Noticias

As oposicións de Educación comezarán o 20 de xuño, con 1.601 prazas en 42 especialidades

A Mesa Sectorial do Ensino, conformada polas organizacións sindicais CIG, CC.OO., ANPE e UGT-SP Ensino, analizou esta mañá o decreto de oferta pública de emprego e a orde de convocatoria das probas das oposicións deste ano. Son un total de 1.601 prazas en 42 especialidades e, tal e como explicou o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, as probas comezarán o 20 de xuño, unha vez remate o curso. Deste xeito, a previsión é que todos os exames estean rematados o 19 de xullo.

A continuación, adxudicaranse os destinos provisionais das persoas que gañen praza para que os docentes se incorporen aos seus postos en setembro. Cómpre lembrar que as 1.601 prazas convocadas este ano supoñen esgotar ao máximo o 120% da taxa de reposición marcada pola normativa estatal, isto é, convocar 120 prazas por cada 100 baixas. De aí que esteamos diante dunhas oposicións de máximos que, ademais, van permitir seguir mellorando as ratios nas aulas, nun escenario de baixada do número de alumnos.

Do total das prazas, case o 87%, un total de 1.388 prazas son de novo ingreso e as 213 restantes son de promoción interna, para que mestres que xa contan con praza se poidan incorporar ao corpo de profesores de ensino Secundario. Por corpos, no de mestre convócanse 476 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 852 en 29 especialidades. Ademais, hai 60 prazas en cinco especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP. As 213 prazas de promoción interna abranguen 29 especialidades.

Unha vez analizada na Mesa Sectorial, o decreto de oferta pública de emprego deberá ser sometido á aprobación do Consello da Xunta. Posteriormente, tanto o decreto como a orde de convocatoria serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, paso a partir do que as persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición.

Con posterioridade, informarase sobre as distintas sedes. Como novidade, nesta ocasión os interinos non teñen a obriga de presentarse ao exame, co obxectivo de axilizar o proceso.

As oposicións de 2026 elevan a 21.698 as prazas convocadas desde 2009 pola Xunta para renovar, estabilizar e permitir que os docentes avancen na súa carreira profesional. De feito, grazas a estas políticas, Galicia é desde hai anos a comunidade con menor interinidade docente do Estado.

R., 2026-02-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES