Notas de prensa

Este vernes celébrase 'A Noite Branca' no MARCO de Vigo

O venres 9 de agosto, o MARCO súmase, un ano máis, á celebración da Noite Branca, unha iniciativa do Concello de Vigo que ten como principal obxectivo poñer en valor o patrimonio da nosa cidade, desenvolvendo unha programación específica de actividades nos centros da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo, dirixidas á cidadanía e aos visitantes doutros lugares durante estes meses de verán. Nesta noite especial, o MARCO amplía o seu horario de apertura ata as 2.00 da madrugada.

O público poderá coñecer ou afondar nos contidos das exposicións temporais, e sumarse ás visitas guiadas conducidas polo persoal de salas. Ademais, o Espazo Anexo acollerá a presentación do poemario ilustrado "hacialaluz: poesía, sonido, imagen". Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta ata completar capacidade.

Visitas guiadas ás exposicións
Lugar: salas de exposición da planta baixa e do 1º andar
Horario: ás 12.00, 18.00, 20.00, 21.00, 23.00 e 00.00

DESTACADOS. Colección Telefónica e Coleccións Concello de Vigo
Salas de exposición da planta baixa
Unha selección de pintura, escultura e obra en papel das pezas máis significativas e icónicas da Colección Telefónica. As pezas reunidas no MARCO, sen seguir un estrito percorrido cronolóxico, permiten trazar unha breve panorámica dalgúns dos capítulos máis interesantes da historia da arte do século XX. Ademais, como valor engadido da mostra en Vigo, a través dunha coidada selección de obras procedentes das Coleccións do Concello de Vigo establécense vínculos e diálogos con creadores galegos renovadores, que deron paso á modernidade en Galicia.

XOSÉ LUÍS OTERO. Atlas de soidade
[Ciclo Metrópole. Perspectiva urbana da arte galega]
Salas de exposición do 1º andar
A proposta de Xosé Luís Otero para a cuarta achega do ciclo METRÓPOLE participa das dúas disciplinas clave na formación e posterior traxectoria do artista, a pictórica e a escultórica. A partir da seriación o artista logra confeccionar o paisaxístico pano de fondo da súa propia traxectoria vital. A exposición inclúe unha selección de obras de nova produción baixo o título Atlas de soidade, pezas todas elas realizadas nos últimos meses especificamente para esta mostra e para este lugar.

Documental RESCATADA. 68 anos agardando a memoria filmada
Patio 1 (planta baixa)
Un documento histórico filmado en 1951 e 1952, procedente dos arquivos da familia Beiras Cal, e recuperado do olvido por Miguel Piñeiro e o equipo da produtora Atlantis Multimedia. O filme inclúe unha reportaxe sobre o arquitecto Manuel Gómez Román e o seu acto de ingreso na Real Academia Galega, xunto a outras gravacións históricas realizadas polo intelectual galeguista Antón Beiras, a modo dun ‘contra NODO’ destinado á cultura galega no exilio. O filme proxéctase en continuidade, acompañado pola voz do historiador Xurxo Martínez González.

Presentación do poemario ilustrado
"hacialaluz: poesía, sonido, imagen"
Lugar: Espazo Anexo (praza peonil posterior)
Horario: ás 20.30
Hacialaluz son palabras que provocan unha reacción musical e unha expresión gráfica. Xorde da necesidade de expresión de cada un dos seus autores: os versos de Constance Hurlé aparecen na escena xunto aos peiteados da guitarra de Rui Grenha; Juan Blanco xoguetea cos uns e os outros e convirte esta expresividade nun conxunto visual que se materializa nun libro. Este libro é o resultado dun meticuloso traballo que se presenta ao público en forma de concerto poético, xunto cunha mostra das imaxes da publicación. O seu carácter fresco e innovador fai de "hacialaluz" unha manifestación artística xenuina, un espectáculo para os sentidos incapaz de deixar ao público indiferente.

Ficha técnica:
Dirección e texto: Constance Hurlé
Composición musical: Rui Grenha
Ilustración e deseño: Juan Blanco Delgado
Intérpretes: Constance Hurlé & Rui Grenha
Comunicación: Chachacha Studio
Deseño gráfico: Juan Blanco Delgado
Editorial: La fábrica de libros
Fotografía e vídeo: Juan Blanco Delgado, Jesús LaFuente
Produción musical: Bea Besada Homestudio
Colaboración musical: Javier Pereiro “GDjazz”, Ricardo Díaz, Rubén Fernández, Xis Trío
Agradecementos: La Canalla, Agrupación Fotográfica Galega, CSA A Cova dos Ratos

Museo de Arte Contemporánea de Vigo, 2019-08-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES