Noticias

O Servizo Galego Saúde realizou no primeiro semestre deste ano 3.500 cirurxías prioritarias máis que no mesmo período de 2019

O Servizo Galego de Saúde realizou no primeiro semestre deste ano 2024 un total de 3.500 cirurxías prioritarias máis que no mesmo período do ano 2019, o anterior á pandemia da covid 19. Así o destacou a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, na súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia. Explicou que o Servizo Galego de Saúde realiza as súas intervencións sanitarias atendendo a criterios clínicos e priorizando aos pacientes en función da enfermidade ou gravidade da súa patoloxía, levando a cabo unha xestión das listas de espera por prioridades e orientada aos resultados en saúde.

Así, segundo destacou, o Plan de intensificación asistencial posto en marcha pola Xunta no ano 2023 acadou notables resultados, tanto en actividade como en mellora dos tempos de resposta. Ao respecto, a representante da Consellería de Sanidade sinalou que, no ámbito hospitalario para a atención ao paciente crónico, en xornada ordinaria este plan supuxo preto de 170.000 consultas o pasado ano, case 11.000 máis que o anterior.

No que atinxe aos hospitais comarcais, a intensificación da actividade supuxo incrementar máis dun 6% a actividade ordinaria e máis dun 33% a actividade extraordinaria nestes centros no pasado ano.

Incremento actividade de tarde

Natalia Lobato puxo en valor, tamén, o incremento do rendemento asistencial en xornada de tarde, que achegou notables resultados no período 2021-2023. Dese xeito aumentou un 40% a actividade en cirurxía, o que supuxo 7.800 operacións máis de tarde; un 38% en consultas externas, con 158.600 consultas máis que no 2021; e en probas diagnósticas máis de 61.300, o que representa un incremento do 18% con respecto a 2021.

Segundo indicou, a actividade na xornada de tarde foi superior á media no caso da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, onde o incremento de cirurxías foi do 57,8%. Así, nesa área realizouse en 2023 un total de 41.862 consultas en xornada de tarde, o que representa 9.728 máis que en 2021, e case 4.000 probas diagnósticas máis, acadando o total de 22.724 probas realizadas en xornada de tarde no ano 2023.

Natalia Lobato dixo que o obxectivo da Consellería de Sanidade é seguir por este mesmo camiño, con maior produtividade e rendemento, e utilizando todos os recursos públicos dispoñibles coa máxima capacidade de resolución.

A secretaria xeral da Consellería de Sanidade asegurou que a licitación do acordo marco para a prestación dos servizos sanitarios na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés dá cumprimento ás recomendacións do Consello de Contas.

Natalia Lobato asegurou que este acordo marco lle permitirá ao Sergas garantir unha asistencia adecuada á poboación, empregando todos os mecanismos ao seu alcance, e salvagardando a súa prestación nas condicións de calidade esixibles ao sistema público de saúde de Galicia. Así mesmo, establécense diversos mecanismos de avaliación e seguimento sobre a actividade contratada.

R., 2024-10-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES