Noticias

Futurgal Summit 2023 arranca a súa programación pondo o foco no apoio ao emprendemento

Deste o xoves pola tarde e ata o vindeiro martes, Ourense acolle a celebración de Futurgal Summit 2023, unha cita na que participan máis de 50 especialistas. A través de experiencias de éxito e o coñecemento disruptivo, quere profundar en “ideas audaces e transformadoras para resolver os novos desafíos da sociedade e construír un futuro sostible e inclusivo”. As súas primeiras sesións estiveron dedicadas a diferente apoios que teñen as persoas emprendedoras para sacar adiante os seus proxectos. O evento está organizado pola Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo.

Enmárcase na estratexia Spain Up Nation e está financiado pola Unión Europea-Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ademais de apoiado polo Ministerio de Industria, Comercio y Turismo e a Escuela de Organización Industrial (EOI).

Este venres, a actividade comezou cunha mesa redonda sobre instrumentos públicos como impulso para o desenvolvemento empresarial na que participaron David Martínez, tesoureiro da Confederación Empresarial de Ourense e presidente da Asociación de Autónomos de Ourense; Patricia Pérez, directora territorial de Comercio do ICEX en Galicia; Covadonga Toca, directora do Instituto Galego de Promoción Económica Igape, e Raquel Rodríguez, de XesGalicia. As responsables destes órganos explicaron ao público asistente as diferentes liñas de axudas e recursos que teñen para empresas e emprendedores e David Martínez lembrou a importancia de que nelas se teña en conta ao colectivo de autónomos pois, indicou, "en Galicia representan o 98% do tecido empresarial". Tamén houbo mesas redondas sobre financiamento e aceleración en procesos emprededores e propostas de investimento para este colectivo, entre outras. Ademais, nesta segunda xornada a actividade arrancou en Expourense abordando temas como o panel de pagos, os nómadas dixitais e coliving en Galicia e sobre todo de turismo e deporte. Esta programación súmase á celebrada o xoves pola tarde con varias mesas redondas sobre polos de emprendemento e apoio ao emprego por parte da Xunta de Galicia (na que participou Elena Rivo, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, e negocios como Galletas Daveiga) e sobre emprendemento no rural con tecnoloxía (coa presenza de proxectos empresariais como Recarbo, Luxsit, Biopraedium e Nosa Enerxía).
Máis programación

Tras este arranque, ao longo dos días de celebración participarán en Futurgal, entre outros especialistas, o experto en innovación Enrique Dans; a escritora e divulgadora Elsa Punset; Bernardo Quintero, fundador de VirusTotal (clave na elección de Málaga para o centro de ciberseguridade de Google); a deseñadora Ágata Ruiz de la Prada; Juan Verde, asesor do presidente de EEUU Joe Biden; o ex-ministro Francisco Caamaño; Pepa Bueno, directora da Asociación de Creadores de Moda de España; o influencer Pobre Millenial, e os economista María Blanco e José Carlos Díez. Haberá conferencias pero tamén mesas redondas centradas en temas como o turismo, a globalización e as novas tendencias e o empredemento no mundo da moda e en América Latina. Igualmente desenvolveranse diferentes encontros e tamén haberá espazo para a presentación de proxectos por parte de emprendedores e emprendedoras a investidores e business angels.

R., 2023-12-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES