
Baixo o título NCG10, o CGAI conmemorará os 10 anos da denominación Novo Cinema Galego, o distintivo utilizado por primeira vez polo escritor Martin Pawley e que ata o día de hoxe se segue a empregar como referencia para identificar unha xeración de cineastas e de títulos moi diferentes nos aspectos estéticos e temáticos, pero unidos pola asunción de riscos formais, a posta en valor dos talentos individuais como único límite e o diálogo coas correntes máis innovadoras a nivel internacional. A produción á marxe da industria, a hibridación de xéneros e formatos e os recoñecementos acadados en festivais de prestixio son tamén outros dos seus trazos comúns.
Así, e sen afán exhaustivo, nomes como Alberte Pagán, Oliver Laxe, Peque Varela, Eloy Enciso, Xurxo Chirro, Lois Patiño, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Marcos Nine, Ángel Santos, Lara Bacelo, Ramiro Ledo ou o dúo WeAReQQ estarán presentes nesta retrospectiva, que arrancará con dúas sesións de acceso gratuíto para a proxección de cinco pezas previas filmadas entre 2006 e 2010. A primera será o sábado 11 de xaneiro, presentada por Martin Pawley e dedicada a Oliver Laxe con Grr nº7: Y las chimeneas decidieron escapar (asinada con Enrique Aguilar), ademais de Grr nº8: Suena la trompeta, ahora veo otra cara e de París#1. A segunda das citas de NCG10 terá lugar o 22 de febreiro e nela poderán verse Eclipse e Bs. As, dúas fitas de Alberte Pagán.
Hitchcock e Kubrick
Neste mes de xaneiro, o CGAI rematará a antoloxía que lle está a dedicar desde setembro ao mestre norteamericano do suspense Alfred Hitchcock. A terceira e última entrega de Universo Hitchcock, ciclo organizado a demanda do público da filmoteca, comprende sesións dobres (ás 18,00 e ás 20,30 h.) das películas Enviado especial (día 8), Alarma en el expreso (día 17), Sospecha (día 24) e Los pájaros (día 28).
Ademais, e aproveitando a posta a disposición de novas remasterizacións dixitais, a cinemateca galega proxectará unha parte substancial da filmografía de Stanley Kubrick, figura lendaria no imaxinario da arte cinematográfica do século XX. Os títulos en carteleira son Eyes Wide Shut (21 e 23 de xaneiro), Lolita (29 de xaneiro), 2001, una odisea del espacio (31 de xaneiro), La naranja mecánica (6 de febreiro), Barry Lyndon (13 e 14 de febreiro), El resplandor (20 de febreiro) e La chaqueta metálica (27 de febreiro).
Cine español e Pensando en... con Xosé Manuel Pereiro
O sábado 1 de febreiro, o CGAI acollerá unha nova edición do programa organizado por Antón Reixa Pensando en cine, pensando en Galicia, dedicado á exhibición de películas galegas coas presentacións e comentarios de persoas vencelladas á nosa cultura. Nesta ocasión, a fita escollida é Encallados, de Alfonso Zarauza, e o comentarista será o xornalista Xosé Manuel Pereiro.
Neste bimestre seguirá tamén o ciclo de cinema español Banda á parte, coas películas La virgen de agosto, de Jonás Trueba (9 de xaneiro); Letters to Paul Morrissey, de Armand Rovira (15 de xaneiro); Liberté, de Albert Serra (22 de xaneiro); La hija de un ladrón, de Alberto Funes (30 de xaneiro); Sin techo, de Xesc Cabot e Pep Garrido (4 de febreiro); Los días que vendrán, de Carlos Marqués-Marcel (5 de febreiro); Ari y Yonai pasan el rato, de Yonai Boix e Ariadna Onofri (7 de febreiro); Cantares de una revolución, de Ramón Lluís Bande (12 de febreiro); Derechos del hombre e El complejo de dinero, as dúas de Juan Rodrigáñez (18 e 19 de febreiro, respectivamente); e El viaje de Marta, de Neus Ballús (26 de febreiro).
Así mesmo, terán continuidade as seccións habituais Off Galicia, dedicada ao cinema galego recente; CGAI Júnior, para o público infantil, e Desencadres ou Fóra de serie, nas que se presta atención a películas ou autores de interese non inseridos en ningún dos ciclos en curso.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.