
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentou esta mañá na Cidade da Cultura a plataforma InnovaRede: Rede do ecosistema galego de innovación, o primeiro punto de acceso ás capacidades de I+D+i de Galicia co obxectivo de darlles visibilidade e fomentar a conexión entre os axentes do ecosistema galego de I+D+i. Segundo a directora de Gain, esta nova ferramenta nace para reforzar este ecosistema e seguir medrando a través da conexión das capacidades dos centros de coñecemento (centros tecnolóxicos, de investigación ou innovación, universidades e outros axentes de coñecemento) coas necesidades das empresas.
A súa finalidade é impulsar a colaboración entre os distintos axentes de demanda e oferta tecnolóxica dunha forma áxil, directa e aberta, para acelerar o proceso de desenvolvemento tecnolóxico, valorizar o coñecemento e que as pemes atopen os recursos e capacidades que precisan para innovar. InnovaRede nace con información de 35 axentes de I+D+i de Galicia e coa aspiración de seguir medrando. A plataforma recolle unha síntese de información priorizada de cada un deles sobre quen son, onde se atopan, como contactalos e a que se dedican. En total, a ferramenta inclúe 750 patentes, 3700 publicacións e 3500 proxectos, que representa o coñecemento de maior utilidade para as empresas.
O portal conta cun buscador na páxina de inicio que permite facer buscas en toda a información recompilada e categorizada en tecnoloxías de fácil comprensión, cadeas de valor, palabras chave e códigos Unesco, para cada axente e liña de I+D+i. Ademais, incorpora unha sección privada onde, dándose de alta, permite formular unha demanda tecnolóxica para a que non se atopou resposta nas descricións actuais de InnovaRede, á que se lle dará resposta consultando aos axentes ou dende a Administración. Por último, a web nace en tres linguas (galego, castelán e inglés) para facilitar a súa visibilidade fóra de Galicia.
Patricia Argerey avanzou tamén os seguintes pasos para que InnovaRede medre: convertela nun espazo para facilitar o uso compartido de infraestruturas e equipamentos científicos; crear o banco de patentes galegas e axudar a atopar a posibles usuarios ou explotadores; e ser un escaparate das oportunidades para traballar en Galicia no eido da I+D+i.
Argerey rematou convidando a todos os asistentes, máis de douscentos axentes do ecosistema galego de I+D+i, a usar a plataforma para fornecer o ecosistema e seguir medrando xuntos e agradeceu a participación de todos as persoas e centros de coñecemento que incorporaron información e fixeron achegas para mellorar a plataforma.
Mapas de apoios á I+D+i
No transcurso da xornada, tamén se adiantaron un ano máis os mapas de apoio á I+D+i da Axencia Galega de Innovación e da Xunta de Galicia para 2024 para dar facilitar a planificación dos potenciais beneficiarios. Fíxose especial fincapé nas convocatorias que abrirán a comezos do ano, como Bonos de Innovación, DeseñaPeme e InnovaPeme e aquelas que promoven a cooperación, como Misións ou ConectaPeme.
En total, a Xunta de Galicia contará con 37 instrumentos de apoio, dirixidos a todos os tipos de axentes do ecosistema galego de innovación en todas as etapas da I+D+i, de 12 departamentos distintos. Estes 37 instrumentos contan cun orzamento de preto de 190 millóns de euros. Pola súa banda, o mapa de apoios de Gain inclúe 16 instrumentos dotados cun orzamento de preto de 138 millóns de euros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.