
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura Tattoo. Arte baixo a pel, a maior exposición internacional sobre tatuaxe desenvolvida ata o momento. A mostra ábrese ao público no Gaiás logo de ser visitada por máis de dous millóns de persoas no seu amplo percorrido por museos e institucións culturais de Francia, Canadá, Estados Unidos, Taiwán, Rusia e os centros da Fundación la Caixa en España.
O titular de Cultura da Xunta de Galicia subliñou a relevancia de traer a Galicia unha mostra que profunda nas orixes e evolución dunha práctica presente en practicamente todas as culturas humanas do mundo e que esperta un crecente interese desde ámbitos diversos como o antropolóxico, o artístico e o social. A mostra poderá visitarse ata o 20 de abril de 2025, de balde, no Museo Gaiás.
Tattoo. Arte baixo a pel está formada por máis de 240 pezas históricas e contemporáneas procedentes dunha vintena de países. Atopamos entre elas obxectos rituais e decorativos, fotografías, debuxos, pinturas, utensilios de tatuar tradicionais e 26 modelos hiperrealistas de silicona tatuados por algúns dos mellores artistas actuais da tatuaxe.
Acompañaron ao conselleiro neste acto inaugural a comisaria da mostra, Anne Richard, destacada axente cultural da arte europea de vangarda e fundadora da influente revista HEY! Modern Arte & Pop Culture, e a directora de Desenvolvemento Cultural do musée du Quai Branly Jacques Chirac, Christine Drouin, institución promotora da exposición.
No acto estivo tamén presente o artista da tatuaxe e coleccionista holandés Henk Schiffmacher, coñecido popularmente como Hanky Panky, investigador incansable da tatuaxe tradicional no mundo e tatuador de celebridades como Lady Gaga, os Red Hot Chili Peppers ou Mötorhead. A Xunta de Galicia tirou proveito da súa presenza na Cidade da Cultura para organizar esta mesma tarde un encontro especial con medio cento de tatuadores e tatuadoras galegos no marco da exposición.
Tatuaxes anti-balas e para peregrinos
A comisaria, Anne Richard, explicou o relato da exposición como un itinerario xeográfico e histórico co que explorar os motivos polos que se practicaba a tatuaxe nas culturas tradicionais, a súa asociación histórica con grupos criminais e marxinados, como a mafia xaponesa ou as bandas latinas, e finalmente a súa expansión como fenómeno estético e manifesto da individualidade.
Atopamos exemplos de tatuaxes realizadas por motivos relixiosos e incluso máxicos, como os yantras tailandeses, considerados un talismán protector contra balas, accidentes e enfermidades que levan celebridades como a actriz Angelina Jolie. Tamén selos empregados polos cristiáns para as tatuaxes que realizaban ao rematar unha peregrinación ou como símbolo de identidade que só eles coñecían. Unha práctica que hoxe vemos nas cunchas de vieira ou a cruz de Santiago que deciden levar no seu corpo moitas das persoas que completan a ruta xacobea, comentou o conselleiro de Cultura.
Das prisións aos escenarios
Desde o primeiro home europeo tatuado, que viviu hai polo menos 4.500 anos, ou as tatuaxes protectoras que desde hai case 3.500 anos levan na cara as mulleres inuit das rexións do Ártico, Tatto. Arte baixo a pel explica como o devir da tatuaxe é froito das influencias e intercambios entre países e dunha vontade constante de experimentación que impulsou o seu desenvolvemento como expresión artística e como fenómeno global.
En Occidente, as tatuaxes comezaron xa no século XIX a gañar visibilidade nos circos e no cabaré, e foron tamén un símbolo de identidade para os prisioneiros latinos nos cárceres, onde naceu o estilo realista e a estética de liña fina. Do marxinal ao popular, hoxe en día son moitas as estrelas do cine, da música e do deporte que locen sen medo as súas tatuaxes. De igual xeito que hai quen o fai a través do lenzo, dun pentagrama ou da fotografía, outros empregan a pel como un lenzo ao que dar vida, afirmou López Campos.
Neste sentido, os modelos tatuados que se poden admirar na mostra supoñen unha nova e innovadora forma de conservar, estudar e apreciar a arte da tatuaxe. Referentes como Kari Barba, unha das primeiras mulleres tatuadoras en acadar recoñecemento internacional, Horiyoshi III, custodio do legado da tatuaxe tradicional xaponesa, o mestre Filip Leu, cunha lista de agarda de ata dez anos para o seu estudo en Suíza, ou Yann Black, coñecido por crear un estilo vangardista con referencias ao cómic, o cubismo e o debuxo de aires infantís, son algúns dos artistas da tatuaxe contemporánea que se poden admirar no Museo Gaiás.
Con Tattoo. Arte baixo a pel, a Xunta de Galicia completa o programa de exposicións internacionais de 2024 da Cidade da Cultura. Unha oferta que suma ata hoxe máis de 75.000 visitantes grazas a mostras como Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, ou Unha vida viquinga, aberta aínda ata o mes de xaneiro .
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.