//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias sociedad
A Xunta está a traballar xa nun novo Plan de saúde mental que incluirá a formación dunha rede de asistencia psicolóxica en atención primaria, que dependerá dos servizos de psiquiatría das áreas sanitarias, e que estará coordinada por profesionais de psicoloxía clínica. Xa no Plan de saúde mental poscovid incrementouse o número de profesionais, ademais de crearse hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil e unha segunda unidade de hospitalización en Vigo. Nesta aposta da Xunta tamén se enmarca a creación, nesta lexislatura, dunha Subdirección Xeral responsable da Atención á Saúde Mental.
A Gran Gala Internacional Galicia Ilusiona vaise desenvolver o 5 de outubro, no Auditorio Municipal de Ourense, e nela participarán algúns dos mellores ilusionistas do mundo: Jerome Murat (Francia), Kimoon Do (Corea do sur), Lore Lavand (Arxentina), Nestor Hato (Francia), Mago Murphy (Madrid), Manolo Costa e Mindanguillo (Elche), Sebastian Dethise (Bélxica), Dania Díaz (Venezuela), Jimmy Delp (EEUU) e Dani Polo (Galicia). Un dos obxectivos deste festival é ser un referente a nivel nacional.
As ensinanzas de formación profesional en Galicia volven rexistrar este curso "un novo récord" con 68.823 alumnos, o que supón "un incremento dun 7%" (4.235 estudantes máis) con respecto ao ano pasado, e "o dobre" que no curso 2008/09 (34.766 matriculados). Tal e como se reflicte nun informe da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP elevado ao Consello da Xunta, este crecemento de matrículas é xeneralizado en todas as modalidades de FP, así como no conxunto do territorio, e deriva principalmente do deseño dunha oferta ampla, variada e actualizada que chega a todas as áreas xeográficas e que se viu reforzada este ano no eido da tecnificación e a alta cualificación.
O plan Eduemprende leva máis dunha década fomentando a cultura emprendedora no alumnado de FP, é un dos piares da estratexia educativa galega para promover a creación de proxectos empresariais e a innovación. A convocatoria do plan Eduemprende está actualmente aberta e finaliza o vindeiro 10 de outubro. Este, dirixido ao alumnado de ciclos formativos de grao medio e superior, ensinanzas deportivas, artes plásticas e deseño, así como ao alumnado de Bacharelato, ESO e Primaria, ten como obxectivo promover a cultura do emprendemento e facilitar a transición da vida académica á laboral.
A Xunta de Galicia porá en marcha de cara a 2025 un plan para impulsar o uso do galego en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade. Así o anunciou hoxe no Parlamento de Galicia o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na súa resposta a unha interpelación relacionada co seu departamento na que salientou que 'a política lingüística impulsada pola Administración autonómica ao longo dos últimos anos permite que Galicia teña hoxe un modelo cordial e integrador no que non existen conflitos'.
Galicia converterase na capital mundial da maxia do 3 ao 20 de outubro coa terceira edición do Festival Galicia Ilusiona. O Festival Mundial de Ilusionismo Galicia Ilusiona comezará o vindeiro 3 e 4 de outubro en A Coruña, para continuar o 5 en Ourense; o 6 en Pontevedra; o 11 e o 12 en Santiago de Compostela; o 13 en Ferrol; o 18 en Lugo e finalmente, o 19 e 20 en Vigo. En total serán 20 sesións da maxia máis internacional. As entradas poden mercase aínda na web de Galicia Ilusiona. Así o anunciou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na presentación desta iniciativa que, encherá a oferta turística urbana do outono con sesións de maxia nas sete principais cidades de Galicia.
Ante a presenza de partículas de po en suspensión procedentes do fume dos incendios de Portugal, que pode producir efectos adversos na saúde, a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, fai unha serie de recomendacións á cidadanía. Ata que este episodio non remate, a Xunta recomenda tomar precaucións como non practicar actividades ao aire libre, sobre todo exercicio intenso, pechar as portas e fiestras para evitar a entrada de po nos domicilios, manterse en ambientes húmidos e hidratarse, sobre todo, no caso daquela poboación que pode ser máis sensible.
Como unha experiencia transfronteiriza de éxito e como un exemplo dos froitos que dá fomentar a colaboración internacional no eido do coñecemento. Así se presentou este mércores no campus de Ourense o programa Iacobus, iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-norte de Portugal que fomenta a cooperación científica e o intercambio de persoal docente, investigador e de administración e servizos do ámbito da educación superior galega e portuguesa. Cando se compren dez anos da súa posta en marcha, o programa celebrou en Ourense o seu primeiro congreso reunindo a autoridades e participantes nesta iniciativa.
Este domingo 22 a partir das 16,00 horas, o Festival Go! Go! Zo! abre as súas portas no Monte do Gozo para ofrecer a macroactuación organizada pola Casa do Rock con versións en galego de temas míticos do rock de sempre como Born To Be Wild, de Steppenwolf; Holiday, de Green Day; Believer, de Imagine Dragons, e o himno da mesma escola. Ao encontro, no que xa se prevén máis de medio milleiro de asistentes, pode participar calquera persoa, tanto cun instrumento como coa súa voz. O único requisito para facelo é inscribirse na web oficial da escola e descargar as partituras.
Presentouse hoxe a quinta edición do 'Maré. Festival de Músicas e Artes Atlánticas', un evento de carácter multicultural que converterá a cidade de Santiago de Compostela nun punto de encontro cultural e lingüístico. Esta cita contará cunha trintena de artistas chegados doutros países como Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina ou Portugal. A iniciativa, que se celebra dende o día 25, pon de manifesto esta diversidade lingüística cunha programación específica polo Día Internacional das Linguas o día 26. O Maré acollerá unha ampla oferta de iniciativas que van desde a música ata as artes escénicas.
O Grupo de Innovación Docente ACHEGA (Aprendizaxes Colaborativas, Híbridas e Experimentais en Galicia) da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, está a desenvolver un proxecto de Aprendizaxe-Servizo de intervención socio-ambiental co alumnado da Facultade e en alianza co colectivo Terra Creativa, formado polas asociacións Boca de Sapo, Azul mais Verde e Universidade Cromática das Virtudes, co apoio e acompañamento da Fundación Daniel & Nina Carasso e o Concello de Corcubión.
Liderado pola EE Forestal, o proxecto europeo Firepoctep+ busca tanto identificar, ao longo da fronteira entre España e Portugal, unha serie de puntos clave na loita contra os grandes lumes, como definir que accións preventivas poden levarse a cabo nestas áreas coa implicación dos axentes locais. Con ese obxectivo, investigadores e investigadoras desta escola mantiñan un encontro con comunidades de montes e propietarios forestais do Baixo Miño
A arquitectura é unha arte que impacta na vida das persoas, afirmaba a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, na inauguración este venres da exposición 'A muller que son. 7 arquitectas rumanas e as súas obras', que homenaxea á raíña María de Rumanía, Virginia Andreescu Haret, Henrietta Delavrancea, Ioana Grigorescu, Silvia Demeter-Lowe, Eliza Yokina e Ilinca Păun Constantinescu.
O congreso El Ojo de Polisemo é un encontro de carácter bienal e itinerante que naceu en 2009 para salvar a fenda que adoita existir entre o mundo universitario e o mundo da tradución profesional. Por primeira vez na súa historia, este ano o simposio recala no noroeste de península, e faino precisamente en Vigo.
Thais Pousada, profesora da área funcional de Terapia Ocupacional e investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, participa no proxecto Design2Freedom: promoting Person-Centered Design for people with disability in higher education (Promoción do deseño centrado na persoa con discapacidade na educación superior).
O campus de Ourense acolleu a 'Xornada de educación familiar. O tempo compartido en familia', organizada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e a Facultade de Educación e Traballo Social. Nela, alumnado universitario e profesionais afondaron nos retos da convivencia familiar desde a óptica da educación social, dedicando especial atención a temas como o impacto da conciliación.
O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural recoñece o traballo desenvolvido a prol do desenvolvemento do medio rural pola Moexmu, tal e como se coñece a Mostra Exposición Muimenta, unha iniciativa impulsada a mediados da década dos anos 80 do pasado século XX pola veciñanza desta localidade do concello de Cospeito, que se ten consolidado neste tempo como escaparate do sector agrogandeiro da comarca da Terra Chá e, por extensión, nun certame de referencia da provincia de Lugo e de Galicia.
Un equipo da Universidade da Coruña formado polas profesoras Teresa Piñeiro Otero e Ana González Neira, da Facultade de Ciencias da Comunicación; Laura Castro Souto, Beatriz Pérez Sánchez, Laura Morán Fernández e Verónica Bolón Canedo, da Facultade de Informática; o docente no Máster Universitario en Políticas Sociais e Intervención Comunitaria, Adrián Gonçalves Barbosa; e as investigadoras Lucía Álvarez Crespo e María Eugenia Ambort; lidera o proxecto de investigación AGITATE.
Da man do Post-Growth Innovation Lab da UVigo, Pontevedra será a sede de ESEE-Degrowth 2024, un congreso no que se agrupan a 15 Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento. 'Son eventos irmáns, que reúnen a elite da investigación sobre economía ecolóxica', salientou o director deste grupo.
A UDC organiza, por décimo ano consecutivo, a FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia), o vindeiro sábado 2 de marzo, no Campus Industrial de Ferrol. Nesta edición, participan 43 equipos (25 na categoría FLL Challenge, 16 na FLL Explore e 2 na FLL Discover) e máis de 300 mozos e mozas de toda Galicia. O evento poderá seguirse en directo a través da canle oficial de YouTube da FLL Galicia.