Notas de prensa

O festival Autobán de cómic autoeditado alcanza este agosto a súa duodécima edición

O festival coruñés de cómic autoeditado alcanza este agosto a súa duodécima edición, despois de seis edicións de verán e outras tantas de inverno. Medio cento de creadoras e creadores inscritos porán á venda as súas novidades no encontro, que ademais contará con palestras, presentacións, edicións exclusivas, mostras e o célebre Combate de Debuxantes. É a festa dos autores e autoras de banda deseñada que publican os seus propios traballos.

Nos últimos anos o Autobán sitouse como un punto de referencia inexcusable na Península Ibérica para os amantes dos fanzines, do cómic independente e das novas xeracións de valores, que encontraron no evento coruñés unha lanzadeira ideal e un punto de confluencia caracterizado polo bo ambiente. Este ano contarase con nomes habituais no panorama galego, tanto mozos como sinaturas consagradas, aos que se sumarán promotores de proxectos autoeditados desde Madrid, Barcelona, Castela e Levante.

Dous días, dúas localizacións

Autobán 2019 transcorre o venres 9 e o sábado 10 de agosto, o primeiro día na Nave 1839, na coruñesa estación de ferrocarrís de San Cristobo, e o sábado na Cervexería Meliora local céntrico próximo á rúa do Orzán. En datas esta fin de semana coincide coas festas da cidade, e especialmente co Noroeste e con Viñetas desde o Atlántico, o que a converte na ocasión perfecta para se achegar á cidade herculina. As actividades son de asistencia gratuíta.

Programa

PRIMEIRO DÍA

Data: Venres 9
Onde: Nave 1839
Horario: 18:00-23:00 aprox.

18:00 - Brilé Brutal
Xogo ao aire libre e moitos risos como benvida a tod@s. Xa un pequeno clásico no Autobán.

19:00 - Autobombo
Micropresentacións multimedia de 15 dos proxectos participantes neste Autobán.

21:30 - Combate de debuxantes
Oito deseñadores improvisan debuxos en roldas sucesivas, votadas polo público até dar un vencedor. Clímax da xornada ateigado de concorrencia.

SEGUNDO DÍA

Data: Sábado 10
Onde: Cervexería Meliora
Horario: 12:30-21:30 + festa posterior desde 1AM

12:30 a 21:30 - Feira de fanzines
Nove horas continuadas de venda das publicacións editadas para a ocasión polas pequenas editoriais e creadores participantes.
Desenvolverase no interior e exterior da Cervexería Meliora e amenizará a xornada o xenial DJ Gramola.

17:30 - "Cousas de debuxantes"
Se xuntas a falar a representates de calquera gremio, o normal é que acaben resolvendo os problemas do oficio nunha tarde. Iso é o que esperamos que pase nesta xuntanza de ilustradores ou que, a lo menos, nos transmitan as principais problemáticas do seu colectivo, como a necesidade de sincerarse ante os abusos editoriais, a falta de críticos especialistas en linguaxe visual ou a problemática do mercado para productos de pequena imprenta. Seguro que aprendemos algo ó velos debatir sobre estas e outras cuestións.
Participan Bea Lema, Pilar Marcó, Alberto Vázquez e Roberta Vázquez. Modera por Teresa Ferreiro.

19:00 - " Visibilidad LGTB+ na nova onda fanzineira"
Cada vez é máis habitual ver no mundo da BD a autores e autoras LGTB+ falando da súa experiencia nas súas obras, xa sexa en memorias autobiográficas ou en ficcións de xénero. O eido da autoedición tampouco é alleo a este fenómeno. Nesta ocasión reunimos unha representación de artistas do colectivo que presentan os seus fanzines neste Autobán 2019, para que nos falen da súa perspectiva sobre esta nova visibilidade na historieta.

Participan: Gemma Álvarez, Shiki Owo e Andy López. Modera Óscar Iglesias.

20:30 - "Sacoponcho: Revisitando un futuro clásico"
Sacoponcho foi un dos buques insignia da nova ola de creatividade fanzineira galega surxida nesta década, cuxa traxectoria transcurriu en paralelo a eventos como o propio Autobán. Anos despois do derradeiro número publicado, varios membros do colectivo Fume de Carozo seguen activos no mundo do comic, alternando a profesionalización coa experimentación radical. Queremos presentar unha historia oral de Sacoponcho e que os seus creadores nos conten as súas orixes, a súa evolución e as distintas traxectorias posteriores dos implicados.
Participan Xulia Vicente e Luis Yang. Modera Miguel Porto.

21:30 - Pecha a feira de fanzines

01:00 - Comeza a gran festa de despedida na Cervexaría Meliora.

Autobán, 2019-08-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES