
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, destacou hoxe que a Xunta creará un mercado voluntario de créditos de carbono para que empresas e cidadanía poidan ver compensadas as súas emisións de CO² e contribuír, deste xeito, á neutralidade climática ao financiar proxectos sostibles que persigan estes obxectivos.
Jacobo Aboal participou nas Xornadas Estratéxicas dos directivos das cooperativas: sustentabilidade organizadas pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), onde sinalou que este mercado voluntario de créditos de carbono está regulado na Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia aprobada no Parlamento de Galicia a semana pasada.
O mercado operará mediante créditos certificables que poden ser vendidos a través dunha plataforma de comercialización que servirá de nexo entre os axentes promotores dos proxectos e os compensadores. Estes últimos -organizacións públicas e privadas, ou incluso cidadáns- son os que adquiran ou utilicen créditos de carbono, ben sexa como persoas intermediarias ou ben como axentes finais co fin de compensar as súas emisións.
O obxectivo é que tanto o tecido empresarial como os cidadáns poidan contribuír á loita contra o cambio climático mediante o financiamento de proxectos sostibles impulsados por gandeiros ou silvicultores. No caso das empresas, este mercado permitiralles mercar créditos de carbono verificados e, deste xeito, acadar os obxectivos de neutralidade climática.
Este novo sistema incorporará metodoloxías pioneiras en España e ofrecerá en Galicia unha alternativa ao mercado voluntario do Goberno central. Ademais, será interoperable con outros de ámbito estatal ou europeo, seguindo metodoloxías internacionais.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.