Noticias

O Xacobeo 2021 ofrecerá aos galegos e visitantes 10 actividades ao día e 313 escenarios durante os próximos dous anos

O Xacobeo 2021 ofrecerá 10 actividades ao día e 313 escenarios ao longo de 2020 e 2021. Galicia vivirá así os primeiros 700 días dos 5.000 que temos por diante da década xacobea”. Baixo a previsión dunha asistencia a todos os eventos de máis de 7 millóns de persoas, se ben o escenario principal será Santiago, haberá outros 312 por toda a Comunidade, coa posta en marcha de máis de 180 proxectos nos que se inclúen máis de 7.000 actividades. Entre elas, tres grandes exposicións que debuxarán o Ano Santo desde unha perspectiva nunca vista, diversas publicacións, música, artes escécnicas, e un longo etcétera.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe aos galegos e visitantes 10 actividades ao día e 313 escenarios para celebrar o Xacobeo da mellor Galicia durante os próximos dous anos. “Ao longo de 2020 e 2021, Galicia vivirá os primeiros 700 días dos 5.000 que temos por diante da década xacobea”, dixo, subliñando que o avance da Programación do Xacobeo 2021, presentado esta mañá xa conta con recursos, está consolidado, é descentralizado e é completo.

Baixo a previsión dunha asistencia a todos os eventos de máis de 7 millóns de persoas, Feijóo aseverou que, se ben o escenario principal será Santiago, haberá outros 312 por toda a Comunidade, coa posta en marcha de máis de 180 proxectos nos que se inclúen máis de 7.000 actividades.

“Constatamos que os galegos estamos implicados por completo na celebración do Xacobeo dos 5.000 días”, sentenciou durante a reunión da Comisión Organizadora, que dá continuidade á xuntanza que tivo lugar no mes de xullo. Alí agradeceu á Igrexa Católica, e especialmente ao Arcebispado de Santiago, ao Concello, ao conxunto de municipios representados pola Fegamp, ao resto do Estado, representado pola Delegación do Goberno, e a todos os axentes implicados o traballo que están a facer polo Xacobeo 2021, e pediulles “que esta relación continúe”.

Feijóo aseverou que o documento presentado está vivo e suxeito a modificacións e engadidos, “porque seguimos traballando nel; porque seguimos esperando por respostas do Goberno central, agardando cal é a súa implicación real unha vez haxa unha toma de posesión; e porque contamos coa participación activa das deputacións e dos concellos, que estou seguro que unha vez lles presentemos esta folla de ruta, se irán unindo, e irán modificando e propoñendo”, explicou.

Un Xacobeo para todos, con todos e en toda Galicia

Para facer un Xacobeo 2021 para todos, con todo e en toda Galicia, o responsable do Executivo autonómico aseverou que o obxectivo é “que abranga toda Galicia, que haxa actos en toda Galicia e que os actos sexan numerosos en contidos”.

Ao fío disto, referiuse á posta en marcha de numerosas iniciativas que demostran o compromiso da Xunta con este fin como: o programa O teu Xacobeo, grazas á cal os galegos están facendo realidade centos de proxectos artísticos, culturais, sociais ou innovadores en toda a Comunidade, cun apoio de 8 millóns de euros; ou o Son do Camiño, “que está entre os catro festivais máis importantes de España e só leva dúas edicións” –dixo-, no Monte do Gozo. Un evento xa consolidado e ben rodeado durante o verán das demais citas que conforman Fest Galicia, coa que se confirma a nosa terra como destino musical.

Por outra banda, e de cara a reforzar a promoción internacional do Xacobeo, Feijóo salientou o proxecto 3Camiños, unha serie de ficción que se rodará en 3 continentes e 5 países, cun argumento que se artella arredor dun grupo de mozos que, nun momento crucial das súas vidas, deciden emprender o Camiño de Santiago, e que se distribuirá internacionalmente, cunha audiencia prevista de 5 millóns de espectadores.

“Unha promoción que se fará de forma explícita en Dublín, Portugal e Roma”, precisou, ao que engadiu a apertura na capital italiana, o vindeiro ano, dunha Oficina de promoción turística.

Tres grandes exposicións, Xacobeo Cidades, Xacobeo en Camiño

Por outra banda, un total de tres grandes exposicións debuxarán o Ano Santo desde unha perspectiva nunca vista. A primeira delas, Galicia, un relato no mundo, xa está en marcha e é a máis visitada da historia da Cidade da Cultura; de maio a decembro do ano que vén, abrirase a mostra Galicia de Nós a Nós, coa que se celebrará o centenario da conformación da Xeración Nós e da Revista Nós, xunto a outros eventos ao longo de todo o 2020; e a exposición Galicia Futuro terá lugar de abril a setembro de 2021, cunha reflexión do futuro da comunidade tendo en conta os ámbitos sociais, económicos e culturais.

No apartado da edición literaria, xa están en marcha dúas publicacións baixo o título A Catedral de Santiago: unha visión integral. A restauración e conservación da Catedral 2011-2027, que farán accesible para o público non especializado a fascinante historia da Catedral, desde o inicio da súa construción ata os nosos días, co relato de destacados especialistas.

Así mesmo, e para que o Xacobeo 2021 sexa para todos e con todos, desenvolverase o Xacobeo Cidades, con música, artes escénicas ou exposicións organizados en colaboración cos concellos da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra; e cunha programación na que están contempladas 120 actividades e ás que está previsto que asistan máis de 300.000 persoas.

Co mesmo espírito organizarase, tamén, o Xacobeo en Camiño, co que se chegará ás principais vilas e cabeceiras de comarca, uns 76 concellos, a través de 1.400 actividades. “Serán Son do Camiño en miniatura, con actuacións que durarán dous ou tres días en cada municipio, neste caso con artistas exclusivamente galegos”, explicou, co obxectivo de chegar a 400.000 persoas.

Un Camiño de Santiago sustentable e que respecta ao medio ambiente

Logo de recordar outras iniciativas como o Plan de mellora de aloxamentos turísticos ou o programa Elixe Galicia, como aposta polo turismo interno, o presidente da Xunta asegurou que o Camiño de Santiago e o Xacobeo estarán vinculados á sustentabilidade, á ecoloxía e ao respecto polo medio ambiente.

Así, de cara a un Camiño impacto cero, terase en conta en toda a programación cultural o principio de sustentabilidade e aplicaranse medidas como a reutilización e a reciclaxe de plásticos, incrementarase o uso de enerxías renovables, reforestaranse espazos con especies autóctonas e desenvolveranse distintas iniciativas para o embelecemento da paisaxe e a contorna.

“Ademais mellorarase a accesibilidade para facer un Camiño diverso, impulsarase a labor dos voluntarios en múltiples facetas e promoveranse proxectos de rehabilitación específicos de bens de interese cultural e etnográficos”, anunciou.

Por último, e no compromiso dun Camiño baseado nos valores e na universalidade, levaranse a cabo iniciativas como a organización de foros de diálogo con líderes mundiais, de congresos e encontros académicos internacionais, visitas de referentes destacados a Galicia ou reunións con representantes institucionais de primeira categoría na Comunidade.

“Temos que seguir traballando. Este proxecto é moi ambicioso, porque facer 10 actividades ao día significa que o Xacobeo vai estar ao longo e ancho de toda Galicia”, concluíu Feijóo, adiantando que cando un peregrino chegue a calquera lugar onde se sela a compostelana, “aí ten que haber programación do Xacobeo”.

R., 2019-12-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

'A Galicia inédita' reúne obras de profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu quefacer en medios de comunicación de Galicia, complementadas con lendas de corte literario ou informativo, elaboradas por membros da APG e outros xornalistas que tamén traballan na nosa comunidade autónoma. As imaxes captan todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ata sucesos de actualidade.
Persoal investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC desenvolveu unha nova estratexia para o transporte de material xenético ao interior das células mediante vesículas formadas por lipopéptidos catiónicos autoensamblables. O traballo representa un avance no desenvolvemento de sistemas non virais para terapia xénica.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES