Notas de prensa

A UVigo lidera un proxecto europeo para crear unha plataforma dixital de alfabetización ambiental arredor dos incendios

O campus de Ourense acolle esta semana a xornada de lanzamento do proxecto europeo 5G: Stop Forest Fire For 5Green. Coordinado desde a Universidade de Vigo, o seu obxectivo é crear unha plataforma dixital de alfabetización ambiental na que se amosará a conexión entre o cambio climático e os incendios forestais e se porá de relevo a riqueza dos ecosistemas forestais e o seu impacto ambiental.

O proxecto arrancou oficialmente o pasado mes de setembro e prolongarase ata febreiro de 2027. Nel participan, ademais da UVigo, GBA UG (Alemaña); Eno Schoolnet ry (Finlandia); 1st Geniko Lykeio Pallinis “Pierre de Coubertin” (Grecia); Università Degli Studi di Padova (Italia) e Yavuz Selim Ortaokulu e Dunyayi Yasatma Dernegi (Turquía). Está financiado con 250.000 euros polo programa Erasmus+ no marco da convocatoria Cooperation partnerships in school education (KA220-SCH).

Na xornada de benvida aos socios celebrada este luns na Facultade de Ciencias, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, destacou ás entidades participantes a pertinencia da temática elixida para este proxecto, tendo en conta que “na actualidade os incendios forestais e o cambio climático son temas moi relevantes e decisivos”. Pola súa banda, Eva Garea, directora da Ãrea de Proxectos Internacionais de Educación (OPI) da UVigo, amosou a satisfacción da institución académica por participar nesta iniciativa internacional e o seu desexo de que sexa unha colaboración frutífera.

Dun xogo virtual a un mapa dixital

A UVigo lidera este proxecto da man de David Fernández Calviño, profesor e investigador da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación desta institución académica. Co seu equipo asume tarefas de coordinación xeral, comunicación entre socios, seguimento do plan de xestión e do orzamento e elaboración de módulos formativos para a plataforma dixital 5Green. “Os traballos clave inclúen a xestión do proxecto, a análise dos impactos ambientais e climáticos nos incendios, a alfabetización en ecosistemas forestais e a avaliación e difusión dos resultados”, sinalan desde a organización.

Arredor do citado obxectivo do proxecto (amosar a conexión entre o cambio climático e os incendios forestais e pór de relevo a riqueza dos ecosistemas forestais e o seu impacto ambiental), os socio da iniciativa desenvolverán a través de catro paquetes de traballo unha plataforma dixital 5G, especialmente pensada para rapazas e rapaces, con módulos educativos, un xogo virtual, un folleto dixital sobre alfabetización ambiental e un mapa dixital que amosará as características dos espazos forestais e as causas e consecuencias dos incendios.

Ser consciente do medio ambiente e do cambio climático

Sobre a relevancia de desenvolver este proxecto, os seus socios apuntan o incremento de incendios forestais nos últimos anos e como en moitos estudos sobre eles “discutiuse a relación entre o lume e o clima e destacouse o impacto do cambio climático e o aumento das temperaturas”. As investigacións realizadas, detallan, “revelaron que condicións meteorolóxicas e climáticas como o aumento da temperatura, o incremento da seca e as ondas de calor continuas provocadas polo cambio climático causan un aumento significativo no número de incendios”. Porén, advirten, a pesar de que as “actividades humanas teñen un impacto significativo no cambio climático”, moitas persoas “non son conscientes disto”.

Neste contexto e neste século XXI, o proxecto parte da premisa de que “ser consciente do medio ambiente e do cambio climático e cumprir as responsabilidades individuais a este respecto é unha competencia básica” e que “adquirir competencias básicas a unha idade temperá é un paso máis sólido cara ao futuro” xa que cambiar comportamentos a unha idade adulta é máis difícil. “Debemos crear conciencia o antes posible e facela permanente. Considerando que os efectos humanos da contaminación ambiental están á cabeza, comprendemos que necesitamos educar á poboación para previr o cambio climático”, afirman desde a iniciativa. Neste senso, sinalan que a Comisión Europea está “renovando o seu compromiso para afrontar os retos climáticos e ambientais” e “nós necesitamos asumir esta responsabilidade como educadores, porque a xeración humana do futuro está medrando nas nosas mans e debemos sensibilizar a mocidade desde idades temperás”.

Segundo explican desde o proxecto, cando as persoas miran o bosque, neste caso pensando de xeito especial nas novas xeracións, “só ven árbores, pero o bosque é o fogar de miles de especies e tamén a fonte do osíxeno do planeta”. Así, subliñan, deberíase amosar e explicar ás persoas “non só a cara visible dos bosques, senón tamén o lado interior que non podemos ver e, entón, asumirán a responsabilidade polo medio ambiente por si mesmas”. Partindo destas premisas, dese a iniciativa destacan que “temos confianza en que, coas actividades que se organizarán entre as entidades socias do proxecto, lograremos os obxectivos establecidos e crearemos un grande impacto no público escolar sobre o bosque-medio ambiente-clima”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-01-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES