Noticias

Presentado o Festival Internacional Pórtico do Paraíso nunha edición que se estende por vez primeira á provincia de Lugo

A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso adiantou hoxe o cartel da súa décimo terceira edición, que terá lugar do 6 ao 15 de marzo. O festival, dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos singulares, esténdese por vez primeira fóra da provincia de Ourense, para ofrecer na Ribeira Sacra lucense dous dos cinco concertos programados este ano. O concerto inaugural correrá a cargo da Escolanía de Segovia o 6 de marzo no Templo da Vera Cruz do Carballiño. O festival inclúe, así mesmo, as actuacións do arpista británico Andrew Lawrence King, do violinista galego José Manuel Álvarez ou do Kosmos Emsemble do Reino Unido.

Con tal motivo, Monforte de Lemos acolleu esta presentación, na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, xunto distintos representantes institucionais; Juan Enrique Miguéns, presidente da Asociación Pórtico Musical e director artístico do encontro; e a súa coordinadora, Conchi da Silva.

O representante da Xunta destacou a traxectoria de descentralización seguida polo evento, que en primeiro lugar se estendeu desde a cidade de Ourense a outros puntos da provincia e agora dá o salto á de Lugo. “Desde a Consellería de Cultura e Turismo, vemos esta descentralización do festival e a súa apertura a unha contorna natural e patrimonial de tanta riqueza como é a Ribeira Sacra lucense como un gran valor engadido a un evento que xa conta co aval do público e con recoñecementos tan destacados como o selo de calidade EFFE Label, que se concedeu a Asociación de Festivais Europeos”, sinalou.

Concerto inaugural

En palabras de Sutil, Pórtico do Paraíso ten xa consolidado un importante papel como plataforma de difusión da música culta entre o noso público a través de propostas tanto de intérpretes galegos como do resto de España e do panorama internacional. Así por exemplo, no cartel deste ano, o concerto inaugural correrá a cargo da Escolanía de Segovia o 6 de marzo no Templo da Vera Cruz do Carballiño.

O festival inclúe, así mesmo, as actuacións do arpista británico Andrew Lawrence King o día 7 na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao), do violinista galego José Manuel Álvarez o día 8 na igrexa do Santo Anxo de Ourense, do Kosmos Emsemble do Reino unido o día 13 na igrexa de Santa María da Régoa de Monforte de Lemos e do guitarrista arxentino Víctor Villadangos o 15 de marzo no Liceo de Ourense. Este último será, ademais, o encargado de impartir o curso de interpretación que se desenvolverá do 11 ao 13 de marzo no Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

R., 2020-01-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES