
Afondar nas transformacións e retos aos que se enfronta a diplomacia nun ámbito político caracterizado por múltiples conexións e interdependencias entre os distintos niveis de goberno, así como pola presenza de diversos actores que buscan intervir na política global do século XXI é, como sinalan os seus promotores, o obxectivo da xornada Gobernos rexionais e locais: tecendo relacións na escena internacional, que este venres se desenvolve na Facultade de Dirección e Xestión Pública.
Promovida polo grupo permanente Diplomacia(s) Plural(es), da Asociación Española de Ciencia Política e da Adminsitración (AECPA), xunto co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), coa colaboración da facultade e do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, nesta xornada participan, de forma presencial e virtual, 15 investigadores e investigadoras de oito universidades españolas. Dirixida polo profesor da facultade pontevedresa Celso Cancela e pola docente da Universidad Loyola Andalucía Paula Lamoso, o seu propósito é a posta en común de diferentes investigacións sobre a acción exterior dos gobernos locais e autonómicos e sobre o papel dos parlamentos como tribunas morais, que realizan pronunciamentos sobre cuestións de carácter internacional.
Das cidades galegas á acción exterior de Euskadi e Cataluña
Estruturada en tres mesas de debate, a xornada abriuse cun relatorio do director do Igadi, Daniel González Palau, sobre a proxección exterior das cidades galegas. Nel, afondou no interese das sete principais urbes pola promoción turística, a captación de eventos académicos e culturais ou a promoción económica, para incidir logo en debilidades como a falta dunha planificación estratéxica que dea estabilidade as accións, realizadas de forma fragmentada polos diferentes departamentos dos concellos. Tamén nesta primeira mesa, Andrea Manuela García, do Fondo Galego de Cooperación, abordou o papel da cooperación local neste eido; mentres que Estela Campus, da Universidad Loyola, centrouse no reto que supón a migración para os concellos andaluces e o profesor da Universidade Fernando Pessoa Joao Casqueira incidiu na acción exterior das cámaras municipais portuguesas.
Un segundo bloque puxo o foco na paradiplomacia dos gobernos autonómicos, marcada en boa medida pola promoción económica, como explica Cancela, mais afectada tamén por cuestións de carácter máis político, en casos como o de Cataluña tras o procés. A diplomacia pública e a acción exterior catalá foron o eixo da intervención de Andrea Noferini, da Universitat Pompeu Fabra, mentres que José Luis de Castro, da Universidade do País Vasco (UPV/EHU) abordou a acción exterior do goberno de Euskadi, que adoptou unha dimensión moi pragmática, centrada en captar investimentos, explica Cancela. A mesa completouse cos relatorios que Cesar de Prado, da Universidad de Valladolid, e María Isabel Nieto, da Complutense, centraron en Castela e León e Estremadura, respectivamente.
Os parlamentos como tribunas morais
A terceira mesa centrouse na denominada diplomacia parlamentaria, o papel das cámaras lexislativas como tribunas morais, de promoción e difusión de dereitos e valores, apunta Cancela. O investigador da UVigo presentou nese senso o estudo que está a realizar sobre a diplomacia do Parlamento de Galicia, analizando tanto diferentes declaracións institucionais, aprobadas por unanimidade, como a incidencia internacional que poden ter as visitas de parlamentarios.
Incidindo nesa mesma idea de foro moral internacional, o investigador da Universidad de Zaragoza Stelios Stavridis abordou o papel que xoga neste eido o Parlamento Europeo, mentres que Lamoso puxo o foco nas resolucións adoptadas pola cámara da UE respecto de Gaza. Por outra banda, o labor das cámaras lexislativas como promotoras de dereitos fundamentais na era dixital centrou a intervención de Mónica Velasco, investigadora do Instituto Europeo de Estudos Internacionais.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.