Noticias

A nova temporada da Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece 328 actuacións e 18 estreas ata xuño

A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) reinicia a súa actividade coa posta en marcha da súa primeira carteleira semestral de 2020, que ata o mes de xuño lle ofrecerá ao público galego 328 actuacións escénicas e musicais en 45 escenarios de 40 localidades. A primeira delas será a que protagonizarán a coreógrafa e bailarina Janet Novás e a música Mercedes Peón o venres en Lugo co espectáculo de danza Merecedes máis eu, inserido á súa vez no ciclo Lugo en Danza. Con máis de vinte anos de traxectoria ininterrompida, a Rede Galega de Teatros e Auditorios é un dos principais circuítos para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional.

A Xunta é a impulsora da RGTA, que xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura e Turismo, e cofinancia xunto coas entidades locais xestoras dos seus espazos asociados, aos que este ano se suma por vez primeira o Auditorio de Goián, en Tomiño.

Estreas en rede

O orzamento do circuíto para este primeiro período de programación anual é de 1 millón de euros, que se destina a financiar as actuacións das 111 formacións artísticas contratadas, galegas na súa meirande parte. Dezaoito delas estrearán, ademais, os seus novos espectáculos no seo da Rede Galega de Teatros e Auditorios, para os que –en moitos dos casos– contaron con subvención autonómica a través da última convocatoria de axudas á creación escénica.

A primeira destas estreas de títulos subvencionados será a de Carabela, de Galeatro, que terá lugar o 19 de xaneiro no Pazo da Cultura de Carballo como parte da nova programación que será presenta esta mesma tarde en rolda de prensa coa asistencia do director da Agadic, Jacobo Sutil.

Seguiranlle O candil, de Escola Galega de Teatro Musical (24 de xaneiro no Fórum Metropolitano da Coruña); O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro (31 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago); As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste (15 de febreiro no Auditorio Municipal de Vilagarcía); A conquista da escola Madhubai, de Teatro do Atlántico (28 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón); Dreaming Juliet, de Elefante Elegante (20 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña); Pika, de Cinema Sticado (21 de marzo no Auditorio Municipal de Cangas); Os nenos da varíola (22 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense); O mozo da última fila, de Redrum Teatro (16 de abril no Principal de Santiago), e Thesaurus, de Ánxela Blanco (25 de abril no Teatro Rosalía da Coruña).

Circuíto profesional

Con máis de vinte anos de traxectoria ininterrompida, a Rede Galega de Teatros e Auditorios é un dos principais circuítos para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional, ademais de ofrecer tamén concertos de música. Ao longo de 2019 acolleu 554 actuacións en espazos de 39 concellos.

R., 2020-01-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES