
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este luns xunto aos magos galegos Pedro Bugarín e Dani Polo o Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona. A iniciativa percorre por terceira vez toda Galicia con actuacións nas sete grandes cidades galegas e chegará á cidade para pechar o seu percorrido.
Ana Ortiz, que estivo acompañada na presentación polos directores e promotores Pedro Bugarín e Daniel Polo, avanzou que o espectáculo recalará o 19 e 20 de outubro no Teatro García Barbón. A Xunta apoia esta iniciativa co obxectivo de converter a Galicia en referente e epicentro da maxia a nivel mundial e, ao mesmo tempo, levar e encher de ilusión toda a comunidade.
O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona inclúe as sete grandes urbes galegas para converter a Galicia na capital mundial do ilusionismo. Así, o espectáculo xa pasou nos primeiros días de outuburo por A Coruña, Ourense e Pontevedra. A vindeira fin de semana estará en Santiago de Compostela (días 11 e 12) e Ferrol (13 de outubro). Antes de pechar en Vigo estará tamén en Lugo (18 de outubro).
Artistas da gala internacional
Mago Murphy: Será o encargado de presentar a gala e dar paso aos diferentes artistas. Un mestre da comunicación que mestura maxia e humor coma ninguén. Participou en diferentes programas de televisión como mago e tamén como humorista.
Lore Lavand: Ilusionista arxentina especialista en mesturar poesía e maxia. O seu número transporta a outra dimensión onde as lembranzas e os recordos serán os protagonistas.
Jerome Murat: Considerado o mellor mimo do mundo, chega a Galicia Ilusiona para presentar o seu acto máis aclamado: A estatua vivinte de dúas cabezas. Un número que percorreu máis de 70 países e que estivo presente nos teatros máis prestixiosos do planeta.
Ki Moon Do: Este ilusionista coreano, de Seoul, métese na pel dun director de orquestra. Un número que logrou multitude de premios a nivel internacional.
Manolo Costa e Mindanguillo: Unha parella de magos especialistas en maxia cómica. Veñen de gañar o primeiro premio europeo nesta disciplina. Un espectáculo cun ritmo frenético onde a risa e maxia máis visual son as protagonistas.
Ramó and Alegría: Esta parella de ilusionistas rompen os moldes clásicos dun acto de maxia. Un número onde parece saír todo mal pero que remata da mellor maneira posible. Teñen infinidade de premios e xiran coa súa maxia polos festivais máis prestixiosos de maxia e circo.
Néstor Hato: Ilusionista francés, considerado o mestre da manipulación, a rama máis complexa da maxia, na cal a habilidade e destreza das mans do artista, son as protagonistas. Infinidade de naipes aparecen e desaparecen a un ritmo vertixinoso entre os seus dedos.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.