
Sinalado por Cruz Vermella como un exemplo de innovación e compromiso coa neurorrehabilitación, este proxecto terá continuidade coa implantación e avaliación dun novo programa baseado novamente no uso de lentes de realidade virtual, desta volta tanto para a realización de exercicio físico como para levar a cabo traballo cognitivo.
Unha alianza para avanzar na rehabilitación
Como sinalan desde Cruz Vermella, o dano cerebral adquirido, causado por accidentes cerebrovasculares, traumatismos craneoencefálicos, tumores ou infeccións cerebrais, xera secuelas que afectan profundamente as capacidades físicas, cognitivas e emocionais dos pacientes. O proxecto TEVI-DCA explorou como a realidade virtual pode ser unha ferramenta eficaz para abordar estas secuelas, creando contornas inmersivas personalizadas que favorecen a recuperación e benestar das persoas participantes. Nese senso, desde Cruz Vermella destacan que este programa permitiu ás e aos participantes do centro de Castro, Ribeiras de Lea, beneficiarse dun enfoque terapéutico innovador, deseñado para maximizar os avances funcionais e mellorar a súa calidade de vida.
Metodoloxía e resultados destacados
Neste primeiro ensaio clínico participaron 14 persoas con dano cerebral adquirido, cunha idade media de 52 anos. Ao longo de 19 semanas, realizaron un programa de intervención que combinaba o uso dun cicloergómetro con exergames, videoxogos cunha compoñente física, nuns lentes de realidade virtual. A avaliación final permitiu detectar melloras, entre outros ámbitos, nas funcións executivas, nos parámetros de calidade de vida relativos ao benestar físico e mental e a na capacidade funcional das e dos participantes, rexistrándose avances significativos en forza muscular e autonomía.
Estes primeiros resultados foron presentados recentemente no centro de Cruz Vermella polo catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinador do grupo HealthyFit, José María Cancela, e polo investigador e profesor da Facultade de Fisioterapia Pablo Campo. Tratábase, lembran, dun proxecto pioneiro, posto que se ben diferentes estudos abordaran previamente os beneficios da actividade física neste colectivo, non existían traballos centrados nun programa de exercicio que incorporase realidade virtual inmersiva. Os resultados foron moi bos, sobre todo no referido á mellora cardiovascular e do equilibrio, sinala Cancela, que lembra que o primeiro obxectivo deste ensaio clínico era confirmar a usabilidade desta ferramenta e a súa seguridade á hora de realizar actividade física con este colectivo. As súas experiencias foron moi positivas e detectáronse melloras practicamente en todas as variables que investigamos, engade Campo, que sinala que tras o programa rexistráronse melloras nos parámetros referidos a forza en membros inferiores, funcionalidade da marcha, calidade de vida e funcións executivas.
Unha liña de colaboración que continúa
Os investigadores da Universidade e Cruz Vermella avogaron por expandir os resultados deste proxecto e explorar novas aplicacións da realidade virtual inmersiva no ámbito da rehabilitación neurolóxica. Con ese obxectivo, iniciaron xa os traballos para a posta en marcha dun novo programa, que recibe o nome de EITI-DCA 2.0 e que busca dar continuidade, con diferentes melloras, ao primeiro ensaio clínico. Os resultados foron moi bos, pero, evidentemente, ao ser un proxecto piloto, atopamos tamén algunha debilidade, apunta Cancela. Nese senso, esta primeira experiencia levou á substitución dos equipos empregados por outros que, valéndose o mesmo exergame, permiten realizar un traballo aeróbico tanto con membros inferiores como superiores. Ao mesmo tempo, apóstase tamén por seguir realizando intervencións de curta duración, pero desta volta a unha alta intensidade, como explica o responsable deste grupo investigación, que forma parte do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
Outra das novidades é que o novo programa sumará a dúas sesións de exercicio físico semanais unha terceira, de carácter intermedio, dedicada só a tarefas cognitivas, tamén a través do uso de exergames, cos que se traballarán aspectos ligados á memoria e á toma de decisións, baixo a dirección da psicóloga xeral sanitaria, apunta Campo. Trátase dun programa de 20 semanas, que os investigadores buscarán que, no referido á intensidade que se lle requira a cada paciente, sexa o máis personalizado posible, apunta Cancela, que incide no diferente grao de incidencia desta patoloxía.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.