Noticias

O CDG combina espectáculos e talleres infantís no Nadal dentro do ciclo 'Gran teatro para os máis pequenos'

O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por cuarto ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. A programación especial para estas festas desenvólvese os días 28 e 29 de decembro e 3 e 4 de xaneiro, arredor de dous espectáculos das compañías galegas Aporía Escénica e Talía Teatro precedidos de cadanseu taller. O ciclo arrancará esta fin de semana con Animal Sagrado, unha proposta dirixida por Diana Mera para público a partir de tres anos, na que se establece unha relación cos animais como seres vivos sabios e inocentes dos que temos moito que aprender.

A través de tres animais considerados máxicos e sagrados en tres culturas (o gato en Exipto, o elefante en África e os peixes koi en Xapón), técese un nexo de unión entre a historia pasada e a presente. As funcións terán lugar o sábado 28 ás 19,00 h. e o domingo 29 ás 12,30 e ás 19,00 h.

Cada unha das representacións será a continuación do taller titulado Creando espazos escénicos, que principiará dúas horas antes e co que os participantes descubrirán distintas sensacións en función das cores, da luz, das texturas e dos volumes que se utilizan nos espectáculos.

Lingua para saborear

Nos mesmos horarios desenvolverase o sábado 3 e o domingo 4 de xaneiro o espectáculo Lambetadas, de Talía Teatro, xunto ao obradoiro Ao revés. As texturas da luz. Dirixido por Santiago Cortegoso, Lambetadas é un espectáculo recomendado para nenas e nenos de 4 a 11 anos de idade, que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. O traballo de creación baséase nos textos encargados a varios autores (Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa), que son levados a escena con técnicas de clown e de teatro de obxectos. Mediante o xogo escénico e o humor, os dous protagonistas han pasar por diversas situacións cómicas que os levarán, sempre desde unha linguaxe naif e inocente, a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas. Pero acaban descubrindo que a identidade está na propia lingua, porque con ela se poden saborear as lambetadas máis doces e variadas.

No taller Ao revés, cun nariz de pallaso e un xogo de teas, obxectos e palabras, as cativas e cativos vestiranse do revés xogando a ser outros. Descubrirán así como nos pode transformar o vestiario dun personaxe, incluso cando este é un obxecto inanimado. Ademais de buscar novas formas expresivas, o obradoiro céntrase na importancia do vestiario en escena, así como na manipulación de obxectos.

Localidades e reservas de prazas

O Centro Dramático Galego oferta 30 prazas para cada unha das seis sesións dos talleres, que serán impartidos por Elea López na sala da biblioteca do Salón Teatro. Baixo o lema común Saca a arte que levas dentro, estes obradoiros teñen por obxectivo difundir a arte escénica entre os nenos e nenas, xa que están directamente relacionados co que verán a continuación no escenario. Ao mesmo tempo, favorecen a conciliación familiar nestas datas. Os obradoiros están dirixidos especialmente para nenos a partir de cinco anos, que poden quedar neles sos, mentres que nas funcións é necesario que estean acompañados por, cando menos, un adulto. A participación é gratuíta, xa que está incluída no prezo das localidades para os espectáculos, pero é imprescindible a reserva telefónica previa no teléfono 881 867 229 (operativo de luns a venres, de 9,00 a 14,00 h.).

As entradas están xa á venda no servizo electrónico entradas.abanca.com, no teléfono 902 43 44 43 e no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes de cada pase. O prezo xeral por función é de 8 euros para as localidades soltas e de 6 euros no caso da oferta familiar (mínimo de tres entradas para a mesma ou distintas funcións).

R., 2019-12-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES