Notas de prensa

Compostela centrará a análise e o debate arredor das matemáticas e a física non lineais do 16 ao 18 de xuño

Dende o luns 16 ao mércores 18 de xuño, desenvólvese na Facultade de Matemáticas da USC, a NoLineal 2025 que chega xa á súa edición número catorce. A tamén denominada International Conference on Nonlinear Mathematics and Physics está organizada pola Facultade de Matemáticas da USC e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). O Congreso NoLineal 2025 forma parte dunha serie de encontros científicos que naceron no ano 1997.

Estes eventos, de forma bianual, teñen por obxectivo estandarizar este tipo de reunións entre o persoal especialista na área coa finalidade de converterse nun punto de encontro onde o persoal investigador de diferentes especialidades das ciencias non lineais (como son o ámbito numérico e multifísico, a mecánica de fluídos, os avances na área de medicina e bioloxía ou as técnicas computacionais, entre outras) poidan compartir os seus traballos e resultados.

A inauguración que terá lugar o luns 16, ás 09.30 horas, estará presidida pola vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera; e contará coas intervencións do decano da Facultade de Matemáticas e coordinador do foro, Alberto Cabada Fernández; da directora científica do CITMAga, Rosa M. Crujeiras; e da coordinadora do comité científico, Peregrina Quintela Estévez. Nesta ocasión, formarán parte desta cita en calidade de conferenciantes plenarios Alfredo Bermúdez de Castro da USC, Elena Gaburro da Università degli Studi di Verona, Jean Mawhin da Université Catholique de Louvain e Mercè Ollé Torner da Universitat Politècnica de Catalunya.

“A investigación nas ciencias non lineais en Galicia ten un importante recoñecemento tras unha continuada achega de destacados resultados de enorme calidade e unha presenza sólida e estable nas súas contribucións académicas ao longo dos anos”, explican dende o comité organizador. Neste sentido, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) asume nas liñas de actuación da súa axenda científica a investigación e capacitación do seu persoal investigador neste ámbito de estudo.

FisEs'25

Xusto a continuación, dende o día 18, bota a andar, tamén na Facultade de Matemáticas, a Reunión de Física Estatística. Este foro desenvólvese en intervalos de ano e medio dende 1987, data na que tivo lugar a primeira edición en Barcelona. Desde o ano 1996 esta reunión é coñecida tamén como FisEs. Coa FisEs'25, organizada polo grupo de Física Non Lineal da USC e a Real Sociedad Española de Física a través da División de Física Estadística, No Lineal y Sistemas Dinámicos (DIFENSC), cumpriranse 38 anos de reunións. O foro inaugurarse o mércores, ás 14.30 horas, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC, nun acto presidido pola vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo. O principal obxectivo da xuntanza, que se estenderá ata o 20 de xuño, é promover a Física Estatística e Non Lineal en España e o intercambio científico e académico entre os grupos que investigan nestas disciplinas.

O encontro está apoiado polo Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), o Instituto de Materiais (iMATUS) e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). No acto inaugural participarán tamén o decano da Facultade de Matemáticas, Alberto Cabada Fernández; a presidenta da División de Física Estadística, No Lineal y Sistemas Dinámicos (DIFENSC) da Real Sociedad Española de Física, Rosa Benito; e o coordinador do Comité Organizador, Alberto Pérez Muñuzuri, profesor da Facultade de Física da USC.

Xusto a continuación da sesión de apertura, ás 14.45 horas, terá lugar o relatorio do científico español e profesor da Universidade de Harvard, Juan Pérez Mercader, cuxo equipo de investigación traballa na creación de vida artificial a través de vesículas poliméricas que nacen, medran e se replican de maneira autónoma. A diferenza das células vivas, estas vesículas non están feitas de lípidos ou proteínas, senón de polímeros sintetizados a partir de compostos químicos simples e luz verde.

Ademais do profesor Mercader, tamén figuran entre as conferencias convidadas os relatorios de Jose A. Cuesta da Universidad Carlos III de Madrid, Cristina Masoller da Universitat Politècnica de Catalunya, Miguel Rubí da Universitat de Barcelona, Saúl Ares do Centro Nacional de Biotecnología do CSIC, Alberto Fernández Nieves da Universitat de Barcelona, Clara Granell da Universitat Rovira i Virgili, Inma Leyva da Universidad Rey Juan Carlos, Samuel Martin do Complexity Science Hub Vienna e da Universidad Politécnica de Madrid (UPM), Marisol Ripoll da Forschungszentrum Jülich de Alemaña.

Comité organizador

O comité organizador, composto por persoal da USC en ambos os foros, está integrado por Saray Busto Ulloa, Alberto Cabada Fernández, Rosa María Crujeiras Casais, María Teresa Flores Arias, Jorge Mira Pérez, Begoña Nicolás Ávila, Alberto Pérez Muñuzuri, Vicente Pérez Muñuzuri e María Elena Vázquez Cendón.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-06-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES