
Ademais, outras grande figuras como Leiva, Carlos Núñez, Xoel López, Coque Malla, Herdeiros da Crus, Guitarricadelafuente, Mondra, Depedro, Rozalén, Los Secretos, Sés ou Mikel Izal non faltarán á súa cita cos Concertos do Xacobeo este mes de agosto en localidades de toda Galicia. Nestas citas musicais impulsadas pola Xunta de Galicia teñen cabida os sons máis diversos, da electrónica á canción de autor, do rock clásico ao pop máis bailable, da música tradicional á urbana, para todos os públicos e gustos.
En palabras do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, en 2021 naceu o selo Concertos do Xacobeo, baixo o lema A música é o camiño! para impulsar a música en directo en Galicia como motor da cultura, a economía e o turismo de calidade na nosa comunidade. Así, neste 2025, o proxecto está a consolidarse, tras sumar máis de 2,5 millóns de espectadores nos últimos 3 anos, con máis de 150 eventos patrocinados, 40 deles no mes de agosto, momento de grande afluencia de público que nos visita de todas as partes do mundo, e a quen lle ofertamos propostas de calidade, singulares, ricas e diversas, con citas en localidades de toda Galicia, de Vigo á Coruña, Pontevedra, Ribadavia, Ourense, Compostela ou Ferrol, entre outros.
Xosé Merelles engadiu que os Concertos do Xacobeo tamén apostan por proxectos emerxentes, escenarios alternativos e formatos máis íntimos que permiten vivir a música moi preto, sen filtros; é dicir, a Xunta de Galicia aposta por coidados ciclos e directos singulares que, un ano máis, fan de Galicia un dos destinos musicais máis desexados, cunha oferta plural e de calidade que conecta xeracións, estilos e formas de vivir a música.
Concertos do Xacobeo, un programa plural
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais dándolle cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025. Entre elas, o Gozo Festival, o Festival de la Luz, o Galicia Fest, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, Maresía, Linga Urbana e máis de 150 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.
Ao longo do mes e agosto, Concertos do Xacobeo suma preto de medio centenar de eventos. Turismo de Galicia potencia así o atractivo turístico nunha contorna cunha grande afluencia de visitantes na época estival. O programa fomenta en Galicia a dinamización da economía local, co apoio a asociacións locais, motores da cultura propia, á hostalería e ao comercio; e, tamén, a posta en valor da paisaxe e a riqueza patrimonial e paisaxística autóctona, ademais de converter a Galicia nun atractivo destino turístico, cultural e musical a nivel internacional.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.