Notas de prensa

Catalizadores ecolóxicos, mecánica de rochas e recursos hídricos, así son as propostas gañadoras de Cintecx Challenge’25

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Industriais da UVigo, Cintecx, deu a coñecer as tres propostas gañadoras de Cintecx Challenge’25, unha convocatoria de axudas dirixida a financiar o desenvolvemento de proxectos de I+D colaborativos entre os diferentes grupos adscritos ao centro, pensando sobre todo, en impulsar as propostas das investigadoras e investigadores máis novos.

Por diante teñen un ano para levar a cabo estes proxectos para o que contarán cunha axuda de 7500 euros para cada un deles. Nesta ocasión os traballos xirarán entorno a tres temáticas: catalizadores ecolóxicos, mecánica de rochas e xestión de recursos hídricos, “todas representativas das áreas temáticas e liñas estratéxicas do centro, como a produción de hidróxeno, a fabricación aditiva e a sustentabilidade e recursos naturais”, explicou a directora do centro, Ángeles Sanromán Braga.

Nunha xornada na que tamén se deron a coñecer os resultados dos proxectos que se levaron a cabo en 2024, Sanromán destacou que “a posta en marcha destes proxectos permite a interacción entre diferentes grupos e achegar valor, contribuíndo o labor de divulgación do centro”. Así mesmo, fixo fincapé en que “o Challenge é unha oportunidade para iniciar proxectos colaborativos que poden ter continuidade e ampliar horizontes”, destacando que se trata dunha pasarela para pór a proba a investigación interdisciplinar a nivel centro, coa que os investigadores e investigadoras adquiren as destrezas necesarias para enfrontarse a retos de maior envergadura, tanto a nivel nacional como internacional.

As propostas galardoadas no Challenge’25 foron a coordinada por Antía Fernández Sanromán e Pablo Pou Álvarez, Catalizadores ecolóxicos multifuncionais baseados en nanotecnoloxía para aplicacións enerxéticas e medioambientais (Eco-NanoxCat); a proposta de Ignacio Pérez Rey e Aránzazu Pintos Alonso, Análise do comportamento mecánico de rochas en tracción confinada, Traconroc; e a de Mario Soilán Rodríguez e María Pazo Rodríguez titulada Xeración automatizada mediante modelos de linguaxe de redes BAYESianas para a xestión de recursos hídricos, Gal-Bayes.

Resultados do Challenge’24: hidróxeno verde...

Tras un ano de traballo, as propostas gañadoras da convocatoria Cintecx Challenge’24, aproveitaron esta xornada para presentar publicamente os resultados das súas investigacións. A primeira en intervir foi Aida Díez Sarabia, responsable do proxecto Optimización e escalado da rotura electroquímica da auga para a xeración de H2, un traballo no que utilizaron residuos agroindustriais como catalizadores para a rotura electroquímica da auga co obxectivo de obter hidróxeno verde. Tal e como indicou a investigadora, “aumentamos a área electroquímica activa, conseguindo unha maior estabilidade, logrando que estes catalizadores sexan máis eficientes”.

Recentemente recoñecida cunha bolsa Ramón e Cajal, converténdose na galega máis nova en recibir esta axuda, Díez Sarabia aspira a dar continuidade a este proxecto, ampliando os seus horizontes e posibilidades, a través de propostas internacionais a nivel europeo.

...e conservación de arte urbana

A continuación, Iago Pozo Antonio, investigador do grupo Gessmin, presentou os resultados da outra proposta gañadora do Challenge’24, Estratexias sostibles para a conservación da arte urbano, Smart, coordinado conxuntamente coa investigadora Raquel Pérez Orozco, do grupo GTE. Segundo indicou Pozo, “o obxectivo do proxecto é obter unha ferramenta capaz de optimizar a conservación preventiva de pinturas murais expostas a determinadas condicións, en función da súa orientación e condicións meteorolóxicas ás que están expostas”.

No proceso utilizaron modelos de machine learning ou aprendizaxe automática, antes de estudar a pintura en contornas reais, para simular o seu proceso de degradación, explorando tamén o uso dun protector para retardar os cambios na cor das pinturas cando están expostas. “Sabendo as características dunha pintura e as do muro no que se atopa, poderemos saber se esa pintura vai perdurar no tempo e se o protector utilizado vai ser eficaz”, sinala Pozo. Os resultados deste proxecto obtiveron o galardón de mellor Conference Paper no X Congreso MetroArcheo2024, celebrado o pasado mes de outubro en Malta.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES