//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 24 ao 30 de novembro, que sinala que a actividade gripal en Galicia segue con intensidade baixa e tendencia crecente. Respecto da semana anterior, rexístrase un aumento na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 16,2 %. Así, esta taxa sitúase en 83,8 consultas por 100.000 habitantes. Por grupos de idade, a taxa de consultas aumentou en todos con excepción do de maiores de 80 anos, no que permaneceu estable. O grupo coa maior taxa de consultas segue a ser o de 0 a 4 anos con 192,2 consultas por 100.000 habitantes, se ben nesta semana o maior incremento produciuse no grupo de 20 a 59 anos (do 26,1%).
A Consellería de Sanidade publica o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 17 ao 23 de novembro, que sinala que a actividade gripal en Galicia segue con intensidade baixa e tendencia crecente. Respecto da semana anterior, rexístrase un aumento na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 40,3 %. Así, esta taxa sitúase en 72,1 consultas por 100.000 habitantes. Produciuse aumento da taxa en todos os grupos de idade, destacando o grupo de 0 a 4 anos cun aumento do 78 %. Os grupos coa maior taxa de consultas seguen a ser o de 0 a 4 anos con 188,4 consultas por 100.000 habitantes. No que atinxe ás áreas sanitarias, incrementáronse as consultas en todas elas, duplicándose o valor na área de Vigo e rexistrando un aumento das súas taxas as áreas de Ourense (96,6 %) e de Lugo (79,3 %).
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu hoxe a implicación do conxunto da sociedade na loita contra a violencia de xénero e apostou pola 'detección, a concienciación e a educación desde nenos'. 'É unha tarefa colectiva, unha tarefa inacabada, pero na que imos avanzando', indicou á vez que demandou ser 'inflexibles e non tolerar actitudes' que neguen esta realidade. Durante o acto central do Executivo galego para conmemorar o Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, Rueda lembrou que esta é unha loita de toda a sociedade, na que ninguén pode quedar excluído, e destacou a importancia de contar coas ferramentas e os recursos para previr, detectar e actuar fronte a posibles casos.
A campaña de vacinación xa conta con 600.000 galegos inmunizados fronte á gripe e 360.000 fronte á covid-19. Os datos de vacinación reflicten que o sistema sanitario público galego xa vacinou fronte a gripe a máis do 44 % dos menores con idades de 0 a 11 anos, ao 58,7 % das persoas maiores de 65 anos e a máis do 52 % do persoal sanitario. No que atinxe á inmunización fronte ao coronavirus, Galicia xa conta con máis do 54 % da persoas maiores de 70 anos vacinadas e con case o 33 % do persoal sanitario inmunizado.
'Anuncio con ledicia que hai un acordo de todas as partes, que pensamos que poder ser moi bo para mellorar a docencia da titulación de Medicina en 4º, 5º e 6º e que se desenvolverá a partir do curso que vén e durante os tres próximos'. Con estas palabras confirmaba o reitor da UVigo e coordinador do grupo de traballo para a descentralización do segundo ciclo do Grao en Medicina, Manuel Reigosa, a consecución dun acordo baseado no preacordo ratificado o pasado venres polos reitores de Vigo, Santiago e A Coruña e as consellerías de Educación e Sanidade. Non obstante, os termos concretos do documento non se farán públicos ata que este sexa coñecido polos integrantes do Consello de Docencia Clínica.
Preto de 100.000 persoas en Galicia (98.480) beneficiáronse xa das 87 actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. Deste total, o 55% das persoas beneficiadas son mulleres. Os obxectivos principais desas accións son apoiar o emprego, a educación e a formación, tendo en conta sobre todo ao colectivo xuvenil, a protección social e a loita contra a pobreza, en particular a pobreza infantil, así como a atención á saúde mental. Desde a aprobación do programa en decembro de 2022 seleccionáronse, en todas as súas prioridades, actuacións por importe de 315 millóns de euros, que se poderá executar ata o 31 de decembro de 2029.
Underfest Xacobeo volve este mes de novembro de 2025 coa súa oitava edición, converténdose nunha cita indispensable na que Vigo volve recibir público non só de Galicia, senón, tamén do resto de España e do estranxeiro, con seguidores que nas últimas edicións do festival chegaron de lugares tan dispares como Tokio, Londres, Frankfurt, Dublín, Lisboa ou Edimburgo. No cartel do Underfest Xacobeo 2025, co apoio de Turismo de Galicia, danse cita nomes como os lendarios The Psychedelic Furs, <
>, Dewolff, We Are Scientists, Tahiti 80, Chucho, Maximilian Hecker, The Devils, Sr. Chinarro, Cápsula, Black Stereo, Incurable, Nenu e The Freebillies, entre moitos outros. Neste 2025, o Underfest Xacobeo completa un programa no que suma destacados nomes internacionais e nacionais, ademais do mellor talento galego.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello ratificou a resolución adoptada pola Asesoría Xurídica de presentar dous recursos contencioso-administrativos diante do Tribunal Supremo fronte aos dous reais decretos aprobados este verán polo Goberno central, os cales regulan os traslados obrigatorios de menores migrantes non acompañados e a capacidade ordinaria de acollida das comunidades autónomas. Trátase das dúas normas que desenvolven o Real decreto lei 2/2025, do 18 de marzo, a través do cal o Executivo central impuxo unha distribución de menores chegados a Canarias, Ceuta e Melilla entre as distintas comunidades e dos cales máis de 300 virán a Galicia.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro seco e moi cálido. En concreto, o pasado mes caracterizouse por unha primeira parte, ata o día 18, con predominio de altas presións, que deixaron tempo seco e moi cálido. A partir do día 19, as temperaturas descenderon e as precipitacións foron aparecendo con máis frecuencia e intensidade. Con todo, as temperaturas medias do mes quedaron moi por riba do que sería de agardar en outubro e as precipitacións que se foron acumulando nos últimos días non puideron chegar aos valores propios deste mes na maior parte de Galicia.
O sistema sanitario público galego será o primeiro de España en contar cun centro de protonterapia de titularidade pública. A Xunta está a impulsar a oncoloxía radioterápica no sistema sanitario público galego, coa dotación de novos aceleradores lineais para os Hospitais Públicos de Pontevedra e Ourense e puxo en valor a futura posta en marcha, no último trimestre de 2026, do Centro de Protonterapia de Galicia, que permitirá tratamentos máis precisos e menos invasivos. Esta actuación enmárcase nun acordo coa Fundación Amancio Ortega para a implantación da protonterapia en España.
Na xuntanza trataranse cuestións relacionadas con títulos conxuntos e a experiencia 'Universidade sen fronteiras', infraestruturas compartidas en investigación con atención ao caso de Braga, a implementación da ética na IA en educación superior e investigación, e colaboración científica, nomeadamente Open Science, Research Security e a promoción das publicacións científicas en español e portugués.
Tras unha década sen que o acordo de descentralización de Medicina se fixese efectivo e case medio ano despois de que a UDC solicitase a implantación do grao, os reitores do Sistema Universitario Galego confirmaron en Santiago de Compostela a consecución dun preacordo entre as tres universidades, que terá que ser validado, primeiro polo grupo de traballo, do que tamén forman parte as consellerías de Educación e Sanidade, e representantes da Facultade de Medicina e do SERGAS.
A UDC vén de celebrar o acto de entrega dos Premios de Emprendemento, unha das actividades incluídas na xornada UDC TALENTO, a I Feira de Emprendemento e de Apoio ao Emprego da UDC desenvolvida no marco de IMPULSA-T. O acto deu comezo coa entrega dos Premios Santander X Spain Awards, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer as ideas de negocio universitarias e startups máis innovadoras e prometedoras.
A UDC celebrou o IMPULSA-T, a primeira Feira de Emprendemento e Apoio ao Emprego como mostra do compromiso coa empregabilidade, a innovación e o progreso social. O evento conta cun total de 49 postos de empresas e entidades dos principais sectores produtivos galegos e nacionais, estruturados en varios espazos temáticos.
O proxecto Greencoop xa está en marcha para desenvolver novos modelos de negocio para as comunidades rurais e facer fronte, tal e como sinalou a catedrática da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), María Rosa Mosquera Losada, ao 'desafiante contexto socioeconómico da Unión Europea para o futuro próximo: abandono de terras, envellecemento da poboación, novas incorporacións de profesionais da agricultura, acceso limitado á tecnoloxía en zonas rurais e migración de persoas emprededoras'.
A Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) organiza, xunto co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, do 22 ao 25 de outubro, o XIII Congreso Docomomo Ibérico, baixo o lema 'A modernidade marítima. Arquitecturas e infraestruturas da paisaxe litoral, 1925-1975'. Esta última, caracterizada por ser o contacto entre dous medios tan dispares como o mar e a terra, é moi esixente e reclama unha coidada atención.
O Eurocampus Emerge, formado por nove universidades periféricas europeas, entre as que se atopa a UDC, dá novos pasos desde o seu lanzamento hai un ano. Así quedou constatado na recente reunión de goberno da alianza, celebrada en Rennes, á que asistiu o reitor da UDC, Ricardo Cao, xunto con outros participantes da institución académica coruñesa neste proxecto internacional.
A Universidade de Santiago de Compostela acolle entre os días 21 e 24 de outubro o XXI Congreso Nacional da Sociedade Española de Bioloxía Celular (SEBC), que incluirá conferencias plenarias, sesións de comunicacións orais e presentacións en formato póster nas que se abordarán moi diversas temáticas de actualidade nesta disciplina.
Segundo un informe publicado este luns 13 pola Universidade de Exeter con outros socios internacionais como a Universidade de Santiago de Compostela, co quecemento global a punto de superar os 1,5 °C o planeta Terra alcanzou xa o primeiro punto de non retorno e atópase perigosamente cerca doutros puntos de inflexión catastróficos, entre eles, o retroceso das capas de xeo, a degradación do Amazonas e o colapso de correntes oceánicas vitais.
O Orfeón Lucense, xunto coa Diocese de Lugo e a Catedral Lucense, veñen de convocar a II edición do PREMIO JOSÉ CASTIÑEIRA DE HUMANIDADES, para premiar persoas ou institucións que, pola súa traxectoria, disposición e entrega, se distingan no seu labor humanístico, nas artes ou nas letras, a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo do traballo e entrega do musicólogo, crego e profesor do que leva o nome.