
Inserido na programación da Máster Class Audiovisual Galego, que a Facultade de Comunicación promove xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), este certame busca recoñecer as mellores curtas realizadas cada curso polo alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual, como a que Ocampo desenvolveu para o seu traballo de fin de grao (TFG), no que tivo como titora á profesora Laura Miragaya.
Oito curtas, nacidas como traballos académicos para diferentes materias ou como TFG, optaban nesta edición a un premio cunha dotación económica de 500 euros. Tras a súa proxección, na tarde deste xoves, foron avaliadas por un xurado integrado pola egresada e axudante de dirección Bibiana Juanes, a tamén exalumna e guionista Sara Varela, o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización Crea, Fon Cortizo, o tamén egresado e profesor convidado Miguel Gómez Abad e o codirector de Augal Miguel Anxo Fernández. Todos eles destacaron a calidade dos traballos e seleccionaron como gañadora unha curtametraxe intimista e moi coidada esteticamente, como destaca o tamén codirector desta máster class, Paulino Pérez.
Con moitísimo orgullo, recoñece, recibía Ocampo o fallo do xurado, ao remate dunha sesións á que acudiu xunto á súa prima María, protagonista dunha curta que hai unhas semanas acadaba o primeiro premio do concurso Fas Curtas, do Ourense Film Festival (OUFF). Agora, La casa de la abuela suma un segundo galardón do que esta egresada destaca a ilusión que supuxo telo recibido na facultade na que se formou, nunha xornada que compartiu cos autores e autoras de traballos con moitísimo nivel. Agora, esta titulada agarda poder levar esta curtametraxe, que conta tamén coa participación da actriz Mela Casal, a diferentes festivais. De feito, vén de ser seleccionado para XII Festival de cine social ManzanaREC, á vez que tratará tamén, recoñece, de que teña un percorrido máis aló da competición, nun ámbito máis educativo e social.
Xunto á La casa de la abuela, no concurso A Canteira-Augal foron seleccionadas as curtametraxes Dúas señoras, de Luján Monteiro e Iria Soutullo; Gralla, de Rebeca Tella e Daniel Filloy; O porco, de Hugo R. Morgado; Alma, de Iria Diéguez e Isabel Fariña; Áncora; de Miguel R. Berride; Cinexin, de Luján Monteiro, e Todo dicho, de Nel González.
Augal retorna en febreiro
Dirixida a conectar o alumnado coa realidade do sector audiovisual, a décimo cuarta edición de Augal arrancou no mes de novembro con máis de 50 inscritos e inscritas e, tras a sesión deste xoves, continuará a súa programación no mes de febreiro. Con sesións abertas ao público, esta máster class retomará a súa actividade o día 5 coa proxección de La Parra, de Alberto Gracia, que será presentada pola produtora e profesora Beli Martínez. Á semana seguinte, a egresada Silvia Fuentes protagonizará un coloquio sobre a súa traxectoria como produtora e o día 19 terá lugar unha sesión dedicada á serie Ghuassap. O 26 de febreiro, Augal permitirá coñecer as curtametraxes A Marola, de Ángel de la Cruz; Abellón, de Fon Cortizo; e María Rita, de Juan Barbazán, mentres que o 12 de marzo a directora Lucía Estévez, tamén egresada da facultade, falará do seu traballo nas series Los argonautas e Weiss & Morales. Esta XIV Máster Class Audiovisual Galego pechará a súa programación o 26 de marzo, coa proxección de Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.