Noticias

Máis do 65 % dos servizos de atención primaria galegos xa contan cun Plan local de Saúde que adapta a asistencia ás necesidades de cada poboación

Máis do 65 % dos servizos de atención primaria de Galicia xa contan cun Plan local de Saúde, que adaptan a asistencia sanitaria ás necesidades de cada poboación, e dos que se benefician máis de 1,7 millóns de galegos e galegas. Desde a posta en marcha dos primeiros 14 plans locais de saúde no ano 2022, este modelo estendeuse ata acadar na actualidade 95 servizos de atención primaria. O obxectivo é que no ano 2026 estes plans cheguen á totalidade dos servizos deste nivel asistencial. A idea é que o persoal de cada centro participe en labores de promoción e prevención da saúde, en colaboración cos servizos do seu concello, os centros educativos, os servizos sociais, as asociacións e a cidadanía.

Máis do 65 % dos servizos de atención primaria de Galicia xa contan cun Plan local de Saúde, que adaptan a asistencia sanitaria ás necesidades de cada poboación, e dos que se benefician máis de 1,7 millóns de galegos e galegas.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, interveu no acto de entrega da III edición dos Premios anuais dos Plans Locais de Saúde, que organiza o departamento sanitario galego, no que resultaron premiados 23 servizos con 26 galardóns.

O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde destacou que, desde a posta en marcha dos primeiros 14 plans locais de saúde no ano 2022, este modelo estendeuse de maneira exemplar, acadando na actualidade 95 servizos de atención primaria. Dixo tamén que o obxectivo é que no ano 2026 estes plans locais de saúde cheguen á totalidade dos servizos deste primeiro nivel asistencial.

Segundo incidiu Gómez Caamaño, os plans locais de saúde reflicten o compromiso dos grupos de traballo de cada servizo de atención primaria a través de equipos multidisciplinares de médicos de familia, pediatras, enfermeiros, nutricionistas, entre outros profesionais, a quen lles agradeceu o seu traballo e dedicación.

O obxectivo destes plans é que o persoal de cada centro participe en labores de promoción e prevención da saúde, en colaboración cos servizos do seu concello, os centros educativos, os servizos sociais, as asociacións e a cidadanía, dando paso a unha mellor organización do traballo e ao desenvolvemento da función comunitaria dos centros de saúde.

O conselleiro destacou que os plans parten dunha análise exhaustiva da poboación, así como das súas particularidades e demandas sociosanitarias concretas para darlle unha resposta eficaz. Subliñou, así mesmo, que a avaliación constante dos plans resulta un factor clave para mellorar os resultados en saúde. Neste sentido, os datos reflicten un alto grao de satisfacción da cidadanía, cunha valoración media de catro sobre cinco.

Compromiso da Xunta coa atención primaria

No seu uso da palabra no acto de hoxe celebrado no Edificio Administrativo de San Lázaro, o conselleiro puxo en valor o compromiso da Xunta coa atención primaria, que no presente ano conta cun orzamento de 1.668 millóns de euros que posibilitarán melloras en tecnoloxía, dixitalización e equipamento, reforzando, deste xeito, a capacidade asistencial dos centros de saúde.

O titular da carteira sanitaria dixo que a Xunta seguirá a apostar pola Estratexia galega de saúde comunitaria e polo Plan de atención domiciliaria, que garantirán unha atención máis centrada nas persoas e no seu contexto social, especialmente para a poboación do rural.

Gómez Caamaño incidiu en que os plans locais marcarán a folla de ruta co propósito de mellorar a calidade asistencial dos pacientes, ademais de reducir a incidencia das patoloxías máis prevalentes en cada concello, integrando o centro sanitario coa súa contorna en beneficio da poboación.

O conselleiro rematou a súa intervención coa felicitación aos profesionais dos servizos premiados: Os Mallos (A Coruña), As Pontes, Caranza (Ferrol), Cambados, Bueu, A Estrada, Elviña-Mesoiro (A Coruña), Sarria, Vilanova de Arousa, Virxe da Peregrina (Pontevedra), Sárdoma (Vigo), O Grove, Vimianzo, Silleda, Vilalba, Ribadavia, Nóvoa Santos (Ourense), Arzúa, Burela, Castro Caldelas, Mariñamansa (Ourense), Colmeiro (Vigo) e Beiramar (Vigo).

Cómpre destacar que os servizos de atención primaria dos Mallos, da Estrada e Novoa Santos foron premiados cada un deles con dous galardóns: o dos Mallos, co premio á mellora continua dos Plans Locais de Saúde e co premio á dimensión comunitaria; o da Estrada co premio á excelencia e co premio proxectos innovadores de xestión da demanda; e o Novoa Santos co premio actividade comunitaria desde dentro e fóra do centro e co premio á atención a domicilio de pacientes inmobilizados.

R., 2025-03-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES