Noticias

Galicia participa no consorcio europeo de goberno intelixente Govtech4all xunto con outros 21 organismos de 15 países

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou hoxe en Bruxelas no acto de sinatura do acordo de asociación que pon en marcha o consorcio Govtech4all para experimentar novas formas para proporcionar innovación ao sector público a través da colaboración público-privada. O proxecto permitirá a elaboración de entre catro e seis proxectos piloto conxuntos nos que se aplique un amplo conxunto de metodoloxías de goberno intelixente. Segundo explican os promotores da iniciativa, “as incubadoras, os laboratorios de innovación e os equipos dixitais de ‘Govtech’ deseñarán os desafíos a través dun enfoque de creación conxunta”.

Ademais, o consorcio terá tamén como obxectivo o de crear conciencia sobre os gobernos intelixentes, dispoñer dun mapa de situación sobre o desenvolvemento das administracións dixitais e compartir as leccións aprendidas entre os socios e outros actores da UE”.

No Acordo Marco de Asociación participan axencias e empresas de 15 países europeos: España, Bélxica, Portugal, Polonia, Países Baixos, Suecia, Grecia, Letonia, Luxemburgo, Alemaña, Estonia, Dinamarca, Lituania, Francia e Italia. Por parte de España, os asinantes son o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o concello de Madrid, a Lantik (sociedade que participa en exclusiva pola Deputación Foral de Biscaia para a transformación dixital) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O acto desenvolvido hoxe en Bruxelas contou coa participación do comisario europeo de Orzamento e Administración, Johannes Hahn. Tamén participou como invitado o vice-primeiro ministro de Innovación de Ucraína, Mykhailo Fedorov, que acudiu á capital comunitaria para presentar o modelo ucraíno de goberno dixital e a importancia que ten a aplicación “O Estado no móbil” para manter unida á unha poboación que está a ser atacada.

Por parte da Xunta, participou na sinatura a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo, que estivo acompañada pola coordinadora técnica de Políticas Europeas da Fundación Galicia Europa, Vanessa Lobo.

No acto de hoxe tamén foron presentados os tres proxectos piloto escollidos para a primeira fase de Govtech4all sobre “Desafío das startup”, “Axuda á cidadanía europea para obter beneficios sociais dos Asistentes Persoais de Regulación (PRA), e “Seguridade da información en espazos de datos transfronteirizos”. Nesta última participa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Contratación pública IA

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica tamén participou hoxe en Vigo na xornada sobre “O Marco Legal para a Contratación Pública de Intelixencia Artificial na Unión Europea”. Baixo o título “Contratación pública da Intelixencia Artificial: construíndo unha ponte entre a regulación europea e a necesidade rexional”, o director da Axencia autonómica, Julián Cerviño, avanzou os retos da Administración autonómica como usuario de Intelixencia Artificial, apuntando ao uso de compra pública innovadora e outras formas de colaboración para construír solucións a medida.

Neste ámbito avanzouse coa creación dun departamento de xestión de datos para establecer políticas e guías que garantan a calidade dos datos e o seu uso adecuado en futuras aplicacións de técnicas de IA. Ademais, está en vigor un Acordo Marco para a aplicación de tecnoloxías disruptivas no sector público autonómico.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destacou que Galicia aspira a converterse nunha rexión intelixente impulsando o desenvolvemento dunha intelixencia Artificial punteira, ética e segura que permita avanzar cara unha economía baseada no coñecemento.

Neste sentido, Cerviño destacou o papel da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial aprobada en xuño de 2021 e a creación do nodo galicIA, que impulsou a candidatura galega para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. Ademais, o director da Axencia autonómica lembrou que Galicia é a primeira comunidade española que está a analizar o impacto ético da aplicación de tecnoloxías no seu territorio para poder adaptar a lexislación galega a esta nova realidade.

R., 2023-05-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES