
A RAGC puxo en marcha este ciclo no ano 2020 en homenaxe á investigadora, bióloga oceanógrafa e académica Aida Fernández Ríos, falecida en 2015, co propósito xeral de difundir a ciencia e a tecnoloxía. O presidente da RAGC, Juan Lema, manifesta o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra, en particular ao seu presidente, Luis López Diéguez, polo seu compromiso coa divulgación científica e a súa colaboración coa Academia, de cara a favorecer que o conxunto da poboación coñeza a importante investigación que se realiza en Galicia desde os campos máis diversos. E sinala que iniciamos este quinto ano con moita ilusión, buscando temas con grande alcance social e seleccionando aos mellores expertos e expertas para transmitilos.
Trataranse desde avances médicos, economía oceánica sostible, benestar psicolóxico, intelixencia artificial, ata o estudo dos fósiles en Galicia
O ciclo constará dun primeiro bloque de seis sesións online dirixidas ao público en xeral, coa participación de oito recoñecidos investigadores e investigadoras. Abordaranse temáticas tan diversas e actuais como os avances en epidemioloxía e terapia, a economía oceánica sostible, o benestar psicolóxico e a produtividade, a intelixencia artificial e o procesamento da linguaxe, as escavacións paleontolóxicas en Galicia ou a inmunoterapia vencellada ao cancro.
As primeiras conferencias do ciclo serán o 18 de abril. Mª Luz Couce, directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), abordará a importancia do cribado neonatal. Pola súa parte, Eva Poveda, directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), centrarase nos avances e retos actuais no estudo do VIH.
O 25 de abril intervirá Jesús Salgado, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos, decano da facultade de Relacións Laborais da Universidade de Santiago. Explicará o valor do benestar psicolóxico na sociedade actual, poñendo en relación o equilibrio emocional co desempeño no traballo.
Na xornada do 16 de maio contarase coa participación de Sebastian Villasante, doutor en Economía Aplicada do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago. Falará sobre a relevancia dos alimentos mariños para a saúde do planeta e o benestar da humanidade.
O 23 de maio a relatora será Silvia García, investigadora do Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo. Achegarase ás aplicacións da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural, abordando as novas tendencias e os desafíos actuais que presenta esta tecnoloxía.
A xornada do 30 de maio estará dedicada ás escavacións paleontolóxicas que se realizan en Galicia. Para iso contarase coa participación de Aurora Grandal, profesora de Paleontoloxía e investigadora do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña.
A derradeira xornada deste ciclo celebrarase o día 6 de xuño. Por un lado, abordaranse os biomateriais na loita contra o cancro, da man de Bárbara Blanco, investigadora do Instituto de Materiais da Universidade de Santiago. Ademais, afondarase en novos paradigmas no tratamento do cancro a través das denominadas células CAR-T, tema sobre o que falará Mariona Baliu, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia.
O ciclo tamén fomenta as vocacións científicas nos centros de ensino
O ciclo consta dun segundo bloque de conferencias en institutos de Secundaria e Bacharelato, que se celebrarán a longo dos vindeiros meses. Estas charlas teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas. Impartiranas recoñecidas investigadoras e investigadores da nosa comunidade, que abordarán temas moi atractivos para a rapazada.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.