Notas de prensa

A JAI’2025 serán un escaparate das tecnoloxías de automatización industrial máis innovadoras e avanzadas

O próximo mes de febreiro as JAI, Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial, celebrarán a súa décima edición e farano co programa de conferencias e mesas redondas máis extenso da súa historia, con 70 relatores, o que se traduce en máis de 40 horas de ponencias. Entre os convidados, algúns tan coñecidos como o doutor Diego González.

O programa desta edición, que se celebrará entre o 10 e o 14 de febreiro, está orientado á difusión formativa e informativa das tecnoloxías de automatización industrial máis innovadoras e avanzadas. As xornadas foron presentadas este martes na sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo, nun acto no que participaron Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca da Vigo; Abel Caballero, alcalde de Vigo e José Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñaría de sistemas e automática e organizador das xornadas. No evento estiveron presentes tamén os directores e directoras das escolas de enxeñaría do campus de Vigo así como representantes doutras entidades relacionadas co evento.

A vicerreitora Mónica Valderrama agradeceu a implicación de Concello e Zona Franca pero sobre todo puxo en valor o enorme esforzo do profesor Armesto para organizar este evento, as súas estratexias de “colaboración e a súa capacidade de implicar ás persoas e ás empresas, ás veces de xeito case altruísta” para conseguir facer “florecer case da nada” un evento “tan potente coma este”. Ademais Valderrama, tamén salientou a importancia deste tipo de simposios para “facer chegar á sociedade o que se fai na academia”, para poñer a UVigo no mapa e para “captar futuro alumnado nun contexto de moita competencia”.

Pola súa banda, o delegado do Consorcio, David Regades, lembrou o apoio da cidade a estas xornadas dende os seus inicios e destacou que, neste tempo, as JAI se teñen convertido nun evento estratéxico, “unha aposta única promovida dende o eido científico, que sitúa a nosa cidade na vangarda da tecnoloxía, da innovación e da automatización industrial”. Neste sentido, Regades subliñou o potencial innovador da robótica, que “debemos ver como un aliado e non como un rival” que axuda a “incrementar a eficiencia, a produtividade e a sostibilidade” e permite “mellorar a calidade de vida dos traballadores”. Ademais, o delegado tamén puxo en valor a extensa colaboración que o Consorcio mantén coa UVigo, “o noso socio estratéxico”, co que se desenvolven proxectos “tan ambiciosos como o da fábrica de semicondutores fotónicos”.

Finalmente, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou tamén ao profesor Armesto por estes 20 anos e 10 edicións das JAI, “que son o resultado dunha Universidade excepcional e da súa cooperación coas administracións e coa iniciativa privada”. Para o alcalde, eventos coma este poñen á Universidade e á cidade no foco do debate, visibilizando o seu potencial transformador e, a este respecto, recoñeceu o potencial do programa de relatorios para os cinco días, que cualificou como “monumental, algo que sucede en moi poucas cidades do mundo, xusto nun intre no que a telemática, a robótica e a intelixencia artificial comezan a cambiar a nosa sociedade e a nosa economía”.

70 poñentes, 2000 asistentes e un showroom con 40 expositores

Dende que estas xornadas bienais botaron a andar en abril de 2024, esta será a edición máis multitudinaria. Ademais dos 70 relatores e 40 horas de conferencias e mesas redondas, a organización agarda contar con preto de 2000 asistentes. O prazo de inscrición aínda non está pechado e as persoas interesadas poderán inscribirse ata o día previo á celebración, pero o profesor Ignacio Armesto agarda que sexan arredor de 2000 as persoas que se rexistren para ver as conferencias en directo ou á carta.

Tampouco faltará o xa tradicional Showroom Industria 4.0, no que se darán cita as principais empresas do sector amosando as novas tecnoloxías e avances. En total serán 40 expositores, 20 o luns e martes e outros 20 entre mércores e xoves. Co cal, aos 2000 asistentes previsto, haberá que sumar os visitantes a esta mostra, que non require inscrición, e á que adoita asistir o alumnado da EEI (arredor de 1500 estudantes), o profesorado (150) e moitos centros de FP que virán de visita co alumnado.

Contidos e relatorios de expertos como o cirurxián Diego González

O encargado de presentar o programa foi o profesor Armesto, que detallou algúns dos temas que se van tratar nas conferencias, todos eles claves para a industria, como xemelgos dixitais, visión artificial con deep learning, mantemento preventivo e predictivo, dixitalización de procesos, intelixencia en robótica, produción flexible, robótica móbil, conectividade IT/OT, intelixencia artificial na planta industrial, detección e control de ameazas cibernéticas na industria, ciberseguridade industrial, eficiencia enerxética, IIoT, automatización intelixente, inspiración biónica, seguridade en máquinas, etc.

Ademais dos relatorios, como explicaba Armesto, haberá varias mesas redondas. A primeira o martes pola tarde, sobre robótica, automatización e intelixencia artificial e as claves do futuro 5.0; a segunda o mércores tamén de tarde, sobre ciberseguridade industrial; e o xoves no mesmo horario sobre investigación en robótica, na que se darán cita catro catedráticos e investigadores de gran renome neste eido procedentes das universidades nacionais e internacionais.

En total, ao longo da cinco xornadas intervirán relatores procedentes de empresas e entidades como Kuka, o CTAG, Infranor, Innomoitcs, IFM, Rittal, Siemens, Robotnik, Red Eléctrica, Beckhoff, Festo, Hisparob, Finsa, Harting, Inprotech, Bosch Rexroth, Omron ou Russula, Stellantis, KPMG. Entre os convidados máis relevantes, Armesto destacou a apertura a cargo de Eva Maneiro, alta directiva de Russula, empresa galega do sector do metal ou o catedrático e investigador Oussama Khatib, da Stanford University, que ten abandeirado equipos de investigadores de robots submarinos con grande éxito e que impartirá a conferencia maxistral de peche. Tamén destacou a presenza do catedrático Bruno Siciliano, da Università degli Studi di Napoli Federico II, centrado ultimamente en robótica biomédica e a do doutor Diego González Rivas, cirurxián adxunto do Ernst Von Bergmann Hospital en Potsdam (Alemaña) e do Chest Disease Hospital en Kuwait e creador e actual director do programa de cirurxía videotoracoscópica Uniportal, no Shanghai Pulmonary Hospital, en China.

O acto de apertura contará coa presenza de tres robots de Unitree: Go2, Go2w e o bípedo G1, o que segundo Armesto é “un feito pioneiro xa que é o primeiro deste fabricante que está en España”. A eles sumaranse Vision 60 de Ghost Robotics e os Rs e WallE que adoitan estar presentes nas JAI, así como bastantes robots móbiles industriais. A cita poderá seguirse de forma presencial e tamén en directo a través da canle 1 de UVigoTv.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-01-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES