Noticias

Investigadores do CiMUS e da Fundación Galega de Medicina Xenómica identifican xenes responsables da severidade da COVID

Investigadores do CiMUS da USC e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica identifican novos xenes responsables da severidade da COVID, segundo se recolle no estudo de enfermos críticos coordinado en parte polo catedrático de Medicina Legal da USC e investigador do CiMUS e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), cuxos resultados veñen de ser publicados na revista ‘Nature’. O estudo mostrou 49 rexións xenómicas asociadas nas que se estudaron as posibilidades de novas terapias con novos modelos de análises e atopáronse dianas terapéuticas de moito interese sobre as que se poderían usar fármacos de reposicionamento.

A investigación sobre enfermos críticos de COVID da que se fai eco ‘Nature’ responde ao traballo desenvolvido por tres consorcios: os británicos GenOMICC (11.440 casos), que coordina o traballo, e ISARIC4C (676), e o español SCOURGE (5.934 casos), coordinado polo catedrático de Medicina Legal da USC e investigador do CiMUS e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), Ángel Carracedo, xunto con Pablo Lapunzina do Hospital La Paz, desde o Cento de Investigación en Rede (CIBER), do ISCIII. No citado estudo, realizado no Centro Nacional de Xenotipado (Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, IDIS) participaron máis de 30 hospitais e centros de investigación de España As investigadoras Raquel Cruz (CIBERER e CIMUS-USC) e Silvia Diz (CiMUS da USC) realizaron a parte estatística e de interpretación.

“O estudo mostrou 49 rexións xenómicas asociadas nas que se estudaron as posibilidades de novas terapias con novos modelos de análises e atopáronse dianas terapéuticas de moito interese sobre as que se poderían usar fármacos de reposicionamento nalgúns casos e que inclúen rutas de inflamación (JAK1), activación monocito-macrófago (PDE4A), inmunometabolismo (SLC2A5, AK5) e factores do hóspede necesarios para a entrada dos virus e o seu replicación (TMPRSS2, RAB2A)”, segundo explica Ángel Carracedo.

Os resultados da investigación, que contou co apoio da Fundación Amancio Ortega Gaona, Banco de Santander S.A., Instituto de Saúde Carlos III (COV20/00622) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, constatan que a COVID posúe unha variabilidade de presentación entre os individuos, a algúns dos cales afecta de forma moi grave mentres que outros que teñen formas asintomáticas. Unha porcentaxe importante desas diferenzas son xenéticas e estúdanse con análises masivas de asociación que se denominan GWAS. Neles analízanse en cada individuo preto dun millón de datos xenéticos (SNPs) e compáranse os dous grupos (os de COVID severo e os que non).

O equipo científico responsable deste novo traballo arredor da COVID quere facer público o seu “especial agradecemento a todos dos enfermos que participaron no estudo, así como ao Banco Nacional de ADN, Biobanco do Sistema de Saúde de Aragón, Biobanc Fundació Institut d'Investigació Sanitària Illes Balears, Biobanco do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Biobanco Vasco, pola súa colaboración e polo material achegado”.

R., 2023-05-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES