//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Este mércores, no Colexio Fingoi de Lugo, vaise presentar a exposición itinerante 'Don Ricardo de Fingoi - Carballo Calero en Lugo', do Colectivo Egeria, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración deste colexio lucense e a Real Academia Galega. O traballo concrétase nunha exposición itinerante de trece paneis de 2x1 m, un folleto que recolle os contidos dos paneis da mostra, sinaladores de lectura, a web desta celebración (que ese día se pon en marcha) e un libro que será editado con posterioridade. A razón de centrarse inicialmente en Fingoi esta homenaxe é o ter sido Ricardo Carballo Calero, durante quince anos (1950 a 1965) profesor e conselleiro delegado deste Colexio, tendo efectuado en Lugo parte esencial do seu excepcional traballo creador e investigador.
'21 Días co galego e +' é un programa baseado nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, unha experiencia que se desenvolveu hai uns anos no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte e que, desde o curso pasado, se fixo extensivo a outros catro centros, un por provincia. Participaron na primeira edición un total de 95 docentes e de 1316 alumnas e alumnos de 12 a 18 anos. A iniciativa recibiu o Premio da Cultura Galega 2019 na modalidade de Lingua. En 2020, o programa continúa a súa expansión coa participación de 10 centros e 3877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos da ESO, de bacharelato e de FP.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) reinicia a súa actividade coa posta en marcha da súa primeira carteleira semestral de 2020, que ata o mes de xuño lle ofrecerá ao público galego 328 actuacións escénicas e musicais en 45 escenarios de 40 localidades. A primeira delas será a que protagonizarán a coreógrafa e bailarina Janet Novás e a música Mercedes Peón o venres en Lugo co espectáculo de danza Merecedes máis eu, inserido á súa vez no ciclo Lugo en Danza. Con máis de vinte anos de traxectoria ininterrompida, a Rede Galega de Teatros e Auditorios é un dos principais circuítos para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional.
A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso adiantou hoxe o cartel da súa décimo terceira edición, que terá lugar do 6 ao 15 de marzo. O festival, dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos singulares, esténdese por vez primeira fóra da provincia de Ourense, para ofrecer na Ribeira Sacra lucense dous dos cinco concertos programados este ano. O concerto inaugural correrá a cargo da Escolanía de Segovia o 6 de marzo no Templo da Vera Cruz do Carballiño. O festival inclúe, así mesmo, as actuacións do arpista británico Andrew Lawrence King, do violinista galego José Manuel Álvarez ou do Kosmos Emsemble do Reino Unido.
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI- Filmoteca de Galicia) da Consellería de Cultura e Turismo dedicará boa parte da súa programación de 2020 a celebrar o 10º aniversario do xurdimento do Novo Cinema Galego, etiqueta acuñada en 2010 baixo a que se agruparían moitos dos realizadores do país con maior proxección nesta última década. A primeira carteleira bimestral, que arrancará na Coruña o vindeiro martes 7 de xaneiro coa película chinesa Hasta siempre, hijo mío, alternará títulos galegos con cinema español, filmes de Kubrick, de Hitchcock e outras propostas ata completar 39 días de apertura ao público da sala de proxeccións.
O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por cuarto ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. A programación especial para estas festas desenvólvese os días 28 e 29 de decembro e 3 e 4 de xaneiro, arredor de dous espectáculos das compañías galegas Aporía Escénica e Talía Teatro precedidos de cadanseu taller. O ciclo arrancará esta fin de semana con Animal Sagrado, unha proposta dirixida por Diana Mera para público a partir de tres anos, na que se establece unha relación cos animais como seres vivos sabios e inocentes dos que temos moito que aprender.
A Cidade da Cultura de Galicia celebrará a fin de semana do 18 e 19 de xaneiro de 2020 o festival infantil de curtametraxes Pequefilmes. O Museo Centro Gaiás proxectará unha escolma de ao redor dun cento de traballos, moitos deles premiados nalgúns dos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo, como Annecy, Chicago ICFF, Animamundi, Animafest, Dresdner Kinderfilfest, etc. A programación desta cuarta edición de Pequefilmes recolle, deste xeito, o máis destacado da produción internacional actual dedicada a esta audiencia pequena en tamaño pero grande en esixencias, converténdose nunha oportunidade para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais de gran calidade que, en moitas ocasións, quedan fóra do seu alcance polos circuítos convencionais.
Os centros bibliotecarios públicos municipais dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Dumbría, Lousame, A Pastoriza, Portas, Entrimo, Guitiriz, Muras, Muros e San Cristovo de Cea son os que se incorporan ao Rexistro de bibliotecas de Galicia. A inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia é o paso previo á integración na Rede de Bibliotecas, que lles permitirá ter obter acceso a axudas e subvencións e ao Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria KOHA xa nos primeiros días de 2020. O persoal bibliotecario poderá participar nos programas de formación que convoca anualmente a Consellería de Cultura e Turismo para incrementar a calidade dos servizos que prestan aos usuarios.
O Xacobeo 2021 ofrecerá 10 actividades ao día e 313 escenarios ao longo de 2020 e 2021. Galicia vivirá así os primeiros 700 días dos 5.000 que temos por diante da década xacobea. Baixo a previsión dunha asistencia a todos os eventos de máis de 7 millóns de persoas, se ben o escenario principal será Santiago, haberá outros 312 por toda a Comunidade, coa posta en marcha de máis de 180 proxectos nos que se inclúen máis de 7.000 actividades. Entre elas, tres grandes exposicións que debuxarán o Ano Santo desde unha perspectiva nunca vista, diversas publicacións, música, artes escécnicas, e un longo etcétera.
Presentouse no Pazo de San Roque a nova versión do Corpus Documental do Galego Actual, unha ferramenta lingüística en liña desenvolvida polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades representativa do uso lingüístico do galego actual. O Centro ten entre as súas finalidades fundacionais o deseño e o desenvolvemento de recursos informáticos que axuden á incorporación da lingua galega ao mundo das tecnoloxías da información e da comunicación, e o do CORGA é un dos proxectos de investigación que se centran en darlle cumprimento a este obxectivo. O CORGA é un corpus documental desenvolvido por medio dun convenio de colaboración coa USC, e integrado por distintos tipos de textos: xornais, semanarios, revistas, ensaios e textos de ficción.
A mostra fotográfica Vía Láctea, guía de Peregrinos a Galicia reúne en Santiago de Compostela 40 láminas gran formato realizadas en aluminio seleccionadas do libro editado por Lúdica7 Galicia un lugar mágico para contemplar las estrellas. As fotografías realizadas por Daniel Llamas e Daniel Lois mostran a aparición da Galaxia dende diferentes lugares único de Galicia. A exposición está no claustro alto do Colexio de Fonseca da USC onde se poderá visitar ata o próximo día 26.
Os traballos arqueolóxicos e de escavación desenvolvidas ao longo das últimas semanas na Cova Eirós permiten adentrarse no coñecemento dos modos de vida dos grupos de neandertais que durante o Paleolítico medio moraron esta cova radicada na montaña luguesa, e achegan luz sobre as formas de aproveitamento e explotación dos diferentes recursos do territorio.
Un total de 56 obras son as presentadas á nova edición do Premio Torrente Ballester en galego da Deputación da Coruña que se fallará no próximo outono. O premio, dotado con 25.000 e a publicación da obra, recaeu na pasada edición na novela titulada "900", de Xabier López, que vén de chegar ás librarías. A novela gañadora do XXX Premio Torrente Ballester de narrativa en galego, editada nesta edición por Galaxia, chega co número de páxinas que anunciaba no seu título: "900".
Este martes preséntase no Museo Etnolóxico de Ribadavia o libro do antropólogo Francisco Almarcha El Lobo. Tótem y tabú editado por Tundra, será presentado polo tamén antropólogo Félix Castro Vicente que fará unha panorámica das crenzas sobre o lobo en Galicia. Neste traballo Francisco Almarcha analiza como o lobo pode interpretarse como un animal tabú e un tótem no que os seres humanos proxectamos temores, fobias, ansiedades, aspiracións e anhelos, produto de diferentes condicionantes socioculturais.
O Premio Ourense, un dos máis arraigados na historia do Ourense Film Festival, será na 24ª edición, organizada pola Deputación de Ourense, para o director ourensán Norberto López Amado que, desde finais deste ano, dirixirá a serie "3Camiños", que será gravada por varios países pola produtora galega Ficción Produccións. O Premio Ourense foi na edición anterior para o actor Luis Tosar, e entre os galardoados en edicións anteriores están os directores Luis Gª. Berlanga, Enrique Urbizu e Emilio Martínez Lázaro.
A lenda estadounidense do rock, Patti Smith, actuará este venres no 33º Festival Noroeste Estrella Galicia. O seu directo é unha das citas máis esperadas do ano, xa que se trata do único concerto gratuíto que a artista ofrecerá este verán no estado. Smith, acompañada pola súa banda, revisará no areal coruñés os grandes éxitos dunha carreira de máis de catro décadas e ateigada de himnos que forman parte da historia universal do rock, como Because the night, People have the power ou Gloria.
A feira de artesanía MOSTRART, que se está a celebrar nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, renova a partir de hoxe 13 das súas casetas, ca participación de outros 13 novos obradoiros que suporán un atractivo engadido e a oportunidade de visitar a feira por segunda vez, para encontrar novas e refrescantes propostas creativas. Mostrart está organizada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA), que traballa na promoción da artesanía dende 1983.
O festival coruñés de cómic autoeditado alcanza este agosto a súa duodécima edición, despois de seis edicións de verán e outras tantas de inverno. Medio cento de creadoras e creadores inscritos porán á venda as súas novidades no encontro, que ademais contará con palestras, presentacións, edicións exclusivas, mostras e o célebre Combate de Debuxantes. É a festa dos autores e autoras de banda deseñada que publican os seus propios traballos.
A obra gañadora é de Willa Cather (1873-1947), un dos grandes referentes da literatura estadounidense de comezos do século XX, a quen aínda non se podía ler en galego. O xurado da XVIII edición do Premio Plácido Castro de Tradución resolveu premiar a Antía Veres Gesto pola tradución da novela A Lost Lady ou Unha muller perdida, de Willa Cather. Antía Veres dedícase á tradución, ámbito no que traballa en varios proxectos, entre os cales destacan os de tradución literaria.
O venres 9 de agosto, o MARCO súmase, un ano máis, á celebración da Noite Branca, unha iniciativa do Concello de Vigo que ten como principal obxectivo poñer en valor o patrimonio da nosa cidade, desenvolvendo unha programación específica de actividades nos centros da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo, dirixidas á cidadanía e aos visitantes doutros lugares durante estes meses de verán. Nesta noite especial, o MARCO amplía o seu horario de apertura ata as 2.00 da madrugada.