Noticias

A gripe en Galicia continúa con tendencia decrecente e mantén unha intensidade baixa

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, publica na súa páxina web o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana 13 do ano, que determina que a intensidade da gripe en Galicia se mantén baixa e a tendencia segue a ser decrecente. Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria reduciuse un 14 % con respecto á semana previa, con 33,2 consultas por 100.000 habitantes. O descenso da taxa de consultas por gripe en atención primaria obsérvase en todos os grupos de idade e nas sete áreas sanitarias, agás na da Coruña, onde se mantivo estable, e na de Ferrol, na que aumentou.

A rede de 70 farmacias sentinela, que nesta campaña están a remitir os seus datos á Dirección Xeral de Saúde Pública, reflicte que a taxa de dispensación de antigripais descendeu con respecto á semana previa, mentres que a de probas de antíxenos aumentou moi lixeiramente.

En canto aos ingresos hospitalarios, na semana 13 do ano ingresaron 176 persoas con gripe confirmada, un 17 % menos que na semana anterior (211). A taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 6,5 por 100.000 habitantes. En canto ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos só aumentou na de Ferrol.

No que vai de tempada, notificáronse 3.079 ingresos por gripe, a maioría deles, 2.667, con virus do tipo A.

Respecto da positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, foi do 15,4 %, o que supón un descenso respecto da semana anterior, que foi do 17,5 %. A positividade das mostras estudadas para virus do tipo B foi do 0,8 %, polo que a positividade dos virus da gripe foi do 16,1 %, inferior á da semana anterior (18,3 %).

Evolución covid

O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas indica que ingresaron 20 persoas con covid confirmada, polo que a taxa segue estable con respecto á semana previa. Obsérvase certa estabilidade na taxa de ingresos en todas as áreas sanitarias, cun lixeiro aumento na de Ferrol.

Estimación

Segundo se recolle no informe, a estimación puntual do modelo de predición suxire que, nas vindeiras dúas semanas, a taxa de consultas por gripe descenda de 33,2 consultas por 100.000 habitantes a 29,7 e 27,0 consultas por 100.000 habitantes.

A Xunta lembra a recomendación do uso da máscara en pacientes con síntomas respiratorios, ademais dos seus acompañantes e visitas, e no caso dos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.

R., 2025-04-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES