
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por unha cultura que impulse a sustentabilidade empresarial e polo emprego da intelixencia artificial para axustar de xeito máis áxil a oferta e a demanda de emprego, no marco da clausura da III Feira de Emprego da Escola de Relacións Laborais da Coruña, que nesta ocasión tivo por tema A intelixencia artificial na contorna laboral.
A titular de Promoción do Emprego lembrou que o seu departamento está a renovar de maneira íntegra o Servizo Público de Emprego de Galicia, para identificar, a través da intelixencia artificial e a analítica avanzada, as necesidades do mercado laboral en tempo real e así axustar axilmente e de maneira máis efectiva os perfís coas candidaturas.
Neste marco botará a andar nas oficinas de emprego a nova ferramenta tecnolóxica EMI (Emprego Intelixente), que entre outras funcionalidades contará cun navegador competencial, cun emulador de ocupacións e cun recomendador de formacións, que comezará a implantarse nas próximas semanas, e a modo de proxecto piloto en tres destas dependencias (Ordes, Pontevedra e Cambados).
Lorenzana dirixiu parte do seu discurso ao tecido empresarial para que aposte polo equilibrio entre o crecemento económico, o respecto ao medio ambiente e o benestar social. É importante que as empresas entendan que a sustentabilidade implica poder conseguir que o capital humano se quede, que todo o investido na súa formación faga crecer á empresa, indicou.
Coa forza laboral formada e as empresas coidando das súas traballadoras e traballadores, parece que o reto de vencellar oferta e demanda está xa máis próximo, manifestou en relación coa aposta que a Xunta de Galicia mantén para dar cobertura a postos vacantes na comunidade e poder, á vez, mellorar a ocupación de galegas e galegos.
O Goberno galego, dixo a conselleira, está a contribuír coas súas políticas activas de emprego a artellar medidas para que o casamento entre oferta e demanda de traballo resulte un proceso satisfactorio tanto para empregadores como para empregados.
Lorenzana puxo ao dispor do alumnado da ERLAC asistente á feira, por outra banda, a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que promove a iniciativa empresarial por conta propia e brindará asesoramento especializado a través de 15 oficinas que darán cobertura, antes de que remate o ano, ao 100% do territorio galego.
Na feira de hoxe, que Lorenzana cualificou de oportunidade, tomaron parte unha vintena de empresas que achegaron ao alumnado un cento de ofertas de traballo. Destacou a posibilidade de que as persoas mozas conten con este punto de encontro que as conecta coa realidade do mercado laboral, achega información de utilidade e pode resultar precursora de novas oportunidades profesionais.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.