Notas de prensa

A RAGC e a Fundación Barrié conceden os premios ás mellores investigacións de Galicia

A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié crearon os “Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC”, destinados a recoñecer a mellor investigación que se desenvolve na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Os tres traballos distinguidos recibirán unha dotación de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 5 de febreiro no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC.

Condecéronse ademais varios accésit en cada unha das tres categorías. A esta primeira edición presentáronse un centenar de candidaturas. Ademais do éxito da convocatoria, o xurado resalta “o magnífico nivel de todos os traballos, todos eles publicados en revistas internacionais de alto impacto, con resultados de enorme relevancia tanto desde o punto de vista científico como pola súa contribución ao avance da ciencia en Galicia”.

Un novo material capaz de converter o dióxido de carbono en metano mediante luz solar

O premio na categoría de Ciencias Básicas recaeu nun proxecto centrado na utilización de dióxido de carbono para a produción de produtos químicos e combustibles como iniciativa para combater o cambio climático. Os seus autores, liderados por Miguel Ángel Correa, están integrados no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo.

Tal como indica o investigador, “o metanol emprégase como fonte para a fabricación de produtos químicos, de xeito que podería desempeñar un papel importante como vector enerxético no futuro”. Na actualidade a produción de metanol depende de combustibles fósiles, polo que o equipo avanzou nun enfoque novidoso para a súa obtención sustentable. Desenvolveron un novo material capaz de converter de maneira eficiente o CO2 en metanol utilizando luz solar, imitando o proceso natural da fotosíntese. Correa explica que “a estratexia de fabricación baséase no uso de estruturas porosas organometálicas como plataforma para integrar nanopartículas de ouro, con propiedades ópticas especiais, e ións metálicos de cobre. Esta combinación simplifica a produción de metanol mediante o uso exclusivo de auga, dióxido de carbono e luz solar. A alta selectividade e estabilidade do material convérteno nunha alternativa viable para a produción sustentable de metanol, abrindo novas posibilidades de investigación na xeración de combustibles e produtos químicos a partir dun residuo industrial como o CO₂”.
Avances no tratamento de doenzas nerviosas como a esclerose múltiple e un achado matemático que simplifica o estudo de fenómenos como a propagación de enfermidades

Na categoría de Ciencias Básicas concedéronse dous accésits. Un foi para o equipo de Ashwin Woodhoo, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas -CiMUS- da Universidade de Santiago. Descubriron un novo mecanismo que revela por que en certas enfermidades se dana a capa protectora dos nervios. Así, existen numerosas doenzas que implican lesións de nervios que afectan a brazos e pernas como a esclerose múltiple ou a enfermidade de Charcot-Marie-Tooth, nas que, por circunstancias de orixe ata agora descoñecida, se produce unha perda de mielina, a materia graxa que recobre as células nerviosas e que permite a correcta transmisión do impulso nervioso. Neste contexto, os investigadores acharon un mecanismo clave na súa formación, de xeito que, cando se producen anomalías no mesmo, desencadéanse problemas para camiñar, debilidade muscular ou pinzamento nas extremidades. Con este achado engádese unha nova diana para o deseño de novas estratexias terapéuticas contra estas doenzas.

Outro dos accésit foi para Fernando Adrián Fernández, da facultade de Matemáticas da USC. Logrou establecer a relación entre diferentes tipos de ecuacións de cara a facilitar o estudo de fenómenos do mundo real como o crecemento dos animais ou a propagación e prevalencia de enfermidades infecciosas, xunto a outros problemas de diversa índole. “Construímos unha ponte entre dous tipos de problemas matemáticos, trasladando o coñecemento e as ferramentas do problema máis accesible ao máis complicado, simplificando así o estudo e comprensión de moitos fenómenos no eido da bioloxía e a epidemioloxía” -salienta-.

Tecnoloxía galega segura para as futuras comunicacións por satélite

O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo coordinado por Víctor Zapatero, do Vigo Quantum Communication Center e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación Atlanttic da UVigo. O investigador indica que gobernos e institucións de todo o mundo están a substituír os seus cifrados convencionais por cifrados máis robustos debido á ameaza dos computadores cuánticos. Nesta transición, unha técnica coñecida como "distribución cuántica de claves" preséntase como a única solución que permite alcanzar unha seguridade incondicional, pero é a máis custosa de implementar e, ademais, se non se implementa correctamente, as súas garantías de seguridade desaparecen. Esta "fraxilidade práctica", unida ao seu elevado custo, está a frear a adopción xeneralizada da distribución cuántica de claves. Neste contexto, o traballo premiado propón unha nova variante máis sinxela, máis barata e máis práctica. Esta variante xa se probou en experimentos reais e crese que podería ter un rol protagonista nas futuras comunicacións cuánticas por satélite.

Un proceso innovador e sustentable para eliminar a presenza de fármacos na auga

Na categoría de Ciencias Técnicas outorgouse un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo, liderado por Antía Fernández. Explica que a presenza de contaminantes farmacéuticos persistentes na auga, mesmo en concentracións moi baixas, ten un impacto significativo na saúde humana e no ambiente. Debido á súa resistencia e baixa concentración, estes contaminantes non se eliminan completamente coas técnicas convencionais de tratamento de auga, o que xera a necesidade de desenvolver novos procesos. Así, este traballo aborda a implementación de procesos de oxidación avanzada, facilitando a transformación dos contaminantes en substancias minerais. “Este enfoque innovador permite alcanzar boas taxas de degradación cun consumo enerxético reducido e unha notable minimización da xeración de residuos metálicos, garantindo unha maior sustentabilidade e adaptabilidade para a súa implementación a grande escala” -aseguran-.

Como afecta o efecto contaxio no fracaso empresarial

O premio na categoría de Ciencias Sociais foi para un equipo da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, en colaboración co centro de investigación interuniversitario ECOBAS. A súa coordinadora, Milagros Vivel, sinala que estudaron a influencia do efecto contaxio do fracaso empresarial nas micro, pequenas e medianas empresas a través dunha mostra de 3.948 hoteis. O estudo logra identificar como a proximidade xeográfica a empresas fallidas incrementa a probabilidade de fracaso no curto prazo, pero diminúe a longo prazo, o que proporciona novas perspectivas sobre a xestión do risco empresarial. “Neste senso, e ante contextos como o acontecido polo impacto da Covid-19 ou a recente dana de Valencia, a necesidade de deseñar estratexias que mitiguen o impacto do fracaso empresarial no curto prazo, pero sen comprometer efectos de longo prazo, require un coñecemento da dinámica deste proceso” -apunta a investigadora-.

O impacto das políticas de consolidación fiscal na intención de voto da cidadanía

Nesta categoría outorgouse un accésit a un grupo da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, liderado por María Cadaval. Ofrece unha análise innovadora sobre o impacto das políticas de consolidación fiscal nas preferencias e intención de voto da cidadanía española, nun contexto marcado polas regras fiscais europeas. Empregando unha enquisa con máis de 1.500 participantes, avanzadas técnicas econométricas e un deseño experimental, o estudo revela que a ideoloxía política condiciona as preferencias sobre as medidas fiscais (suba de impostos ou recorte de gasto), que as políticas de austeridade teñen custos electorais variables segundo a súa composición, e que as percepcións cidadás están influídas polo sesgo das fontes de información. Os achados, relevantes tanto a nivel nacional como internacional, ofrecen claves prácticas para o deseño de políticas públicas e enriquecen o debate global sobre os efectos políticos das políticas de austeridade.

Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), 2025-01-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES