Noticias

O Hospital Público Álvaro Cunqueiro, pioneiro mundial na reparación da válvula mitral cun procedemento minimamente invasivo

A área de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo acaba de realizar un procedemento pioneiro no mundo no que conseguiu reparar unha válvula mitral con fuga severa por rotura das cordas tendinosas implantando novas cordas artificiais a través dun acceso venoso e sen necesidade de cirurxía aberta. Este caso é o primeiro no mundo incluído no estudo de viabilidade do uso deste novo dispositivo transcateter chamado ChordArt (Coremedic GmbH), con tres implantes no mesmo paciente. Desta forma, o Hospital Público Álvaro Cunqueiro convértese nun dos primeiros hospitais do mundo en realizar esta técnica, situando o Servizo Galego de Saúde á vangarda neste tipo de tratamentos, sendo ademais un galego, o profesor Alberto Weber Varela, o inventor deste novo dispositivo.

O primeiro receptor foi un paciente de 77 anos ao que a semana pasada se lle implantaron 3 cordas artificiais para reparar unha válvula danada por unha enfermidade dexenerativa cun prolapso severo.

Segundo o responsable destas intervencións, o cardiólogo Rodrigo Estévez-Loureiro, “a abordaxe consiste en implantar neocordas artificiais que se ancoran ao músculo papilar (que é onde se orixinan fisiológicamente) e á propia válvula mitral enferma.

As cordas teñen unha lonxitude preestablecida para garantir que o veo prolapsado regrese á súa posición orixinal e que a fuga da válvula se manteña en niveis mínimos. Todo este proceso realízase sen parar o corazón. “Estamos moi satisfeitos co resultado no primeiro paciente, xa que foi un éxito e o paciente foi dado de alta en 48 horas”, apuntou o doutor Estévez-Loureiro.

Mellores resultados

Debido ao alto risco que supón unha intervención cirúrxica convencional neste tipo de pacientes, o servizo de Cardioloxía dirixido polo doutor, Andrés Íñiguez, e o de Cirurxía Cardíaca, dirixido polo doutor Juan José Legarra, decidiron realizar este procedemento mediante técnicas transcateter, moito menos invasivas. Así, están indicados no momento actual en pacientes que non son bos candidatos para a cirurxía convencional.

Con estas técnicas minimamente invasivas evítanse moitos dos riscos e complicacións asociados á cirurxía cardíaca clásica. Está especialmente indicado en pacientes que presentan insuficiencia mitral severa de tipo dexenerativo e con alto risco cirúrxico.

“Estamos moi satisfeitos co resultado e cremos que poderemos aplicar esta técnica a máis pacientes que padecen esta enfermidade, dentro do estudo de viabilidade temperá no que se inclúen estes primeiros casos”, explica Estévez-Loureiro.

Dispositivo especialmente deseñado

O equipo de especialistas do Complexo Hospitalario de Vigo conta cunha grande experiencia na implantación de determinadas próteses cardíacas, “con todo, o tratamento da válvula mitral non é como o da aorta. É moito máis complicado, xa que a válvula mitral é unha válvula máis grande e está nunha localización delicada, rodeada doutras estruturas cardíacas importantes”, salienta o doutor Estévez-Loureiro.

Outra vantaxe deste procedemento, ademais de evitar a cirurxía aberta, é que se consegue a función fisiolóxica da válvula, sen necesidade de substituíla, e non se pecha a porta a outras alternativas futuras no caso de que o procedemento non sexa 100 % exitoso, incluída a cirurxía aberta de reparación mitral.

O dispositivo consta de dúas ancoraxes de nitinol, un para o papilar e outro para o veo do padal, cun deseño atraumático e a composición da corda é similar ás suturas cirúrxicas.

Equipo multidisciplinar

Na realización destes procedementos participaron de forma conxunta médicos e persoal de enfermería das Unidades de Cardioloxía Intervencionista, Imaxe Cardíaca, Cirurxía Cardíaca, Cardioloxía Clínica e Anestesia, xa que aínda que se trata dun procedemento menos invasivo que unha operación a corazón aberto, tamén é necesaria a colaboración multidisciplinar de varios especialistas.

O equipo sanitario monitoriza os movementos do catéter e como se realizan todos os pasos mediante diferentes técnicas de imaxe como fluoroscopia, ecocardiografía transesofágica e tomografía computarizada.

Cardioloxía do CHUVI, un servizo líder en España

O Servizo de Cardioloxía de CHUVI é líder en España na implantación ou reparación de válvulas cardíacas mediante técnicas minimamente invasivas.

Cada ano realízanse no servizo ao redor de 350 reparacións ou substitucións de válvulas cardíacas utilizando estes medios.

Estas cifras sitúan ao Hospital Álvaro Cunqueiro á cabeza dos hospitais españois nestas técnicas intervencionistas estruturais, nun dos centros máis activos e pioneiros a nivel europeo e mundial en innovación no tratamento valvular mediante procedementos transcatéter.

R., 2025-03-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES