Noticias

O audiovisual galego preséntase no Festival de Cine de Xixón con tres estreas

O audiovisual galego conta cunha destacada representación no 63º Festival Internacional de Cine de Xixón, que acolle as estreas de tres filmes producidos na nosa comunidade: 'As liñas descontinuas', de Anxos Fazáns, foi a primeira en pasar por este certame, que na tarde de onte acolleu a première española da que é a segunda longametraxe da directora pontevedresa, mentres que o documental '360 curvas', de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, e 'Así chegou a noite', de Ángel Santos Touza, terán os seus primeiros pases o xoves 20 e o venres 21, respectivamente.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo de As liñas descontinuas, na súa estrea no Teatro Jovellanos dentro da sección oficial Albar, ademais de asistir ao evento Films from Galicia que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofreceu na noite de onte para promocionar os tres filmes galegos entre os profesionais acreditados no festival xixonés.

Rodaxes na provincia de Pontevedra

No caso de As liñas descontinuas, esta coprodución encabezada pola compañía galega Sétima viña de celebrar uns días antes a súa estrea mundial na 29º edición de la Tallinn Black Nights Festival, tamén en competición oficial. Rodada integramente en galego en diferentes localizacións de Marín e Vigo, a película de Fazáns inicia así o seu percorrido por diferentes certames audiovisuais, dentro do que o 9 de decembro inaugurará o festival Novos Cinemas de Pontevedra.

Tamén dentro da sección oficial Albar, terá lugar este venres a estrea mundial de Así chegou a noite, do tamén pontevedrés Ángel Santos Touza, que á súa vez será a película de clausura do devandito Novos Cinemas. Matriuska Producciones, Maruxiña Film Company e Amateur Films coproducen esta longametraxe, rodada entre os concellos do Grove, Sanxenxo e Meaño, cun especial protagonismo dos espazos naturais desta zona.

Ambas as dúas contaron para a súa realización con cadansúa axuda a través da liña para produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, mentres que 360 curvas recibiu unha das subvencións para a promoción do talento audiovisual galego.

Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández dirixen este documental, que se estrea o xoves na sección Esbilla, no que recuperan a memoria das protestas veciñais dos anos 90 na Fonsagrada para reclamar mellores servizos e comunicacións fronte á despoboación da zona.

R., 2025-11-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES