Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

Foi presentada a oferta formativa 2023/2024 do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), unha entidade de prestixio na aportación de talento de calidade ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) Neste ano vanse duplicar os cursos (113 fronte aos 47 de 2022/2023) e as prazas ofertadas (2.268 fronte a 1.000), así como os seminarios (94 fronte a 41). Actualmente unhas 13.000 persoas do sector TIC son usuarias do centro e que máis de 10.000 se teñen formado nel desde o 2009, 619 delas -pertencentes a 200 empresas- o ano pasado.
A Xunta puxo a disposición da industria forestal unha ferramenta gratuíta que permite etiquetar a trazabilidade dos produtos mediante o uso da tecnoloxía Blockchain. FORTRA é unha plataforma desenvolvida pola AMTEGA e a Axencia Galega da Industria Forestal en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural. A tecnoloxía blockchain asegura que os datos non poden ser manipulados ou eliminados unha vez son introducidos e asinados en cada elo da cadea, o que ofrece unha garantía de autenticidade e transparencia. Isto permite que os produtos leven unha etiqueta que ofrece toda a información sobre a orixe a e transformación da madeira.
Un total de nove proxectos veñen de acceder á fase de maduración da convocatoria do programa Ignicia, desenvolvido pola Xunta e a Fundación Barrié. O obxectivo é a valorización da ciencia excelente feita en Galicia e a transformación dos resultados da investigación en tecnoloxías e produtos que poidan chegar ao mercado para dar resposta aos retos da sociedade, á vez que se xeran retornos económicos. Nos vindeiros meses estes proxectos traballarán cos expertos do programa na concreción do plan de desenvolvemento e comercialización para garantir a súa chegada ao mercado. Os proxectos que superen esta etapa serán propostos a investimento e poderán acceder a un financiamento do 100% dos custos.
A porcentaxe de fogares galegos con Internet acadou en 2022 o 92,7%, que supón un crecemento dun 0,5% respecto ao ano anterior. En termos absolutos, 874.806 fogares galegos onde reside algunha persoa de 16 a 74 anos ten contratado Internet, o que representa un incremento de 47.554 fogares nos últimos catro anos. A porcentaxe de fogares con velocidade de conexión a Internet contratada superior a 100 Mbps experimentou un forte incremento no último ano, e situouse no 45,4%, fronte ao 30% que rexistraba no ano 2021, o que supón un crecemento do 51,3%.
A robótica é unha disciplina transversal que está a espertar o interese das empresas e que presenta múltiples aplicacións para facilitar os traballos e mellorar a produtividade do sector primario e, nun senso máis amplio, no medio rural. A directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Rosa Romero, fixo estas declaracións na apertura dunhas xornadas sobre Agro-Robótica, unha sesión na que o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e o deputado provincial delegado da área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, salientaron 'o acerto e o interese estratéxico que supuxo a implantación do grao en Robótica, cunha mención de especialización en Agro-Robótica, na sede universitaria luguesa'.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para a solicitude dos bonos dixitais para colectivos vulnerables do programa estatal ÚNICO. O prazo ábrese mañá e permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de novembro. O obxectivo desta iniciativa é facilitar a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida, durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros.
A directora xeral de Saúde Publica, Carmen Durán Parrondo, remarcou esta tarde no Parlamento de Galicia, o papel protagonista que están a ter a Intelixencia Artificial e o Big Data na Estratexia de dixitalización da Saúde Publica en Galicia. Durante a súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, a directora xeral explicou algunhas das liñas de traballo nas que xa está a avanzar o departamento que dirixe, e nas que o emprego das novas tecnoloxías terán un papel moi relevante.
O consorcio CleanAtlantic, liderado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e composto por 19 organizacións de Irlanda, Reino Unido, Francia, Portugal e España, traballou desde 2017 na mellora do coñecemento e das capacidades de prevención, monitorización e eliminación do lixo mariño. Esta iniciativa está financiada polo Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico e conta coa participación de Intecmar e USC.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a partir do próximo curso estenderase a dotación de Polos creativos a todos os colexios e institutos sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas regradas de 2º ciclo de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria. Deste xeito, salientou que “o cen por cen” dos colexios e institutos públicos e concertados galegos van dispoñer destes espazos tecnolóxicos nos que as e os rapaces traballan compentencias en ciencia, tencoloxía, enxeñería e matemáticas e que se estrearon por primeira vez no presente curso escolar.
Este proxecto contempla o desenvolvemento dunha plataforma que integra ferramentas de lean manufacturing (dirixidas a reducir os tempos dentro do sistema de produción e de resposta a provedores e clientes) e tecnoloxías facilitadoras esenciais, como o internet das cousas, a intelixencia artificial e a realidade aumentadas, para axudarlles ás persoas na toma de decisións.
« Anterior | 11  de  59 | Siguiente »

Notas tecnologia

A Fundación Enaire é unha institución cultural dependente do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostnible, que desde hai tres décadas desenvolve un amplo programa de actividades centradas na arte e a cultura aeronáutica e que celebrou o seu 30 aniversario nun acto no que fixo entrega dos premios Aeronáuticos 2024. O premio é un recoñecemento ao esforzo que están facendo o grupo Aerolab e o Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE).
Dende que as JAI, Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial, botaron a andar en abril de 2004, a décima edición será máis multitudinaria da súa historia: 70 relatores, 40 horas de conferencias e mesas redondas, preto de 2000 asistentes máis de 40 expositores no showroom, unhas cifras que constatan o crecemento e consolidación destas xornadas bienais.
Un equipo da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense está a participar no proxecto estatal Fri-Housing. Nel, búscase desenvolver unha ferramenta para analizar os modelos de vivendas e contornas habitacionais amables para persoas con discapacidade intelectual dispoñibles en cada territorio e fomentar a existencia destes modelos.
O uso de tecnoloxías de realidade virtual inmersiva para mellorar terapias físico-cognitivas en persoas con dano cerebral adquirido constituía o eixe central de TEVI-DCA, unha iniciativa pioneira do grupo de investigación HealthyFit, da Universidade de Vigo, e Cruz Vermella. Este ensaio clínico levouse a cabo no Centro de Parálise e Dano Cerebral desta organización en Castro Ribeiras de Lea (Lugo) e a súa avaliación final permitiu constatar como o programa de exercicio desenvolvido permitiu xerar melloras nas funcións e capacidades dos participantes.
O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, os días 13 e 14 de marzo, as xornadas sobre Intelixencia Artificial: Análise da Racionalidade e Reflexións Éticas que organiza o Centro de Investigación en Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía (CIFCYT) da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Sociedade de Lóxica, Metodoloxía e Filosofía da Ciencia en España, baixo a coordinación do catedrático da Facultade de Humanidades e Documentación, Wenceslao J. González.
A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié crearon os “Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC”, destinados a recoñecer a mellor investigación que se desenvolve na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Os tres traballos distinguidos recibirán unha dotación de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 5 de febreiro no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC.
O grupo de investigación Terceira Xeración (TeXe) do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC lidera o proxecto europeo Camiño de Santiago: Camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europeo (CAXATO), que ten por obxecto que persoas maiores de 50 anos sexan parte dunha experiencia formativa orientada a mellorar as súas competencias artísticas, sociais, dixitais e de sustentabilidade co Camiño de Santiago como marco.
Nun claro exemplo de economía circular, Universidade de Vigo e industria únense nun proxecto multidisciplinar que busca aproveitar residuos vexetais para empregalos na mellora da conservación de alimentos. En concreto, o grupo operativo Agri-Resval, formado pola empresa Néboda Farms, o grupo AgroBioTech for Health da UVigo, a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e o Grupo Nueva Pescanova, traballa na revalorización de residuos de agricultura vertical.
25 anos de experiencia e un equipo de 43 profesionais avalan ao Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) da Universidade da Coruña, fundado no Campus Industrial de Ferrol e integrado en dous centros de investigación, o CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) e o CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións).
Un estudo en ratos liderado pola Universidade Complutense de Madrid e no que participan Miguel López e Cristina Contreras, do Grupo NeurObesity do Departamento de Fisioloxía da USC e do CiMUS, revela un avance significativo no entendemento do papel da proteína PAS quinasa na termoxénese e a regulación do gasto enerxético mediante a produción de calor.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES