
Idoia Cuesta é artista, creadora téxtil e deseñadora contemporánea profundamente inspirada polos oficios tradicionais e pola súa conexión coa natureza. Aprende as técnicas tradicionais de cestería, tecido e outros oficios adaptando despois estas prácticas a unha linguaxe artística contemporánea, creando pezas únicas que oscilan entre o deseño funcional e a expresión artística. A súa nova visión da cestería tradicional a través do deseño contemporáneo foi recoñecida a través de diferentes premios, entre os que se atopan o Room de Artesanía e Art Design 2025 xunto con Inés Sistiaga, polo seu proxecto Rastros de transformación, o Premio Artesanía de Galicia 2021 e o Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2014 pola súa colección Pandeira.
Cuesta ten desenvolvido proxectos vinculados ao deseño de interiores, á arquitectura, á moda e ao paisaxismo, entre outros, e son numerosas as súas colaboracións con marcas como Loewe e con deseñadores de diferentes ámbitos. O seu traballo demostra como os oficios poden ser reimaxinados en contextos actuais e como a creación téxtil pode transcender a súa función utilitaria para se converter nunha expresión artística. É coordinadora do proxecto formativo Fibranzas. Laboratorio de fibras vexetais, impulsado pola Xunta no marco do seu programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas.
O Círculo Fortuny é unha asociación española de marcas e institucións de excelencia que asume como unha das súas prioridades reforzar o valor do talento e do seu potencial como panca para o desenvolvemento económico e social. Desde o ano 2022, convoca os Premios Maestro Artesano, co obxectivo de apostar pola sustentabilidade da artesanía e dos seus oficios e de traballar polo seu recoñecemento, promoción, apoio e viabilidade como negocio.
Premiados en anos anteriores
Os Premios do Círculo Fortuny contan con tres categorías, unha dedicada aos talentos emerxentes, outra para destacar traxectorias artesás e unha última na que foi recoñecida Cuesta aos mellores artesáns de vangarda. Todas elas buscan premiar as persoas ou proxectos que representen a produción artesá dun produto da máis alta calidade, experiencia demostrada nun oficio e que sirvan de inspiración a novos talentos.
No ano 2024, o torneiro de madeira Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño) resultou gañador na categoría Joven Promesa e no ano 2023, o artesán Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), foi recoñecido como mellor artesán de vangarda. Leiro que é experto en cestería tradicional e na súa aplicación á linguaxe contemporánea a partir de colaboracións con grandes como Loewe, coa que traballa desde o ano 2016 recibiu o Premio Nacional de Artesanía nese mesmo ano 2023. Pola súa banda, Aitor Martínez suma ao galardón do Círculo Fortuny o Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2025, pola súa colección Mundos.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.