Noticias

A enquisa do IGE pon de manifesto que 7 de cada 10 persoas se comunican en galego

A Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística reflicte que 7 de cada 10 persoas se comunican en lingua galega. Así o explicou hoxe o secretario xeral da Lingua durante a presentación das últimas novidades do portal Neofalantes.gal, a plataforma divulgativa e educativa posta en marcha en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para analizar o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron outro idioma como primeira lingua.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude informou na Facultade de Ciencias da Comunicación que o portal impulsado polo grupo Novos Medios dá agora un paso máis e pasa de ser un sitio informativo a convertese nunha rede social para neofalantes na que compartir experiencias. Nesta presentación, Valentín García destacou que dos datos publicados hoxe, e que recollen o resultado das entrevistas realizadas ao longo do ano 2023, despréndese que se relaciona en lingua galega un 69,25% da poboación que vive en Galicia.

Deste xeito, tal e como incidiu, o galego “continúa na senda de ser a lingua cooficial máis empregada no conxunto do Estado e a maioritaria no territorio, sendo un 29,20% os que manifestan utilizar unicamente o castelán de maneira habitual”. Así, o responsable de Lingua da Xunta subliñou que “practicamente o 100% da poboación é quen de desenvolverse en galego na súa vida”, xa que a sondaxe conclúe que a maioría da cidadanía sabe falalo, dominando a expresión oral o 94,62% das persoas, mentres que, en canto á escrita, o 84,35% da sociedade recoñece ter competencias neste eido. Por outra banda, no que respecta á comprensión, en maior ou menor medida o galego falado é entendido nun 93,37%, mentres que o 96,35% asegura poder ler neste idioma.

Novos galegos

Valentín García precisou que a enquisa estrutural a fogares que se realiza cada cinco anos engade nun dous seus epígrafes que neste período de tempo a poboación procedente do exterior que chegou a Galicia é de máis de 115.000 persoas. “Trátase dun dato moi importante que inflúe directamente no incremento de castelanfalantes, converténdose nun nicho de potenciais neofalantes para os que desde a Administración autonómica xa estamos deseñando medidas como son os cursos específicos que anunciamos esta mesma semana”, puntualizou o secretario xeral.

Deste xeito, concluíu que os resultados do estudo “constatan que a situación sociolingüística de Galicia é dinámica e está en permanente evolución, mantendo un elevado coñecemento da lingua galega por parte dunha sociedade bilingüe que convive nos dous idiomas cooficiais nun territorio cun modelo que non xera conflitos”.

Por outra banda, e no que ten que ver cos distintos ámbitos de contacto social, o representante da Consellería de Lingua explicou que das entrevistas levadas a cabo en máis de 9.000 fogares despréndese que é coas amizades con que máis se utiliza o galego, seguido da interlocución da cidadanía co persoal da administración e co sector comercial. Son estatísticas, apuntou Valentín García, “que poñen de relevo a responsabilidade de todos no impulso da lingua, abranguendo tanto os distintos organismos públicos como o eido das entidades privadas e chegando ao nivel persoal, cobrando neste último aspecto especial importancia a lingua vehicular no fogar”. E é que, tal e como lembrou, os datos demostran que sempre utilizan o galego o 53,01% das persoas ás que os avós lles transmitiron esta fala de cativos, fronte ao 23,35% que o fai en castelán, consolidándose a tendencia de cada vez máis fogares bilingües, un 63,89%.

Impulso da lingua no eido dixital

Se se teñen en conta as formas actuais de comunicación baseadas no eido dixital, respecto á última análise publicada en 2018 polo IGE, navegan na actualidade en galego un 1,65% máis dos usuarios, mentres que nos medios tradicionais a lingua aumenta a súa presenza na prensa escrita, pasando dun 40,9% en 2018 a un 44,62% no 2023, un incremento do 3,72%.

É precisamente nas tecnoloxías onde pon un dos seus focos principais a política lingüística da Xunta coa creación de novos produtos pensados para o público infantil e xuvenil, a continuación de iniciativas de éxito como o Proxecto Nós para impulsar o galego na Intelixencia Artificial, as medidas para a aceptación e recoñecemento deste idioma en todas as plataformas ou proxectos como o portal Neofalantes.gal iniciado en 2021 e que conta testemuños propios de persoas que apostaron polo galego e que hoxe os asistentes ao acto puideron escoitar de maneira presencial.

R., 2024-10-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Área TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES