Notas de prensa

Industria e UVigo únense para mellorar a conservación de produtos pesqueiros grazas a descartes agrícolas

Nun claro exemplo de economía circular, Universidade de Vigo e industria únense nun proxecto multidisciplinar que busca aproveitar residuos vexetais para empregalos na mellora da conservación de alimentos. En concreto, o grupo operativo Agri-Resval, formado pola empresa Néboda Farms, o grupo AgroBioTech for Health da UVigo, a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e o Grupo Nueva Pescanova, traballa na revalorización de residuos de agricultura vertical.

En concreto, a alfábega (Ocimum basilicum), para a obtención de antioxidantes naturais de alto valor capaces de inhibir a oxidación lipídica de peixes e mariscos conxelados como o lagostino.

O proxecto presentouse este mércores nun seminario virtual no que participaron representantes das entidades socias desta iniciativa, como Gabriel Santos, xestor de Proxectos Nacionais de Feuga; Samuel López Novoa, xefe de I+D de Néboda Farms; Sonia Losada Barreiro, profesora da UVigo no Departamento de Química Física e investigadora do grupo AgroBioTech for Health; e Chini Porro, responsable de I+D do Grupo Nueva Pescanova.

Segundo explicaron os seus impulsores, o principal obxectivo de Agri-Resval é desenvolver procesos innovadores para obter extractos naturais ricos en antioxidantes a partir de residuos agrícolas, como os da alfábega cultivada en sistemas verticais pola empresa Néboda Farms. Estes antioxidantes serán aplicados a produtos conxelados da pesca e o marisqueo galegos co fin de inhibir a oxidación lipídica, prolongando a súa vida útil e mantendo as súas propiedades organolépticas. O proxecto conta cun orzamento de 140.000 euros do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) canalizado a través da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e ao longo dos meses de traballo que teñen por diante (ata outubro de 2026) avaliaranse métodos de extracción sostible, a eficiencia dos antioxidantes naturais en comparación cos sintéticos e o seu impacto no sector.

Unha resposta á maior demanda de produtos ricos en Omega3

Como explicou no seminario deste mércores a profesora Sonia Losada, o proxecto xurde “nun contexto de crecente demanda de produtos ricos en ácidos graxos poliinsaturados como os Omega3”, unha tendencia que “é previsible que siga aumentando a medida que as e os consumidores teñen unha maior consciencia sobre os beneficios do consumo deste tipo de produtos”. A investigadora explicou que estes ácidos poliinsaturados “son nutrientes esenciais que o noso organismo non é quen de producir e débense obter a partir da dieta”, estando presentes, sobre todo, en peixes e mariscos. Pero o procesamento e conservación destes alimentos “supón un dos grandes retos da industria alimentaria, xa que estes ácidos poliinsaturados son moi susceptibles a sufrir procesos de oxidación lipídica, cuxo resultado é a aparición de malos cheiros ou sabores desagradables e a conseguinte perda de calidade nutritiva e da propiedades organolépticas do alimento”. Isto, consecuentemente, xera rexeitamento por parte das e dos consumidores, aumento do desperdicio de alimentos e unha carga ambiental moi alta e importantes perdas económicas para o sector. Por isto, destacaba Losada, “é de vital importancia para a industria atopar estratexias efectivas para retrasar estas reaccións de oxidación lipídica”. Unha das principais é o emprego de baixas temperaturas, pero aínda así compre adicionar antioxidantes para frear esta reacción. Comunmente a industria optaba por antioxidantes sintéticos, pero nos últimos anos, engadía a docente da UVigo, “estase investigando para buscar formulacións naturais procedentes das plantas”, unha estratexia que ademais contribúe a buscar unha segunda utilidade aos residuos e descartes agrícolas.

Este é o escenario no que acaba de botar a andar Agri-Resval, que ademais de xerar antioxidantes naturais capaces de inhibir a oxidación lipídica do peixe e do marisco, neste caso o lagostino, vai permitir aproveitar os descartes do cultivo de alfábega na empresa Néboda Farms. As previsións da compañía son que esta iniciativa lles permitirá reducir “1,2 toneladas anuais de restos da parte aérea da planta e 0,9 toneladas das raíces”, como salientaba Samuel López Novoa, xefe de I+D.

Distintas fases pilotadas polos diferentes socios

O proxecto comprende diferentes fases e cada unha delas estará pilotada por un dos socios. Na primeira parte, a que se está a comezar a desenvolver agora, Néboda Farms encargarase da valoración para obter, cultivando baixo as condicións máis idóneas previamente estudadas, os residuos vexetais de interese con diferentes perfís químicos. Unha vez se conte con eses residuos, pasarase á unha segunda etapa, coordinada polo grupo AgroBiotech for Health da Universidade de Vigo, que realizará toda a investigación e desenvolvemento experimental relativos á preparación dos residuos para a súa extracción e a todas as técnicas e condicións de extracción que se empregarán para obter unha gama de extractos con diferentes composicións e concentracións.

Pescanova terá o rol de cliente final neste proxecto, sendo o encargado de aplicar os antioxidantes sobre o lagostino na súa planta de produción e realizar o seguimento do estado do produto a diferentes tempos. Así, Pescanova achegará os datos reais acerca da eficacia dos produtos desenvolvidos nas fases previas do proxecto. Durante o transcurso do proxecto, Feuga encargarase de organizar todas as actividades de difusión e transferencia.

Resultados esperados

Froito da colaboración de todos estes socios durante o próximo ano e medio, o obxectivo é deseñar, por primeira vez un sistema innovador de valorización dos residuos do sector agroalimentario e de mellora da preservación de produtos da pesca, incrementando a competitividade destes dous sectores clave para Galicia. Os resultados agardados contribuirían a promover a aplicación de tecnoloxías innovadoras e respectuosas co medio ambiente; xerar produtos de alto valor engadido a partir de residuos (descartes e refugallos) mediante a produción de antioxidantes naturais, reducindo os efectos secundarios das opcións sintéticas; e aumentar a competitividade e a calidade alimentaria de produtos clave para unha nutrición saudable e sostible.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-01-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (agro-tractor.jpg) O Banco de explotacións entrará en funcionamento de inmediato, coa publicación da Orde coa adopción de modelos normalizados para a xestión do Banco. Esta norma permitirá, na práctica, a inclusión dunha explotación no Banco por parte das persoas titulares que pretendan cesar na súa actividade e, por outra banda, tramitar a solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación do Banco por parte de persoas interesadas no seu arrendamento, permuta ou adquisición. Esta posibilidade constitúe unha oportunidade tanto para o titular da explotación como para o titular que asume a xestión dunha explotación viable. Por unha banda, os cedentes, titulares de explotacións agrarias familiares, poderán complementar á súa pensión de xubilación cos ingresos xerados polo arrendamento ou venda da súa explotación. Por outra parte, os agricultores mozos ou novos agricultores poderán acceder á xestión dunha explotación en funcionamento e viable.
Foto de la tercera plana (camino-vinetas.JPG) A mostra leva o Camiño de Santiago ata novas formas de expresión, como son o cómic e a banda deseñada e artéllase arredor da publicación 'A aventura xacobea de Simón Martel', centrada na adolescente que lle da nome. Esta é unha personaxe de longa tradición no cómic galego, protagonista de sete libros desde 1994. Martel lánzase a percorrer o Camiño cos seus tíos e un amigo. Durante o percorrido vanse cruzando con distintos personaxes reais e situacións a través das que repasar a historia e a importancia das peregrinacións a Santiago.

Notas

Música, exposicións, teatro, danza, fotografía, cinema... a Universidade de Santiago retoma a súa programación cultural en Lugo e Santiago os meses vindeiros coas máis variadas propostas, todas elas baixo o paraugas dunha nova Primavera Cultural que se estenderá ata ben entrado o mes de maio. A programación comeza xa esta semana, co XXIX Festival Internacional de Teatro Universitario da USC que se inicia este martes 11 no Salón Teatro de Santiago e co concerto do ciclo ‘Lubicán íntimo' de Su Garrido Pombo e Marco Maril na Casa do Saber de Lugo o venres 14 ás 20.30 horas.
Dende que as JAI, Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial, botaron a andar en abril de 2004, a décima edición será máis multitudinaria da súa historia: 70 relatores, 40 horas de conferencias e mesas redondas, preto de 2000 asistentes máis de 40 expositores no showroom, unhas cifras que constatan o crecemento e consolidación destas xornadas bienais.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES