Notas de prensa

Reúnense en Compostela as principais voces da investigación en terapias celulares avanzadas

A investigadora e catedrática da UVigo África González reuniu en Santiago çalgunhas das figuras máis destacadas da investigación internacional en terapias celulares avanzadas e inmunoterapia. O encontro científico, organizado polo consorcio Terav+ Galicia que dirixe desde a UVigo a través do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, converteu a capital galega nun foro de debate sobre os principais avances e retos deste ámbito.

A xornada celebrouse no marco da Red Española de Terapias Avanzadas, Ricors/Terav+, impulsada polo Instituto de Salud Carlos III, da que forma parte o consorcio galego coordinado por González. Integrado por especialistas en Inmunoloxía, Oncoloxía e Hematoloxía das áreas da Coruña, Santiago e Vigo, o equipo traballa no desenvolvemento de inmunoterapias celulares, biomodelos avanzados e novas solucións tecnolóxicas para a medicina personalizada, ademais de impulsar accións de formación e colaboración científica.

Dos CAR-T hematolóxicos aos tumores sólidos

O encontro serviu para poñer en común os avances máis recentes en terapias CAR-T, unha estratexia terapéutica que xa demostrou a súa eficacia en determinados tumores hematolóxicos e enfermidades autoinmunes e que agora abre novas posibilidades no tratamento doutras patoloxías, entre elas os tumores sólidos.

Entre as relatoras destacou a investigadora galega Elena Sotillo, científica sénior da Universidade de Stanford e unha das referentes internacionais neste campo. Na súa intervención abordou o redeseño das terapias CAR-T para tumores sólidos e os retos de trasladar os avances da enxeñaría celular á práctica clínica. Segundo explicou, os traballos actuais buscan reproducir en tumores de cerebro e sarcomas o éxito acadado nos cancros hematolóxicos, un obxectivo para o que xa se están a obter resultados prometedores.

Tamén participou Manel Juan, responsable do grupo de Inmunoxenética e Inmunoterapia do Hospital Clínic de Barcelona e director da Rede Española de Terapias Avanzadas, quen afondou nas posibilidades presentes e futuras das terapias celulares. Durante a súa intervención destacou que as aplicacións dos CAR-T poderían ir máis aló da loita contra o cancro e contribuír tamén á rexeneración de tecidos ou ao tratamento doutras enfermidades.

Colaboracións e proxectos desenvolvidos en Galicia

A directora do Centro de Terapias Avanzadas de Galicia-Galaria, Marta Español-Rego, presentou os avances que se están a desenvolver nesta infraestrutura, actualmente en fase de validación de procesos e métodos de fabricación. Neste contexto, puxo en valor a colaboración co grupo liderado por África González no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, da UVigo para o desenvolvemento dun medicamento CAR-T dirixido a tumores sólidos gástricos e pancreáticos. O proxecto atópase en fase de avaliación preclínica e os seus responsables confían en poder avanzar cara a un ensaio clínico de fase I/II.

A programación completouse coas intervencións de Fernando Torres, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, Inibic, que presentou os avances da terapia celular con monocitos e macrófagos para tumores sólidos, e de Lucía Sanjurjo, investigadora do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, quen expuxo o potencial das nanopartículas de ARN como ferramenta para mellorar a eficacia e accesibilidade das inmunoterapias.

Un ámbito estratéxico para a investigación biomédica

A celebración desta reunión científica reforza o papel da Universidade de Vigo e dos equipos coordinados por África González nun dos ámbitos máis innovadores da investigación biomédica actual. A través de iniciativas como TERAV+ Galicia, a institución consolida a súa presenza nas redes de investigación de referencia e contribúe ao desenvolvemento de novas terapias destinadas a mellorar a atención de pacientes con enfermidades de alta complexidade.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-06-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES