Noticias

Galicia comeza o outono climatolóxico co mes de setembro máis chuvioso do século e moi frío

Galicia acaba de comezar o outono cun mes de setembro moi frío e que foi tamén o máis chuvioso no que levamos de século. De feito, as precipitacións rexistradas no conxunto do territorio superaron nun 62% os valores que habitualmente se recollen nesta época do ano. Segundo o avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, a chuvia media acumulada durante o mes pasado foi de 143 litros por metro cadrado, un rexistro que reflicte que as chuvias que se recolleron no conxunto da Comunidade superaron os valores climáticos normais para setembro. En canto á temperatura media, os valores dos termómetros estiveron, en xeral, moi por debaixo do agardado e a anomalía media para este mes situouse en -1 grao centígrado.

De feito, tendo en conta os valores rexistrados nas estacións meteorolóxicas máis representativas, hai que remontarse ao ano 2017 para atopar un setembro máis frío na Comunidade.

O período caracterizouse pola chegada a Galicia de borrascas frías e activas para esta época do ano durante a primeira e última semana do mes, xa que aínda que as semanas intermedias foron algo máis secas e cálidas, non foron suficientes para compensar as anomalías coas que comezou e rematou setembro.

Así mesmo, foi un mes moi húmido en todo o territorio galego e estivo marcado tamén polo río atmosférico que, entre os días 25 e 26 de setembro, cruzou a Comunidade, deixando ao seu paso grandes cantidades de auga.

Cómpre subliñar, en todo caso, as precipitacións acumuladas ao longo das serras litorais (entre os 240 e 320 litros por metro cadrado) con rexistros máximos por riba dos 400 L/m2 no caso da Serra do Suído; mentres que no extremo contrario, os acumulados menos importantes oscilaron entre os 40 e os 70 L/m2 en áreas da Mariña lucense central e oriental, nos arredores da ría de Camariñas e na comarca da Coruña.

Por último e respecto ao comportamento dos termómetros, os datos obtidos a partir das estacións máis representativas de Galicia reflicten que a temperatura media en setembro se situou 1 grao por debaixo do agardado época do ano, aínda que no caso das máximas esta anomalía foi incluso maior, cunha desviación de -1,5 graos.

En xeral, a temperatura media estivo no conxunto da Comunidade por debaixo do que cabería agardar nesta época do ano debido ao predominio dos períodos fríos; de feito, tan só houbo un pequeno período, entre os días 14 e 18, que se pode considerar cálido na meirande parte de Galicia.

Por áreas xeográficas, as anomalías máis altas das temperaturas medias (de entre -0,1 graos e +0,4 graos) concentráronse en puntos da Chaira de Bergantiños, da ría do Burgo ou do extremo suroeste da provincia de Pontevedra, mentres que as desviacións negativas máis acusadas (entre -1,8 e -1,4 graos) se localizaron en áreas do leste e sueste da provincia de Lugo.

R., 0000-00-00

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES