Noticias

Descende a cifra de emigrantes galegos no exterior mentres se incrementa o número de descendentes nacidos xa no seu país de destino

O número de emigrantes galegas e galegos —persoas que naceron en Galicia e residen no exterior— volve baixar un ano máis en 2.172 persoas, continuando a tendencia dos últimos exercicios. En paralelo, a poboación galega total que reside no exterior increméntase debido ás novas inscricións de persoas descendentes de galegas e galegos nacidas no estranxeiro, ata alcanzar os 548.252 (incremento de 13.280 persoas, un 2,42%) a 1 de xaneiro de 2025, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

Esta diferenza explícase, principalmente, polo aumento da cifra de descendentes das persoas galegas que viven no estranxeiro e que xa naceron no seu país de destino. Estas novas estatísticas manteñen o mapa da poboación galega no exterior, que segue a liderar A Arxentina con 185.186, seguida do Brasil con 52.459 e Cuba con 50.656, O Uruguai con 42.982, Suíza con 41.043 ou Venezuela con 30.000.

Nova realidade migratoria

Esta realidade demográfica constitúe unha oportunidade para Galicia, que conta cun importante aliado fóra das nosas fronteiras para superar o reto demográfico que está a atravesar non só a comunidade, senón toda España. Con esta finalidade, Galicia é pioneira na implementación da Estratexia Galicia Retorna que segue a facilitar que as e os galegos retornen. Precisamente o ano pasado, coñecíamos un fito importante para a comunidade galega, xa que, por terceiro ano consecutivo, acadouse unha cifra histórica de retorno. Un total de 8.459 galegos decidiron volver a Galicia dende os seus países de residencia actual.

R., 2025-03-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES