
Alejandro, pola súa parte, é paleozoólogo e está especializado no estudo taxonómico de peixes, anfibios e réptiles. A súa investigación actual céntrase na evolución do esqueleto apendicular dos crocodilos.
Co obxectivo de afondar nas súas investigacións, o pasados mes de xuño viaxaron ata o estado australiano de Queensland para revisar e dixitalizar máis de 300 ósos. Durante a súa visita ás coleccións do Queensland Museum, traballaron con esqueletos de especies extintas (Isisfordia e Australosuchus) e actuais de crocodilos australianos (Crocodylus porosus e C. johnstoni). Para este traballo, utilizaron un escáner de luz estruturada que captura a superficie dun obxecto con gran precisión e a transforma nunha malla xeométrica no ordenador. Estes datos permiten crear modelos tridimensionais sólidos, que son moi versátiles: poden empregarse en actividades de musealización e divulgación científica, pero tamén como base para novas investigacións.
Ademais, durante a súa estadía en Australia, participaron no 7º Simposio Internacional en Paleohistoloxía (ISPH) celebrado en Brisbane, que reuniu a expertos de distintas nacionalidades especializados no estudo dos tecidos óseos fosilizados. Blanca Moncunill-Solé presentou unha conferencia plenaria cos seus últimos avances sobre tecidos fósiles de lagomorfos extintos e Alejandro Blanco contribuíu ao simposio cunha presentación sobre paleohistoloxía en dinosauros.
O estudo dos fósiles galegos
Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco son investigadores postdoutorais baixo un contrato Ramón y Cajal do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Comparten unha liña de investigación enfocada no rexistro fósil do Oligoceno-Mioceno de Galicia.
En colaboración co Concello das Pontes, restauraron unha colección de máis de 60 restos fósiles atopados na antiga mina da localidade para garantir a súa preservación. Estes fósiles son os vestixios dunha antiga comunidade de animais e plantas que habitou Galicia fai un 30 millóns de anos, entre os que se atopan crocodilos, parentes extintos dos hipopótamos e plantas tropicais.
O estudo destes materiais continúa, co obxectivo de coñecer en detalle que especies eran (taxonomía), onde vivían (paleoecoloxía) e de onde procedían (paleobioxeografía). Os resultados preliminares indican que os restos de macrovertebrados desta época son practicamente descoñecidos na Península Ibérica e moi escasos en Europa, polo que os fósiles galegos poderían ter un impacto científico moi relevante.
Prácticas no equipo de Paleontoloxía do CITEEC
Dende mediados de xuño, o equipo de Blanca Moncunill-Solé e Alejandro Blanco conta cunha nova integrante: Haodan Luo, alias Linda, estudante de Xeoloxía no Carlenton College de Minnesota. Linda está a realizar as súas prácticas preprofesionais a través do convenio firmado pola Universidade da Coruña con Linguistic Horizons e permanecerá no centro ata finais de agosto.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.