Notas de prensa

Francisco Almarcha presenta a súa nova obra 'El Lobo. Tótem y tabú'

Este martes preséntase no Museo Etnolóxico de Ribadavia o libro do antropólogo Francisco Almarcha “El Lobo. Tótem y tabú” editado por Tundra, será presentado polo tamén antropólogo Félix Castro Vicente que fará unha panorámica das crenzas sobre o lobo en Galicia. Neste traballo Francisco Almarcha analiza como o lobo pode interpretarse como un animal tabú e un tótem no que os seres humanos proxectamos temores, fobias, ansiedades, aspiracións e anhelos, produto de diferentes condicionantes socioculturais.

Desde unha perspectiva antropolóxica, a relación establecida con el reflicte a nosa visión da sociedade, da natureza e do mundo espiritual; unha relación complexa que foi variando a través do tempo e que mostra a importancia simbólica deste predador nas sociedades nas que está presente ou o estivo no pasado.

Francisco Almarcha, antropólogo, filólogo e observador de aves, reside actualmente en Villena (Alacante). Desde 1992 é profesor de Lingua e Literatura Castelá e desde 2010 de Antropoloxía no Departamento de Humanidades contemporáneas da Universidade de Alacante. Especialmente interesado nas interrelacións entre animais humanos e non humanos, publicou diferentes artigos, tanto académicos como divulgativos, nos que mostra o seu compromiso conservacionista. No ano 2017 leu a súa tese doutoral ( coodirigida por M. Pastor e Garry Marvin) na Universidade de Alacante sobre o turismo e o lobo na serra da Culebra.

Félix Castro Vicente, avogado, antropólogo, músico, e bibliófilo, ten realizado diversas investigacións de tipo etnográfico, xunto co seu irmán Cástor, sobre todo no campo da música tradicional de Ourense, salientables os seus traballos arredor do músico e artesán Faustino Santalices. Outro campo no que teñen feito achados de importancia, é arredor da figura de Manuel Blanco Romasanta “o home do unto”, “o home lobo de Allariz”, razón pola que tamén ten estudado incidentalmente as crenzas sobre o lobo e a licantropía en Galicia. Tamén ten investigado sobre o ocultismo español, bibliografía, escritores e autores ocultistas do cambio do século XIX ao XX, principalmente arredor do Libro de San Cipriano e a súa relación cos grimorios europeos, campo no que é un referente internacional. Con este motivo nos últimos anos reuniu unha colección de máis de trescentas obras antigas de ocultismo.

Museo Etnolóxico de Ribadavia, 2019-08-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES