.000 modelos 3D e integrando recursos en plataformas recoñecidas como Europeana e Zenodo. Deste xeito, a través de tecnoloxías avanzadas como a intelixencia artificial (IA) e a realidade aumentada (AR), crearase un ecosistema innovador que permita a agregación, visualización e uso destes recursos por investigadores, profesionais do patrimonio, estudantes e a sociedade en xeral.

Como explican Silvia García Méndez e Francisco de Arriba Pérez, investigadores de atlanTTic responsables do proxecto na Uvigo, obxectivo é “ampliar de maneira significativa o número de contidos 3D de alta calidade sobre o patrimonio cultural europeo, promovendo a súa agregación desde diferentes provedores” e “establecendo un sistema de almacenamento estable e a longo prazo a nivel europeo, que facilite a preservación e reutilización destes recursos”.
O proxecto conta cunha financiación total de 1.94 millóns de €, do que 972.045,78 € será subvencionado pola Unión Europea.

Ferramentas innovadoras e contido accesible

3DBigDataSpace integra un conxunto de tecnoloxías avanzadas que permitirán crear solucións punteiras no ámbito do patrimonio dixital, entre as cales destacan o deseño e modelado 3D e 4D, centrado na representación precisa de contidos patrimoniais e históricos; a realidade aumentada aplicada ao contexto cultural e turístico, especialmente no desenvolvemento dunha aplicación móbil para o Camiño de Santiago e o Camiño a Roma, liderada pola UVigo; e aplicacións multiplataforma, garantindo un acceso amplo e universal.

A IA constitúe unha peza central no desenvolvemento do proxecto ao facilitar tanto a xestión automatizada de contidos como a creación de experiencias personalizadas e accesibles para os usuarios. Estas tecnoloxías non só optimizarán a eficiencia operativa do proxecto, senón que tamén mellorarán a calidade da experiencia cultural, facendo que o acceso ao patrimonio dixital sexa máis inclusivo, contextualizado e enriquecedor para un público amplo e diverso.

Aplicación móbil para o Camiño de Santiago

Un dos fitos destacados do proxecto consistirá no desenvolvemento dunha experiencia de realidade aumentada enriquecida para o Camiño de Santiago e o Camiño a Roma, mediante unha aplicación multiplataforma que se levará a cabo desde atlanTTic. “Esta ferramenta permitirá que os peregrinos accedan a contido enriquecido mentres realizan a ruta, mellorando a súa experiencia cultural e inmersiva”, detallan os investigadores líderes na UVigo.

A principal finalidade do equipo investigador será deseñar e implementar experiencias 3D e 4D baseadas na localización, co fin de guiar os peregrinos ao longo das diferentes rutas destes dous camiños. Esta solución permitirá incorporar elementos de realidade aumentada que contextualicen o patrimonio in situ; mellorar a experiencia dos usuarios mediante contido dixital adaptado ao seu percorrido, fomentar o uso de tecnoloxías inmersivas en contornos culturais, tanto urbanos como rurais.

Os investigadores sinalan que “estas ferramentas están pensadas para beneficiar a un amplo abano de usuarios, tanto cidadanía en xeral que poderá acceder a contido 3D e 4D das súas cidades, como peregrinos e turistas que poderán desfrutar de experiencias culturais inmersivas en rutas históricas, así como institucións culturais que disporán de novos medios para presentar o seu patrimonio de forma innovadora e accesible, e mesmo administracións locais e empresas tecnolóxicas que poderán aplicar estas solucións en ámbitos urbanos e rurais”.

Parte do desenvolvemento destas aplicacións estará pensado para funcionar en contornas con baixa conectividade, garantindo así o acceso aos contidos en zonas rurais, un aspecto clave para a democratización tecnolóxica e a inclusión territorial. A participación de atlanTTic contribuirá así a un dos fitos máis visibles e aplicados do proxecto, cun enfoque directo na interacción entre tecnoloxía, territorio e cultura.

Proxecto con impacto internacional

No proxecto 3DBigDataSpace, que arrancou en febreiro e terá unha duración de 18 meses, está implicadas universidades, centros de investigación, museos e empresas tecnolóxicas de toda Europa, dende Alemaña ata Países Baixos, Italia, Irlanda, Polonia, Bélxica e España, ademais da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (España). A UVigo participa a través do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) de atlanTTic, cun equipo con ampla experiencia en IA, aprendizaxe automática, procesamento da linguaxe natural e no deseño de aplicacións móbiles accesibles. “O proxecto representa unha oportunidade única para investigadores e institucións culturais, xa que facilitará o acceso a contido 3D/4D e textual de forma accesible e interactiva a través de tecnoloxías de realidade aumentada”, destacan Silvia García e Francisco de Arriba.

Patrimonio dixital para a sociedade

O proxecto 3DBigDataSpace ten unha forte vocación educativa e de divulgación, e contempla a creación de recursos dixitais para museos, escolas e centros culturais, adaptados a diferentes niveis de aprendizaxe e accesibles a públicos diversos. Están previstas actividades como obradoiros, eventos de formación, casos de demostración xunto con 'toolkits' educativos e tecnolóxicos, que permitirán transformar as visitas tradicionais en experiencias participativas, colaborativas e inmersivas.

No caso concreto da aplicación deseñada por atlanTTic para os peregrinos do Camiño de Santiago e do Camiño a Roma, espérase que sexa unha ferramenta educativa clave, que permita aos usuarios vivir o percorrido como unha experiencia enriquecida de realidade aumentada, con contidos históricos, culturais e visuais adaptados ao seu contexto.

Segundo os investigadores de atlanTTic, “esta ferramenta permitirá implicar a asociacións locais, concellos e establecementos do rural no deseño e uso da ferramenta; potenciar o turismo cultural e rural, xerando un impacto positivo no tecido socioeconómico das rutas, e fortalecer os vínculos con novos socios europeos ligados ao patrimonio e ao turismo, abrindo novas oportunidades de colaboración internacional para a UVigo”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-07-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES